Os cadros que loitan por un mundo mellor

Nun momento no que a arte úsase como marco de protestas climáticas, accións educativas como a da Rede Museística Provincial de Lugo amosan o compromiso destes centros e o seu potencial como ferramentas sociais

Nun momento no que a arte úsase como marco de protestas climáticas, accións educativas como a da Rede Museística Provincial de Lugo amosan o compromiso destes centros e o seu potencial como ferramentas sociais
Imaxe: Rede Museística Provincial de Lugo
No mes de xullo deste ano activistas ambientais británicos pertencentes á plataforma "Just Stop Oil" comezaron a levar a cabo unha serie de accións de protesta que implicaban o ataque a obras de arte de coñecidos centros expositivos abertos ao público e galerías nacionais. Cadros de John Constable, Willian Turner, Vincent Van Gogh, Leonardo da Vinci, Picasso, ou Monet, entre outros, foron obxecto de actos que non se dubidou en cualificar de "vandálicos" e que se repetiron estes meses en outros países, incluíndo España. A finalidade era facer un chamamento de atención urxente sobre a crise medioambiental e protestar por determinadas políticas gobernativas que consideraban que contribuían a agravala. A relevancia mundial destas obras de arte agredidas así como das institucións que as albergaban eran, para estes activistas, unha ferramenta perfecta para a difusión global da súa mensaxe. Pero o rexeitamento social pola agresión ao patrimonio artístico da humanidade que moitas destas pezas e autores representan, talvez fose na contra da propia mensaxe e obxectivo. Facer dos museos aliados e da arte unha ferramenta para concienciar e educar nas problemáticas do noso tempo semella ser un camiño máis axeitado e menos agresivo, talvez ademais unha mellor semente de futuro. Como algunhas voces afirman, talvez chamando a atención sobre a crise ambiental deste xeito tamén se pon en debate o propio papel dos museos na sociedade, unha cuestión para a cal algúns xa teñen respostas e están a dalas.

Desde o Consello Internacional de Museos (ICOM) a alerta creada polas agresións ás obras e institucións artísticas como marco das protestas levou a este órgano a emitir un comunicado lembrando o papel dos museos como actores chave na iniciativa e o apoio á acción climática coas súas comunidades e recoñecendo o seu compromiso con esta misión. O feito da elección destes contextos como escenario para estas accións reivindicativas responde, segundo o ICOM, ao seu poder simbólico e a súa relevancia nos debates en torno á emerxencia climática. O organismo internacional desexa que os museos sexan vistos como aliados para facer fronte á ameaza común do cambio climático e reitera que "todos os museos, como institucións de confianza , teñen un papel que desempeñar na configuración e creación dun futuro sostible".

"O cambio climático é un gran reto ao que nos enfrontamos como humanidade, pero realmente hai outras maneiras en vez de agredir ese patrimonio, se esas persoas que agreden o noso patrimonio foran educadas como nós estamos a educar aos pequenos entenderían que no museo hai un aliado para poder ter unha ferramenta de denuncia e transformación, que nos museos podemos buscar ferramentas de solución", di nesa liña Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL). Cando fala de educar aos pequenos refírese ao programa educativo que desde fai anos levan a cabo usando para iso os fondos e recursos dos que dispoñen nas catro institucións dependentes da Deputación Provincial das que forma a parte a rede: o Museo Provincial de Lugo; Museo Fortaleza de San paio de Narla, en Friol; Pazo de Tor, en Monforte e Museo do Mar, en San Cibrao. Creada a instancias dos traballadores para conseguir un modelo de xestión sostible dos catro centros, a rede ten hoxe en día, e desde fai moitos anos, un forte programa de accións de carácter educativo e participativo que responden ao modelo de "museoloxía social", unha proposta que ten a súa base nun movemento nacido na Universidade Lusófona da Humanidades e Tecnologías de Lisboa, que desde o inicio dos 90 dedícase a investigar e promover as teorías, experiencias e valores da museoloxía social a través do Movemento Internacional para unha nova Museoloxía (MINOM). Lago admite que de alí parte todo e que, en Lugo sumáronse a esa onda nuns poucos anos. "Nós este modelo de xestión o iniciamos no 99 primeiro no provincial e logo se expande polo rsto coa creación da Rede, iniciativa dun grupo de funcionarios", explica Encarna Lago, que como xerente da rede o é tamén de cada un dos centros que a integran. "É un museo grande (o Provincial) que presta servicio a outros pequenos co cal se traballa o patrimonio, territorio e comunidade, traballamos entendendo o patrimonio coma unha ferramenta de transformación social e o contido dos museos como fontes primarias de coñecemento que teñen que axudar nese obxectivo transformador", detalla a xerente.

