O MARCO celebra o seu 20 aniversario

O museo vigués presenta hoxe unha exposición e ao longo da semana engadirá instalacións e outras actividades

Este domingo 13 de novembro, o MARCO cumprirá 20 anos dende a súa apertura ao público en 2002. Con motivo desta celebración, o Museo vigués ofrece unha programación especial que terá lugar a partir de hoxe xoves 10 coa inauguración da exposición PROCESSI 148. A programación especial incluirá ata o domingo outras actividades. Haberá obradoiros para público infantil e adulto, presentación dunha instalación do grupo Diseñatas (Fundación Igualarte), lecturas en salas, a reactivación da performance de Xoel López, e a presentación do catálogo da exposición de Francisco Leiro, entre outras actividades. O programa completo pode consultarse no web do MARCO.

A exposición que se inaugura hoxe nas salas frontais e primeiro andar do MARCO, PROCESSI 148, reúne a obra realizada polos artistas residentes na Academia de España en Roma dentro do seu programa anual de bolsas de produción e residencia artística. No curso académico 2020-21, a obra dos artistas residentes, 21 en total, abrangue dende a arte figurativa ata a tecnoloxía multimedia, incluíndo tamén fotografía, danza, cinema, novela gráfica, pasando pola moda e a gastronomía, entre outras disciplinas. No relativo á performance de Xoel Gómez López (O Porriño, Pontevedra, 2000), "Carne: transitando o eu", consiste nunha viaxe pola construción da identidade de xénero propia que parte dun proceso persoal de transición e reafirmación como persoa non binaria. O acto artístico, que terá lugar o venres ás 20:00 horas, acompáñase dunha peza musical e unha escenografía.

Outro dos fitos deste 20 aniversario consistirá na presentación e apertura da instalación "CORPOS", do Grupo Diseñatas / Fundación IgualArte, que terá lugar este sábado 12 de novembro no espazo anexo ás 13:30 horas, abrindo ao público ás 19:00 horas. Segundo apuntan desde o MARCO, " CORPOS" é unha obra realizada especificamente para este espazo, que fala da infinidade de tipos de corpos, de personalidades e actitudes que temos as persoas, e de como interactuar entre nós, onde nos situamos e onde nos sitúan. Esta intervención artística faise a través da acción pictórica sobre móbiles antropomorfos de madeira. Neswta instalación participan Helena Cuber, Alberto Rodríguez, Gustavo López, Adriana Cervantes, Lucía Caballero, Iván Lago, Loira Fernández, Eva García, e Alberto Ardid como coordinador do proxecto.