O 23 de xuño de 1981, apenas catro meses despois do falido golpe de Estado do 23-F, unha avioneta de dez prazas aterra no aeroporto de Lavacolla, en Santiago de Compostela para recoller a un grupo de música e levalo a facer unha actuación a Francia; poucos días despois a mesma avioneta os trae de volta unha vez levado a cabo o seu concerto, a tempo de que os músicos (afeccionados) atendan aos seus deberes (profesionais). Non se trataba dunhas estrelas do rock nin do pop, esa banda era Fuxan os Ventos e os lugueses levaban xa daquela nove anos de andadura musical aumentando en éxito dentro e fóra de Galicia, como demostraba o feito de que a organización daquel festival internacional que se celebraba na localidade bretoa de Gwipavaz, no distrito de Brest, alugara esa avioneta ante a imposibilidade de trasladar ao grupo coas combinacións de voos dispoñibles. Non querían renunciar a telos en vivo interpretando, entre outros temas, a "Carolina" que naquel momento era un dos grandes éxitos da formación.
A anécdota é unha das moitas que adorna o percorrido de Fuxan os Ventos desde os seus inicios en 1972, sobre todo naqueles anos arredor da morte do ditador Francisco Franco e os inicios da transición democrática co desenvolvemento das autonomías. Este ano 2022 celébranse os 50 anos desta formación que segue hoxe en activo e que ven de recibir o premio de honra dos galardóns Martín Códax da música galega. Ademais desde este 22 de outubro e ata o 22 de xaneiro o Vello Cárcere de Lugo acolle unha exposición conmemorativa da súa historia, apoiada pola Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, o Consello da Cultura Galega e o concello lugués. Comisariada por Sabela Fraga, a mostra ofrece unha escolma de pezas que fan un percorrido pola cronoloxía de Fuxan os Ventos, o seu universo creativo e polo compromiso social e político do grupo, unha das moitas claves da enorme popularidade acadada desde os seus inicios.
Na recente gala de entrega dos IX Premios da Música Martín Códax , á hora de introducir á banda para a recollida do seu galardón honorífico, a representante da asociación Músicas ao Vivo dixo deles que "non foi o único grupo galego cun alto compromiso social da época, pero si o que máis éxito acadou, chegando non só á intelectualidade galega vencellada á canción protesta e aos cantautores senón tamén á Galicia de orixe rural" sinalando a súa " vontade da unión do pobo e das súas xentes". Lembraron desde a entidade que "eles, elas espertaron consciencias cosas súas mensaxes e melodías, cantadas por toda a nosa xeografía, chegando non só a intelectualidade galega vencellada a canción protesta e os cantautores, senón tamén a Galicia de orixe rural, o pobo, nós". O Pazo da Cultura de Pontevedra, enchido de integrantes da escena musical galega actual púxose en pé para ovacionar aos membros do grupo na recollida da honra, pera despois cantar ao unísono a "Sementeira", nunha demostración de que a propia letra da canción, escrita por Luís Álvarez Pousa en 1977, podía comprobarse como case profética. De feito, Tereixa Novo, integrante de Fuxan sinalou emocionada a permanencia do seu legado nese momento: "¿Vós dádevos conta de que a inmensa maioría dos que estades aquí non nacerades?, pero sen embargo algo tedes que ver con nós, porque iniciamos un camiño importante no seu momento"
A ampla fronte musical contra a ditadura
Nos primeiros anos da década dos 70, en España, a canción lixeira xa estaba a tinguirse de cores de liberdade reclamada. Cecilia, Nino Bravo, Vainica Doble, Lluis Llach, Raimon, Mocedades eran algúns dos nomes que estaban a trasladar no Estado un novo ánimo, morno nas protestas ante a vixilancia da censura franquista da ditadura. Nos ambientes universitarios e académicos estas expresións tiñan apoio e chegada. En Galicia, deses ambientes nacía e bebía a Nova Canción Galega -"Unha canción á altura do intre histórico, unha canción nacida para desacougar e alumear: unha canción para acadarmos conciencia dos nosos problemas reais", palabras coas que un 30 de marzo de 1968 se organizou un Concerto na Escola de Peritos Agrícolas de Lugo- e o colectivo Voces Ceibes, xurdido na Universidade de Santiago seguindo o modelo herdado directamente do maio do 68 francés, que tamén se trasladara a Catalunya coa Nova Cançó co engadido do uso das linguas propias, entón rexeitadas pola ditadura. Así o recoñecía o propio Antón Seoane no seu libro "De Voces ceibes a Milladoiro" (Ed. Galaxia, 2013). En paralelo, grazas tamén a un auxe do pop, Andrés do Barro conseguía entrar cos seus temas cantado en galego no mercado español da música popular cun éxito nunca repetido ate agora. En 1970 colocou o seu tema " O tren" no número un das listas españolas , fito que foi quen de repetir en outras tres ocasións con "Corpiño xeitoso", "San Antón" e "Pandeirada". Dous anos despois, en 1972, durante a celebración en Mondoñedo do IIIº Festival das San Lucas, un certame competitivo musical, suben a participar o grupo Bazar, da Sección Femenina de la Falange española, a banda municipal de Lugo, o coro Cantigas e Froles e unha formación de novo cuño, Folk 72, saída do encontro dos seus integrantes no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. Serán este últimos cun tema propio titulado "Fuxan os ventos" os que rematen gañando o certame contra outros prognósticos. Aquela banda adoptaría logo nome do título desta canción e iniciaría un percorrido de medio século que chega ata hoxe.