ENCARNA LAGO: " NO MUSEO HAI UN ALIADO PARA PODER TER UNHA FERRAMENTA DE DENUNCIA E TRANSFORMACIÓN"



Encarna Lago traballando nas actividades
Encarna Lago traballando nas actividades
Os museos enfróntanse continuamente a cambios e situacións do seu contexto que lles fai ter que reconsiderar a súa misión tradicional de lugares de estudo, conservación e difusión do patrimonio. Por iso a definición do que é un museo non é inmutable, ten cambiado en diferentes ocasións desde a creación do ICOM en 1946, ata en oito ocasións. O modelo de museo social correspóndese perfectamente coa definición vixente arestora dada polo ICOM e aprobada en asemblea da XXVI Conferencia Xeral celebrada en Praga o pasado 24 de agosto. De alí saíu unha definición que tamén é folla de ruta que afirma que, «Un museo é unha institución sen ánimo de lucro, permanente e ao servicio da sociedade, que investiga, colecciona, conserva, interpreta e exhibe o patrimonio material e inmaterial. Abertos ao público, accesibles e inclusivos, os museos fomentan a diversidade e a sostibilidade. Coa participación das comunidades, os museos operan e comunican ética e profesionalmente, ofrecendo experiencias variadas para a educación, o goce, a reflexión e o intercambio de coñecementos». Este é o modelo que Encarna Lago defende desde a RMPL e que, para ela, non admite discusión nin se trata de enfrontar modelos clásicos con actuais, trátase dun cambio ineludible que o propio ICOM certifica, "isto é unha evolución que ten que ser", confirma Lago, "e agora está marcada pola propia definición que o ICOM acaba de aprobar, senón a cumpres non es museo, serás un almacén de obxectos mortos que non está ao servicio das persoas". Mirando ao redor a xerente da RMPL asegura que en Galicia o termo museo, xustamente por isto, non se está a usar correctamente: "hai moitos "museos" que non o son", afirma.

Ferramentas de transformación social
No ano 2015 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptaron a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, un plan de acción a favor das persoas, o planeta e a prosperidade, que nace coa intención de fortalecer a paz universal e o acceso á xustiza. A Axenda propón para concretar estas intencións acadar 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) con 169 metas de carácter integrado e indivisible que abarcan as esferas económica, social e tamén a ambiental. De feito o ODS número 7 é o de ter "Enerxía asumible e non contaminante", o 13 é a "Acción polo clima" e canda menos outros cinco están directamente relacionados co coidado ambiental dos hábitats e os recursos. Dentro do programa educativo da Rede Museística Provincial de Lugo inclúen dende entón actividades como "Cambiemos o cambio" para enfiar o coñecemento e concienciación sobre estes 17 ODS e unilos co coñecemento da arte a través dos fondos que a Rede ten nas súas instalacións. A través dun programa posto en marcha con colexios e asociacións a RMPL fai que as crianzas busquen respostas para as preguntas que propoñen estes 17 ODS nas mensaxes que poidan atopar nas obras dos grandes artistas e nos fondos patrimoniais. Encarna Lago sitúa o interese en traballar estes temas con anterioridade ao que foi a adopción da Axenda 2030, pero en consonancia con ela. "Tiñamos unha folla de ruta marcada que eran os dereitos das persoas de acceso e dentro desas ferramentas o Museo nace cun carácter eminentemente educativo, antes da Axenda 2030 a nosa programación xa ía nesa dirección de traballar as grandes desigualdades", asegura, pero coa declaración destes 17 obxectivos chegou tamén un uso pedagóxico desas urxencias marcadas a nivel global pola ONU, para achar o xeito en que os Museos podían axudar "como ferramenta de transformación social aliada ao terceiro sector facendo activismo a prol dos dereitos das persoas a axudar a paliar este problemas que están detectados e identificados a través dos ODS", di a xerente.
Os 17 ODS
Os 17 Obxetivos para un Desenvolvemento Sostible da ONU

