"As cancións de Fuxan están arrincadas do pobo e o grupo recólleas sen sofisticacións, para que o mesmo pobo as asimile e as recoñeza como súas. Este é, aparte da súa boa execución coral, un dos maiores acertos de Fuxan os ventos e o motivo da súa popularidade", así comentaba nas páxinas musicais de La Voz de Galicia o cronista Nonito Pereira a aparición do disco "Galicia canta o neno. Vol.1" (Philips,1978), o cuarto da súa traxectoria. Unha das integrantes orixinais de Fuxan, Maruxa Fociños, así contaba esa conexión do grupo co saber musical popular, para o xornal Faro de Vigo nunha entrevista publicada en 2012: "Lembro actuacións na montaña de Lugo, onde cantabamos e, despois, durante os pinchos posteriores participaba xente de todas partes á que lle pedíamos que cantara as súas cancións".
O ditador Franco morrera en 1975, o seu réxime esmoreceu nuns anos convulsos e en 1978 aprobábase a Constitución Española e comezaban a discutirse os estatutos autonómicos das nacionalidades históricas (a aprobación do galego faríase en 1981). Cunha situación conxuntural política xa diferente a aquela na que a formación naceu e foi acadando peso, Fuxan os Ventos reforza máis se cabe o seu compromiso co país a través do mantemento da tradición, na liña do acordado naquelas derradeiras xuntanzas do Movimento Popular da Canción Galega. Facíase non só por unha postura política, senón tamén pola responsabilidade co mantemento dun legado popular que a eles lles chegara e vían en risco, coa nosa cultura para non deixala esvaecer ante as forzas do bombardeo dos novos aires que corrían como bandeiras dos cambios pero con posibilidades de arrasar moito ao seu paso, se non se conseguía reforzar a transmisión cultural entre xeracións por ese motivo de ruptura co pasado. Así, superadas as contradicións de entrar no "proceso comercial" coa gravacións dos discos a formación ponse como obxectivos facer que iso chegue a conxunto da poboación, non só nas cidades senón tamén nas aldeas, para que poidan sentirse identificados e orgullosos do seu legado musical.
Música cos pés tocando a Terra
Naquel momento, coa importancia de catro discos xa gravados e distribuídos por todo o territorio estatal, e sobre todo grazas a tremendo éxito do álbum "Sementeira" (Philips,1978), Fuxan os Ventos tiña un oco propio na música folk popular que se estaba facer co ánimo de recuperación da tradición. Con esa etiqueta aparecen no Pavillón do Real Madrid, actuando xunto ao Nuevo Mester de Juglaría, por exemplo e así son percibidos cada vez máis pola crítica especializada, como uns recuperadores da tradición. " A Philips con nós sacou unha boa tallada, chegando a recoñecer que, xunto con Paco de Lucía, fomos os que máis discos vendemos de todo o catálogo de Philips-Fonogram da época", afirmaba unha das compoñentes fundadoras do grupo, Tereixa Novo, nunha recente entrevista para o portal Galician Tunes. A popularidade alcanzada, aínda así non provocaba en ningún caso un efecto de distanciamento coas orixes do proxecto e coa base popular que os sustentaba, así o deixaba calara unha declaración de Xoán Luís Fuertes recollida por Losada e Díeguez: "De actuarnos en Vigo diante de 20.000 persoas, pasábamos a cantar en teleclubes nos que só había quince asistentes". Os pés seguían tocando sempre a terra.