O tema vencedor estaba asinada baixo o pseudónimo J. Cabodevila por Xesús Mato, o Padre Mato director do coro do Santísimo Sacramento ao que dedicaron un dos agradecementos ao recoller o premio Martín Códax este 2022, deixando clara a importancia que aquel tivo en todo o que logo pasou. Esa canción inicial deixaba clara na súa letra unhas intencións que marcarían os seus inicios e percorrido: "Queremos cantar, queremos berrar, coa forza da fe, que a nosa Galicia, aínda está de pe". Toda unha declaración de principios, como sinalan Óscar Losada e Xoán Manuel Estévez no seu libro "Crónica do folk galego: 25 anos de historia" (Tris-Tram, 1999). Aí comeza a banda un percorrido de actuacións que os levan por tele-clubes e festas e xa co Fuxan os Ventos preséntase a outro certame , o IIIº Festival Ría de Ares en Pontedeume de 1973, conseguindo gañalo tamén o que acentúa a súa presenza pública e recitais pola xeografía galega e mesmo actuando en Madrid, no ano 74. Co proxecto e espectáculo "Galicia canta ó neno" de Xesús Mato a formación percorre Galicia cun repertorio de cancións recollidas da tradición popular, este achegamento á música tradicional coloca á formación nun espazo que estaba por encher e conformar o das novas voces dunha transición contra o réxime e dunha defensa da identidade cultural en comuñón coa tradición musical dun pobo rural, lonxe dos foros da intelectualidade urbanita universitaria e da canción-protesta. Coa perspectiva dos anos, os cronistas e investigadores coinciden en situar a peculiaridade de Fuxan os ventos nunha posición intermedia entre o que significaban Voces Ceibes -a versión máis claramente política da música galega do momento- e o que posteriormente fixeron Milladoiro coa música tradicional -a proposta máis artística e de excelencia musical cunha concepción atlantista-, en calquera caso a formación lucense foi a que acadou máis achegamento e identificación cun sector amplo do pobo galego en todos os seus recunchos.
En 1974 tomáronse iniciativas para crear unha "fronte musical" galega que actuase con cohesión como unha resposta desde os escenarios aos tempos que estaba a chegar sería o que logo se chamaría Movimento Popular da canción Galega (MPCG). Así comezaron unha serie de reunións en Santiago para "sentar as bases pra levar adiante un traballo colectivo", segundo recollen as crónicas da época recollidas nos medios malia o seu suposto carácter "clandestino". O 19 de novembro La Voz de Galicia titulaba "Nova xuntanza en Santiago dos compoñentes da 'Canción Galega'", dando noticia da que fora a segunda destas reunións "de traballo" e os nomes dos cantantes alí presentes así como representantes dos Maruxía, Folk Ceibe, Candeira e Fuxan os Ventos". Antón Seoane, no seu libro o lembra así: "Naquela altura de 1974 algúns de nós fundamos o MPCG. A súa creación precisou dunha serie de xuntanzas que, sino da época, eran clandestinas, e algunhas delas realizadas nun colexio de monxas "de esquerdas", das Monxas de Placeres, que estaba na Praza Roxa de Santiago". Se a idea inicial era retomar e dar pulo ao colectivo Voces Ceibes que xa levaba varios anos de actividade, o resultado daquelas longas reunións ("unhas seis horas" informaba La Voz de Galicia) foi o de unha nova proposta con outras connotacións tanto políticas coma musicais. "No transcurso das reunións comezou a manifestarse outra deriva, outro discurso... e un rumbo nacionalista ausente na primeira convocatoria. Foi así como o suposto liderado inicial (Benedicto) foi virando cara unha forma asemblearia que tomou un camiño ben diferente a aquel para o que foramos convocados. En poucas palabras, o que se pretendía que nacese baixo a órbita do Partido Comunista rematou noutra constelación ben distinta", explica Antón Seoane no seu libro. Ata catro xuntanzas deste colectivo recolle La Voz de Galicia nese ano 1974, nas que se discutía a toma de conciencia do propio movemento do MPCG, os puntos básicos comúns que tiña que ter (así como os que eran excluíntes de pertencer a el), as "bases sociolóxicas i económicas nas que se desenrola a canción galega" e mesmo se discutían algunhas situacións de sancións gobernativas ou polémicas como a ocorrida nun recital en terras portuguesas, en Guimaraes, cun desencontro entre os propios músicos.