Dise que os museos posúen as mellores historias da humanidade, o xeito en como se conten é a gran cuestión. Amosar unha obra de arte sen máis que dotándoa dun contexto de datos históricos pode dar unha aparencia de "neutralidade", que tamén é moi discutible. Como afirma Lago sería confundir "o rigor científico con rigor mortis" e rexeita que exista un museo "neutro" nin que se converta nun "almacén de obxectos mortos inertes". De acordo con esta liña de pensamento e con esta posición museolóxica hoxe apoiada polo ICOM, as exposicións dos centros pasaron de enfocarse nos obxectos a centrarse nas ideas, ás veces cun compoñente educativo, de compromiso con cuestións de interese contemporáneas. A Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible forman parte destas cuestións e desde a Rede Museística Provincial de Lugo decidiron poñer en funcionamento os seus fondos para contribuír á concienciación a través das xeracións máis novas. En acordo con colexios e asociacións, implicando tamén ao profesorados e, por vez primeira este ano, ás familias, a RMPL iniciou unha actividade con este obxectivo. A idea, facer ver que cando se fala destas problemáticas globais non se trata só de algo que pasa noutros lares, senón tamén na casa propia. "O que se trataba era de traballar coas crianzas e detectar os problemas propios e ver si realmente, no seu día a día, as crianzas teñen detectados estas problemáticas na súa contorna", explica Encarna Lago. "buscamos xerar un debate para que puxeran a súa mirada en detectar os problemas, persoais, familiares, comunitarios , da súa aldea ou territorio, e buscar as solucións". O xeito de instrumentalizar esta actividade, como outras das que leva a cabo a Rede, pasou polo uso dos ricos fondos que os catro museos que a integran atesouran e coidan e conectar estes obxectos do pasado con cuestións do presente, buscando neles as respostas identificadoras reveladoras da pertinencia dos 17 ODS a través das mensaxes que podemos atopar nas obras dos grandes artistas ou no legado patrimonial. "Todas as pezas teñen múltiples miradas", explica Lago que non dubida en definir os fondos como "fontes primarias de coñecemento" que "abren outra maneira de entender o fondo e de traballar para as persoas".

Conectar os obxectos do pasado cos problemas do presente
Tomando o concepto do xogo como ferramenta de aprendizaxe para esta actividade na RMPL fixeron uns petos de liño que lles poñen aos cativos. Neles levan impresas nas costas os 17 ODS e por diante están as pezas. Durante a actividade- xogo pídeselles busquen e localicen as pezas no museo e decida a cal dos ODS a asociarían. Ás veces algunha das pezas asóciase só a un destes Obxectivos e noutros casos pode chegar a verse a relación con máis de un, asegura a xerente, "unha obra pode servirnos para traballar cuestións de clases sociais, desigualdade, auga, modelos de educación, etc. Por exemplo unha sella de transportar á auga, que pode estar en San Paio de Narla, pois che permite un montón de lecturas. "Cando os rapaces poñen o foco no persoal, comezan desde o eu, e ven que ao final as problemáticas poden estar en África, pero nós temos outras, tamén", conta Lago da experiencia. Ademais non deixan de usar recursos en liña e as propias redes sociais do museo, Instagram e Tik Tok, como recursos complementarios, que non excluídos nin excluíntes para o seu programa educativo. "É unha programación multicanle", explícanos a xerente da Rede, "non é que teñas unha on line e unha presencial, é que cada unha axuda a traballar a outra". Neste "xogo" os cativos aprenden a escudriñar con estes fins nas mensaxes "agochadas" en obras pictóricas ou escultóricas de Buciños, Sotomayor, Ramón Conde, Corredoyra, Colmeiro, Julia Minguillón, Maruja Mallo, Francisco Llorens ou Castelao, entre outros. "Os artistas dos que usamos as obras estarían moi orgullosos", asegura Encarna Lago, para ela o traballar o simbolismo e as metáforas que se poidan atopar nelas é "ir á raíz das pezas, buscando as ideas patrimoniais", polo cal as propias obras de arte "dialogan" dun xeito contemporáneo cos cativos sobre problemáticas actuais converténdose así en instrumentos que poden contribuír a melloran a vida das súas comunidades a través dunha onda que se xera a través deles e proxéctase cara o futuro.