Noutra entrevista publicada no número 155 de A Nosa Terra en 1981, con Xosé Luís Freire representando ao grupo e asinada por Xosefina L.Corral, o músico recoñece a intención que ten Fuxan os ventos de "dar a coñecer unha riqueza musical impresionante que ten o noso País". Freire asegura que desde a formación entendían que existía un amplo sector da poboación desvinculado da canción galega, "todo o sector popular no senso máis ampla da palabra", di e indica que a través das súas actuacións constataran "que a xente normal e corrente de Galiza só coñecía dúas ou tres cancións populares". Na mesma entrevista Xosé Luís Freire indica que o éxito de Fuxan os ventos, expresado dese xeito xa pola entrevistadora, "explícase porque fixemos música para todo o mundo". O músico recoñece que, facendo iso coa música, ademais ou "a partir de aí, deron en introducirlle letras "con forte crítica social". "A nosa música non é soio unha cuestión musical senón cultural, social, política...Xa que si esta morre, morre tamén a cultura galega, e o seu pobo como tal", expresaba o grupo nunha entrevista para ao número 2 da revista Neboeira no verán de 1983. Eles, ademais deciden identificar xustamente o pobo galego cos seus oficios máis humildes e apegados á terra e ao mar: labregos, obreiros, gandeiros e mariñeiros, como cantan en "Cara a liberdade" ( Sementeira, letra e música de Mini Rivas).
Así o entenden tamén Óscar Losada e Xoan Manuel Estévez, autores de libro "Crónica do folk galego: 25 anos de historia" (Tris-Tram, 1999) cando afirman que o grupo, case ao xeito do que se facía nos cantares de cego, "viña exercendo de periódico cantado, que actualizaba o contido do seu canto segundo se ían producindo os acontecementos. Coa particularidade de que a música era popular, o que facilitaba a doada asunción colectiva dun público amplo e diverso, como nunca se tivera dado antes na nosa música cantada", din no seu libro. O grupo, nese sentido non foi alleo aos sentires e polémicas da transición democrática e da conformación da autonomía, coas tensións que iso traía e fiel ás premisas de denunciar as situacións que sufrían as clases máis humildes do pobo galego. Un exemplo moi claro foi a súa posición expresada sobre o Estatuto de Autonomía, ao que se opuña un amplo sector nacionalista, que quedara moi clara cando no álbum Sementeira incluíran a canción "Cantiga dunha Antroidada" na que "Mini" adaptaba unha cantiga popular ao momento con estrofas como "Andan con peles de ovella cantando falsas gabanzas os lobos de anos pasados baixan na noite calada. Mala morte non me mate, veñen con autonomía comerciada por caciques, maldita falta facía"; igualmente o facían sobre as bondades da democracia no mesmo disco con "Pandeiretada": "Agora coa democracia veno dereito a votare, o dereito é pra homes libres, a nosa libertá emigrare", cantaban . Hoxe en día xa estamos afeitos a ver situacións de campañas políticas que levan a artistas a denunciar o uso que algunhas faccións chegan a facer das súas obras sen o seu consentimento, outorgando ás súas creacións unha nova lectura das mensaxes que non era aquela co que estaban pensadas. Nesa situación tamén estiveron os lugueses Fuxan os Ventos, que vironse na necesidade de chegar a emitir un comunicado en decembro de 1980 para aclarar aínda máis a súa posición "diante da continua utilización da nosa música por parte de certas forzas autonomistas", dicían. O grupo quería deixar fóra calquera dúbida: "xa que esta utilización puidera facer pensar a moita xente qu Fuxan os ventos está apoiando a campaña en favor do Estatuto queremos desmentilo facer constar que contra a nosa vontade por non ten medios legais para impedilo", aseguraban no seu comunicado.
Na tese doutoral "La música popular gallega en los años de la transición política (1975-1982): reificaciones expresivas del paradigma identitario" (Univ. Complutense de Madrid, Fac. Geografía e Historia, Dep. de Musicología) presentada por Javier Campos Calvo-Sotelo en 2008, o autor afirma que Fuxan os Ventos "ocupa unha posición moi relevante na canción destes anos, ao asumir unha parte do discurso subversivo galego e , sen embargo (...) adoptar moitos xiros ideolóxicos, literarios, melódicos e instrumentais do que naquel momento era o espazo conceptual da tradición". O autor ademais sinala como clave para o "considerable eco popular" acadado pola formación ao feito de a súa música "posuía unha vinculación inmediata coas melodías e instrumentos con que moitos galegos estaba familiarizados desde a infancia" (en castelán no orixinal). Para este investigador, Fuxan converteuse no "modelo a imitar" por non poucos grupos do seu tempo en Galicia, mencionando O carro, Xocaloma, ou Saraibas. Xustamente estes últimos, os ferroláns Saraibas, nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia publicada o 13 de xullo de 1980, responden a unha pregunta sobre a similitude entre ambas formacións deixando clara a súa admiración polo lugueses ata a punto de declarar que "na música vocal galega hai un antes e despois de Fuxan os Ventos".
