María de las Mercedes Goicoa, nada na Coruña o 10 de xullo de 1928 e falecida o pasado venres 11 de novembro, foi a primeira muller que presidiu unha das trece Reais Academias de Belas Artes de España, a Real Academia Galega de Belas Artes "Nosa Señora do Rosario". Ingresara na institución como académica en 1986, presidiuna desde 2003 até 2014 e, desde entón, é presidenta de honra. Pianista de profesión, con ela a música entrou por primeira vez na Presidencia da entidade. A institución expresou a través das súas redes sociais "o mais fondo pesar" polo falecemento da súa Presidenta de Honra mencionada como "moi querida e lembrada no seo da Academia". Mercedes Goicoa acadou sona internacional desde que, con dezaseis anos, comezou a súa etapa de concertista por varias cidades españolas e francesas. Destacaba tanto como solista coma con orquestra e foi galardoada en reiteradas ocasións con premios como o primeiro Premio de Música de Cámara ou o Premio de Interpretación de Música Francesa. A súa faceta de docente comezou en 1963 no Conservatorio da Coruña, onde traballou, até a súa xubilación en 1993, como profesora superior de Piano, pasando polas súas clases varias xeracións dun alumnado que se recoñece discípulo da súa inconfundible escola pianística.
Tal e como recolle a súa bibliografía publicada no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, unha das súas decisións máis importantes ao fronte da Real Academia foi a de achegar a institución á cidadanía porque, segundo ela "A cultura debe estar ao alcance do pobo; non é cousa de elites". Loitou desde o seu posto por dotar de maiores recursos a Academia e fíxoa protagonista e partícipe da dinamización cultural no máis amplo sentido, coa organización de concertos, conferencias, exposicións e mesmo realizando actividades fóra da entidade. Segundo se menciona neste álbum na cartografía dedicada a Goicoa, o seu espírito, xeneroso e comprometido, plásmase nunha das numerosas entrevistas que concedeu cando se retirou da presidencia da Real Academia de Belas Artes, onde resume a vontade que sempre a moveu: Quixen dar a coñecer a nosa cultura, os tesouros que temos, e síntome satisfeita porque puiden aportar o meu grao de area á cultura de Galicia".