"A educación é o eixo transversal a todo o resto", explica Lago ao respecto do que considera debe ser a actividade do museo, "investigase para xerar coñecemento e se conservas algo é porque merece a pena ser conservado porque son fontes de coñecemento, e todo o resto é buscar ferramentas innovadoras para ser capaces de que ese coñecemento chegue da mellor maneira posible a todo tipo de persoas". Estes enfoques achegan os centros museísticos máis ao concepto de espazos de encontro, educativos ou foros, que ao de "templos do coñecemento", máis estático e menos dado ao intercambio e ao debate. "Ás persoas que defendiamos a museoloxía social se nos dicía de xeito despectivo que queriamos converter os museos en centros socioculturais, coma se iso fose un insulto", conta Encarna Lago. Se aceptamos polo tanto que a importancia do museo depende, máis alá das pezas que custodie, do valor dos seus obxectivos e da súa capacidade para conectar co público, podemos concluír que esta Rede, coa súa folla de ruta social, ten unha enorme importancia para a súa comunidade. No relativo ás accións para chamar a atención sobre problemas como os que levaron aos activistas ambientais a levar a cabo as súas accións, estas iniciativas amosan tamén o potencial que pode ter aliarse coa arte en troques de agredila, para buscar as melloras necesarias. "Cremos que os museos somos unhas ferramentas revolucionarias marabillosas para axudar á transformación social", conclúe Lago.


ODS 1 . Fin da Pobreza
Corredoyra
Varios cadros de Jesus Corredoyra presentes na galería recollen situacións da pobreza extrema, como este da imaxe.


RODS 2. Fame Cero
Colmeiro
As "Panadeiras" de Colmeiro representan as mulleres do campo, tomando a responsabilidade da alimentación


ODS 4. Educación de calidade
Julia Minguillón
A obra "Escola de Doloriñas" coa que Julia Minguillón gañou o primeiro premio da Exposición Nacional de Belas Artes en 1941, presente no Museo.


ODS 7. Enerxía asequible e non contaminante
Francisco Llorens
"Remanso", obra de Llorens escollida para simbolizar unha situación ambiental ideal


ODS 8. Traballo decente e crecemento económico
Sotomayor
As "Costureiras" de Sotomayor, simbolizan nesta imaxe unhas condicións laborais correctas que inciden na mellora da situación económica


ODS 9. Industria, innovación e infraestrutura
Jesús Corredoyra
O "Retrato de Tomás Campuzano", por Corredoyra actúa como unha metáfora destes valores e da dedicación dos profesionais do seu tempo.


ODS 11. Cidades e comunidades sustentables
Maruja Mallo
A obra "Guía postal de Lugo", foi realizada por Maruja Mallo en 1929 por encarga do gobernó provincial.


ODS 16. Paz, xustiza e institucións sólidas
Ramón Conde
A escultura de Ramón Conde, "A revolta" serve para simbolizar este obxectivo.
Caderno de Actividades Cambiemos o cambio da RMPL.