Críticas, tensións e obxectivos musicais
Co seu compromiso de catro discos cumprido coa multinacional Philips, Fuxan os Ventos decide como postura coherente entrar a publicar coa nova Ruada, o selo discográfico galego creado en 1978 na Coruña, que editaba a bandas como Doa, Saraibas, Los Tamara ou O Carro, entre outros, e que sacaría o primeiro disco de Milladoiro, "A Galicia de Maeloc". Nese momento a súa anterior discográfica segue intentando "muxir a vaca" comercialmente malia non tela xa na súa corte e publica o disco "Chegaremos" (Philips, 1980) recollendo nun volume conxunto os temas de máis éxito dos gravados nos anteriores discos (volverían facelo máis adiante en 1993, editando o CD "O mellor de Fuxan os Ventos"). A saída, case coincidente co disco que preparaban en Ruada non é do agrado de todos. O xornalista Nonito Pereira, que tamén participaba da edición de música folk co selo Abrente recollía esta coincidencia nas páxinas do xornal La Voz de Galicia indicando "estupor, sorpresa e demais" ante o anuncio deste lanzamento desde Madrid, que enmarcaba nunha regras do xogo, que para moitos non é todo o limpo que debera ser, pero é", concluía. Cun algo máis dun mes de diferencia (decembro de 1980 /xaneiro de 1981) presentábase "Quen a soubera cantar" (Ruada, 1981), o único destes dous discos que aparece hoxe en día recollido como parte da discografía oficial no sitio web de Fuxan os Ventos.
Na tese de Javier Campos Calvo-Sotelo o autor, Doutor en Historia e Ciencias da Música, conclúe na súa análise que "estilística e ideoloxicamente Fuxan os Ventos preludia a música de Milladoiro e a xeración celta, pero faino desde o equilibrio entre voces e instrumentos e sen subliñar en absoluto a adscrición atlantista que caracterizara aos seus sucesores". No mesmo estudio preséntase un cadro coas listas dos dez discos de música galega máis vendidos entre outubro de 1979 e outubro de 1981 na Libraría Couceiro de Santiago, auténtico fervedoiro da cultura galega na capital autonómica, presentados polo boletín semestral Bendado que editaba a propia libraría. Fuxan os Ventos co "Sementeira" mantívose na cabeza desa lista durante un ano enteiro, entre 1979 e 1980, e tamén estaban presentes na lista todo ese tempo con "O Tequeletequele" (Philips-Fonogram, 1977) e outras posicións; só a saída do emblemático "A Galicia de Maeloc" (Ruada, 1980), primeiro disco de Milladoiro desprazou o "Sementeira" a un segundo posto en outubro de 1980. Seis meses despois os Fuxan votaban ao primeiro posto coa saída do seu seguinte disco longo, o "Quen a soubera cantar", editado tamén por Ruada, mentres que o "Sementeira" mantíñase no cuarto posto da lista, só superado por eles mesmos, Amancio Prada con "Leliadoura" e o disco de Milladoiro.
Pero a pesares dese éxito popular indiscutido e de que o que hoxe chega a nós aparece debuxado como unha traxectoria sempre ben valorada, a realidade naquel presente non era tan nidia coa acollida da súa proposta musical, que tiña os seus detractores en varios círculos, incluso dentro da propia formación. Con "Quen a soubera cantar" márcase unha nova etapa na traxectoria artística de Fuxan incluíndo un cada vez maior abano de instrumentación tradicional. "A guitarra é o soporte básico de Fuxan os Ventos, a pesar de que moitas veces pensamos en rexeitala", comenta Xosé Lois Freire para a A Nosa Terra ese ano e incide en que, de querer ser puros só poderían tocar "o pandeiro e a gaita" polo cal indica que ao criterio do grupo "hai que acudir a todo o que seña lícito e nós consideramos eu a guitarra é licita, no senso de que a música folk precisa dela" e lembra que tamén se toca frauta, o violín, pandeiretas e culleres. "Non obstante -remata Freire nese comentario- o noso son as voces".
