Máis seis milleiros de persoas forman parte dalgunha coral galega

O primeiro informe sobre estas entidades musicais perfila que son maioría as mulleres de avanzada idade

O primeiro informe sobre estas entidades musicais perfila que son maioría as mulleres de avanzada idade
En Galicia hai 266 corais que agrupan a unhas 6100 persoas. O 70 % dos integrantes destas entidades teñen máis de 60 anos, son maioritariamente mulleres e a súa formación é autodidacta, malia que están dirixidas por profesionais titulados. É o perfil das formacións que describe o informe "As corais en Galicia", o primeiro estudo sobre esta realidade que acaba de elaborar o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe, que xa está dispoñible na web do organismo para a súa descarga, presentouse no marco da xornada 'As corais: dinamizadoras imprescindibles do tecido cultural galego', que busca achegarse á importante función divulgativa e pedagóxica que desempeñan as corais e profundar no seu papel como forzas vertebradoras e dinamizadoras do tecido cultural.

O informe do Observatorio da Cultura Galega nace do interese fundamental por coñecer a magnitude e as características deste tipo de entidades. Historicamente, os coros galegos experimentaron o seu maior auxe ao abeiro das Irmandades da Fala (1916) e o modelo actual deste tipo de formacións ten a súa orixe na Coral Polifónica de Pontevedra, fundada en 1925. Dende ese momento, as corais galegas conseguiron xa non só manterse activas, senón tamén converterse nun instrumento integrador e de participación na cultura das vilas e cidades, así como actuar como divulgadoras do noso patrimonio musical popular.

O perfil
"A avanzada idade dos seus compoñentes é unha das principais características do colectivo. Tres de cada catro compoñentes teñen 60 ou máis anos: un 44 % supera os 70 anos e un 30,7 % atópase entre 60 e 69. Por sexo, un 61,3 % dos integrantes das corais son mulleres e un 38,7 % homes. Esta maioría de mulleres determina tamén a distribución por cordas. Do total de cantantes, o 31 % son sopranos e o 30,2 % contraltos", explica o informe. A formación musical dos cantantes é escasa, xa que só o 23 % ten coñecementos elementais de solfexo para a lectura de partituras. Esta situación contrasta, asegura o informe, "coa elevada formación da figura de director das corais, cun 75,9 % de estudos superiores de música e un 23,4 % de nivel medio". Aínda que o perfil maioritario dos integrantes das formacións son mulleres (61,3 %), os directores son principalmente homes (72,3 % fronte a un 27,7 %).

A modesta dimensión económica é outra característica destas entidades, que se nutren principalmente das cotas que cobran aos asociados. Gran parte destas agrupacións non percibe compensación económica polas interpretacións públicas e o 51,1 % delas cobra subvencións (cun importe medio de 3267 euros). O seu nivel de gasto oscila entre os 200 euros e os 34 000, e responden ao salario do director e aos desprazamentos aos lugares das actuacións. As actuacións fanse principalmente en Galicia (86 % dos casos), con presenza tamén en España e Portugal. O seu repertorio componse de cancións de temas populares (77,4 %), seguidas polas de temática sacra ou relixiosa (60,6 %) e as de compositores históricos (49,6 %). Un 48,9 % das interpretacións das corais galegas é a capela (sen acompañamento instrumental), un 44,5 % das corais mestura actuacións con axuda musical en ocasións e a capela noutras, e un 6,6 % actúa sempre con soporte instrumental. Os principais instrumentos utilizados polas agrupacións nas súas interpretacións son o teclado (40,9 %) e o piano (34,3 %), seguidos polos instrumentos de percusión (17,5 %) e as guitarras (12,4 %). Un 84 % das corais galegas dispón de uniforme propio para as súas actuacións.

A xornada, coordinada por Alejo Amoedo e Cristina Domínguez Dapena. Inclúe a participación de Margarita Guerra, directora da Coral Polifónica do Liceo Marítimo de Vilagarcía de Arousa e decana das directoras actuais de Galicia, que percorrerá a través da súa biografía a historia do movemento coral ata chegar ao nacemento de Ars Musicae. De seguido, Antonio Rey Cornide, presidente da Federación Coral Galega, e Enrique Lorenzo, presidente da Asociación de Corais Polifónicas de Vigo, manterán un coloquio con Patricia Cupeiro. Nel, reflexionarán sobre o presente da música coral en Galicia e os seus problemas, nomeadamente a falta de relevo xeracional. A xornada será gravada e as intervencións poderán escoitarse desde o web corporativo e a canle de YouTube da institución.