
Nos dous centos de páxinas deste número colaboran moitos especialistas en Cunqueiro (Iago Castro Buerger, Xosé-Henrique Costas, Manuel Forcadela, Xesús González Gómez, Miguel González Somovilla, Marta Mariño Mexuto, Xosé Luís Méndez Ferrín, César Morán, Armando Requeixo ou Rexina Rodríguez Vega) e fano dende múltiples perspectivas: obra poética e xornalística, alofonía e tradución poética, temáticas coma a mitoloxía e as viaxes, así como a repercusión de Cunqueiro e todo o cunqueiriano na literatura galega e as recensións de Patricia Arias Chachero e de Moncho Iglesias Míguez. Neste primeiro número edítanse, por primeira vez, os versos incluídos nun caderno manuscrito de 1928, do propio Cunqueiro como poeta adolescente.