A crítica recoñece neste "Quen a soubera cantar" un maior grao de "madurez", que perciben no tratamento musical, que se chega a cualificar de un "parcial rompemento estético" respecto á liña anterior do grupo, observando unha "nova toma de conciencia musical". Así o comentaba Nonito Pereira, nun especial de la Voz de Galicia o 23 de xaneiro de 1981, que publicaba estas impresións sobre o novo disco e lembraba a existencia de voces contrarias ao traballo do grupo co uso da música tradicional. As páxinas do semanario A Nosa terra recollían algunhas destas críticas e tensións tamén. Na entrevista realizada a Xosé Lois Freire xa mencionada antes , a xornalista pregúntalle: "¡Qué opinades das críticas que desde certos sectores vos lanzan, no sentido de que destruídes o folklore?". A resposta de Freire en representación do grupo, que é a mesma que tamén recollen as páxina de El País na nova de saída do disco, é de aclarar que o papel do grupo non é de "investigadores" do folklore, "sencillamente fomos berro para moita xente que non se decatou que o folklore estaba aí e que era preciso recuperalo", di Freire e pregúntase el mesmo: ¿Que algunhas pezas nosas estropearon o folklore?, non. O que non podemos facer, por exemplo coa "Carolina", da que recollimos moitas variantes e gravalas todas nun disco", explica o músico tomando como exemplo unha das súas cancións máis coñecidas e que xustamente foi obxecto de críticas nese sentido por non responder a unha interpretación máis "pura e popular". O músico sinala aos críticos o camiño: "Se a xente vai onde ten que ir, e non onde está indo, atopara a pureza do folklore".
Nesas páxinas de A Nosa Terra o músico indicaba tamén que estaba producirse un cambio dentro dos obxectivos da formación, presentado como unha evolución musical máis coidada "pensamos que xa pasou a época do panfleto, da pura loita onde a música cumpría o papel de expoñente dun conceito máis ou menos político", explica, "Hoxe trátase de facer arte, se queremos dicer algo temos que dicelo ben", afirma e sinala ao novo disco como o que "marca un pouco o paso a dar proximamente que é facer unha música non desvinculada da nosa realidade, co mesmo compromiso político e nacionalista que tivemos antes, pero mellor feito". Tras destas intencións doadamente explicadas había unha etapa de disensións internas na formación, tensións que xa estaba a sinalar nalgúns medios como patentes nun dos buques insignia do folclore galego. Doce persoas comezaran o percorrido da formación en 1972, desas foron saíndo algunhas e entrando outras durante a década dos anos 70, lembremos que non se trataba dun proxecto profesional polo cal esixía un considerable esforzo para atender ás axendas profesionais, académicas ou persoais dos seus membros e ao tempo acudir a concertos, ensaios e gravacións. Ademais o ritmo enorme, xa mencionado, de concertos por todo o país acudindo a apoiar as máis diversas causas onde eran solicitados, causaba un normal esgotamento. Con todo foron as diferentes concepcións da traxectoria a seguir respecto ao equilibrio entre a excelencia musical ou a maior importancia da mensaxe a que levou a punto de "escisión" diferente coa saída de Xosé Luis Rivas "Mini" e Baldomero Iglesias "Mero" da formación en 1983 e incluíndo tres artistas con instrumentación tradicional facendo estable e máis patente a concepción musical iniciada en "Quen a soubera cantar".
