O MARCO enche de actividades o seu noveno aniversario

Artfutura 2011 e as exposicións de Karmelo Bermejo e Amaya González-Reyes son algunhas das propostas para o outono

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) fai o vindeiro 13 de novembro nove anos, e celébrao cunha programación especial de nove días. Horario ampliado e un grande abano de actividades servirán para celebrar a data, cunha programación especial para a fin de semana entre 11 e o 13 dese mes. No marco do ciclo Entrar na obra, á exposición de Karmelo Bermejo seguiralle a de Amaya González-Reyes a partir do 16 de decembro. Ademais, o centro acollerá a mostra colectiva You're not alone sobre a estigmatización dos enfermos de SIDA a partir do vindeiro 21 de outubro. Do 4 ao 26 de novembro as salas do museo acollerán unha nova edición do festival Artfutura, co lema Reprensando o futuro.