Unha mostra para introducirse na cultura visual dos galaicos

A exposición 'Plástica castrexa' pode visitarse en Afundación Ourense ata o 26 de febreiro

A exposición 'Plástica castrexa' pode visitarse en Afundación Ourense ata o 26 de febreiro
Sedentes na mostra.
A poucos pasos da que volverá ser, unha vez rematados os eternos traballos de restauración, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense inaugurou estes días a exposición 'Plástica castrexa', un percorrido por 75 pezas da arte e os motivos decorativos en pedra da Idade do Ferro e da primeira romanización. A exposición pódese visitar na sala de exposicións de Afundación ata o 26 de febreiro e está promovida pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

A mostra aproveita o amplo conxunto de pezas localizadas en castros da provincia ourensá como Armea (Allariz), Castromao (Celanova), Rubiá (Bande) ou Outeiro de Baltar (Baltar). Reunidos a partir de conceptos temáticos que, á súa vez, denotan funcionalidades distintas, a mostra permite apreciar dúas das grandes características da plástica galaica: a súa enorme singularidade e especificade como conxunto artístico e simbólico e, ao tempo, a súa conexión con outras culturas e formas de representación da Idade do Ferro.


Traseira de sedente

A exposición iníciase cos guerreiros galaicos, como os de Armea, e cabezas hoxe exentas que poden estar relacionadas con ese mundo de representación, e da que a máis coñecida é a do guerreiro de Rubiá (Bande). Menos coñecidas pero de gran forza plástica son outras cabezas destinadas a seren encastradas nas paredes de edificios. Na exposición poden apreciarse detalles pouco coñecidos. Por exemplo, unha das rotundas cabezas de Armea, que o investigador Francisco Conde-Valvís localizara no interior dun alpendre de Augas Santas, conta cunha cavidade superior destinada a acoller líquidos ou obxectos. As cabezas conectan a Idade de Ferro galega co universo do culto á cabeza das culturas célticas e centroeuropeas da Idade do Ferro.


Representacións de porcos para encastrar en paredes


Tríscele con círculos concéntricos

Na planta inferior os motivos pasan a ser figurativos. Un auténtico desfile de hexapétalas, trísceles, entrelazados e motivos serpentiformes que se enlazan e se cruzan, localizados nos derrubes de vivendas e casas. O Museo afirma que o seu sentido é controvertido. Trátase unicamente de motivos decorativos ou tamén gardan unha función simbólica ou protectora? Entre os motivos, destacan a presenza de fragmentos de frisos que habían compoñer espazos monumentais. Un aspecto singular e pouco coñecido é a selección por parte do museo de pezas que conservan aínda parte da súa policromía orixinal, amosándonos que a visión actual destas esculturas é distinta á súa concepción orixinal, chea de vermellos e lapislázulis. Unha pedra situada ao carón de varias pezas policromadas revela o proceso: unha pía que aínda conserva moito tinte vermello para preparar as pinturas. A mostra revela todo un estilo definido de decorar e construír estética nas vivendas dos galaicos.


Amarradoiros


Couzóns

A exposición remata cun conxunto de pezas moi diversas, nas que aparecen esveltos amarradoiros, representacións dun carneiro e un cocho moi naturalista, de funcionalidade aínda moi discutiva, ou o misterioso simio, de traza enormemente naturalista, localizado no castro de Castromao. O final son tres sedentes localizados na Limia, postos en relación coa familia dos sedentes ibéricos do levante peninsular. As tres figuras, descabezadas, están sentadas en elaboradas cadeiras con trisqueis, vasos con ofrendas e son tan realistas e reveladoras como misteriosas.

A plástica galaica continuará mantendo os seus misterios, pero a exposición Plástica castrexa axúdanos a preguntalos no seu conxunto.