Ida e volta dos escenarios
Con Ruada xa desaparecida, a banda asina co selo Fonomusic e con eles sacan "Noutrora" (Fonomusic, 1984). A formación mantense estable na súa composición por vez primeira durante cinco anos seguidos, nos que xa non gravan máis discos pero seguen a actuar en directo por todas partes do territorio galego e español. Será xustamente fóra de Galicia, en Segovia, onde no ano 1989, no festival Agapito Marazuela, teña lugar a derradeira actuación en moitos varios anos que fai pensar na desaparición dos Fuxan por unha inactividade moi vencellada aos compromisos familiares e laborais dos seus compoñentes. Habería que agardar ata 1993 para velos en directo de novo nun festival celebrado en Láncara no que se conmemora o éxito da loita contra a cota empresarial agraria, como lembran no seu libro Losada e Diáguez. A aparición non deixa de ser un fito puntual, e Maruxa Fociños, nunha entrevista ao xornal El Correo Gallego relataba así as dificultades técnicas coas que se atopaban naqueles tempos: "O problema de Fuxan sempre foi a amplificación, porque son varios instrumentos, varias voces, nun momento dun tema solos, logo dúos, logo entran todas as voces..., é dicir, que non é fácil amplificar un grupo así", explicaba a vocalista indicando aos intentos de perfeccionar o seu son que podían causar insatisfacción. "Todos viamos concertos en directo de cantantes famosos a nivel nacional e escoitabas o disco e case sempre o grupo soaba no disco bastante mellor que en directo", explicaba,"a nós isto non nos gustaba. Ademais, nós sempre nos encargamos do material, nós montabamos, desmontabamos. Digamos que nós cantabamos, que era o que mellor sabiamos facer e achegabamos as pezas e o folclore e o que se recollía e cousas tradicionais que xa estaban recollidas e mesturabámolas cos nosos arranxos particulares. Iso afectou ás nosas vidas, porque tamén nos comprometemos nós máis".
Aínda sen volver aos escenarios, en 1999, froito dese traballo fóra do foco e na intimidade do grupo cos seus tempos, chega un novo traballo discográfico no momento que segundo Losada e Dieguez consideran de "eclosión da música folk galega". O selo Fonofolk de Fonomusica é que acolle a edición de "Sempre e máis despois" (1999), co que rompen un silencio de quince anos. Os trece temas do disco son absolutamente tradicionais, a liña coa que naquel momento estaban máis interesados os compoñentes. A dificultade técnica de levar aquilo ao directo coas súas esixencias e o feito das outras ocupacións que tiñan os músicos naquel momento levaron a desbotar as opcións de levar aqueles temas a un espectáculo de escenario. Se hoxe en día a celebración deste 50 aniversario de Fuxan os Ventos trouxo consigo a exposición que arestora pode verse nas instalacións de O vello Cárcere de Lugo, en 2002 o trinta aniversario da formación foi celebrado coa publicación de "Na memoria dos tempos" (La Voz de Galicia, 2002) publicado polo xornal para esta efeméride.
Nese momento comeza un paulatino e lento aparecer da formación con diversos motivos, moitos deles relacionados con apoio a causas equiparables ás dos seus comezos e coherentes coa súa traxectoria de compromiso co país. No 2003, coa indignación popular causada pola xestión do afundimento do "Prestige", Fuxan os Ventos participa no concerto expansivo da plataforma Nunca Máis, levando a cabo dúas actuacións en Ames e Brión. En 2007 actuarán en Guitiriz no Festival de Pardiñas. Na entrevista realizada para Galician Tunes, Tereixa Novo lembra que foi a "boa acollida" que tivo esa actuación a que foi decisiva para unha verdadeira volta á actividade de Fuxan os Ventos: "A raíz dela presentóusenos, por parte de Noa Díaz, un ilusionante proxecto no que se contemplaba a colaboración de varios compañeiros e compañeiras do panorama musical do momento, xunto co soporte dunha banda, e todo isto callou en outubro de 2008 no espectáculo "Terra de soños", baixo a dirección musical de Xosé Lois Romero". Ese espectáculo completo, enchendo durante dous días o Auditorio de Santiago e coa colaboración dunha chea de músicos e artistas de todas as idades arredor da música de Fuxan converteuse no CD e DVD do mesmo nome "Terra de Soños" (BOA, 2009) con máis de vinte cancións rexistradas e que é, ata o de agora, o máis recente agasallo de Fuxan os Ventos ao seu país e á súa cultura pola que tanto loitaron e cuxa labor, sen dúbida contribuíu a que non desaparecera e mesmo xerminase nas súas cancións sementeiras.