Carteis de actuación no Cine Yeca (1976) e na Illa da Toxa (1978). Fondo Exposición "Fuxan os ventos: 50 anos de historia"
O festival do Sar e o punto de inflexión
O primeiro froito daquelas xuntanzas xurdiu en forma de festival. Serían as asociacións culturais O galo e O Eixo as que se personalizaran para levara cabo a organización e obter os permisos necesarios e realizar en Santiago o 16 de febreiro o "Festival Folk Galego". O evento, inicialmente pensado para facerse na emblemática Praza da Quintana pasouse finalmente, para o Pavillón Polideportivo do Sar, onde hoxe está o Multiusos Fontes do Sar. O xornal La Voz de Galicia recollía o 23 de xaneiro de 1975 a primeira comunicación sobre o evento por parte dos organizadores que indicaban que "pode que se trate dun presuposto afianzamento da cultura galega". O xornal trasladaba a intención do evento por parte da organización : "Trátase de mostrar o que no tocantes a canción se fai en Galicia, excluíndo aquelas composicións e intérpretes que se alonxaron de presencializar a realidade do pobo galego". A información remataba trasladando tamén a intención de que a televisión recollera o festival "pra poder pasalo polo programa musical 'Mundo Pop'" de TVE. Finalmente, salvando todos os atrancos organizativos e gobernativos da ditaduras aínda presente, o festival levouse a cabo o 2 de marzo resultando no evento musical ( sen obviar o seu carácter político) máis multitudinario da súa época en Galicia, reunindo naquel pavillón a máis de cinco mil persoas durante cinco horas, que non foron máis pola presión da policía que rodeaba o recinto e provocou o peche do acto e unha manifestación espontánea polas rúas da cidade.
Daquel festival que supuxo un acto fundacional do propio MPCG, conta Seoane, no seu libro de memorias: "Naquel 'aquelarre' musical, seguido por cinco mil espectadores, moitos para aqueles anos escuros, xuntámonos os superviventes de Voces Ceibes (Miro Casabella, Jei Noguerol, Bibiano e Benedicto); nós, os emerxentes do MPCG; grupos cun estilo xa consolidado, caso de Fuxan os Ventos, e outros, quizais independentes, que representaban outras propostas máis ou menos achegadas ou afastadas a opcións ideolóxicas concretas". O evento, considerado entón o maior festival realizado ata o momento en Galicia a pesares da súa precariedade técnica relatada tamén polo propio Seoane, convertía a todos aqueles músicos reivindicativos, cada un no seu estilo, como "unha fronte unívoca a favor das liberdades e fronte á represión franquista", lembra Seoane pero ao mesmo tempo recoñece que alí comezaba a verse xa feituras dun cambio musical que estaba por comezar no relativo a identificación da actitude reivindicativa coa cultura popular. "Cando soaron as gaitas houbera un importante e significativo aplauso: por fin! Xa era hora! Alí estaban!.No país nunca deixaran de estar; pero agás excepcións, había unha fonda distancia entre a intelixencia e mozos máis concienciados e o tesouro da nosa música tradicional" Apunta Seoane. Naquela actuación Fuxan os ventos, como a maioría dos músicos aínda acude alí cun formato apoiado nas guitarras acústicas, moi achegado ao modelo individual ou coral de cantautores, máis que ao tradicional, malia que as súas referencias temáticas proceden maiormente do mundo rural que os arrodeaba. As letras iso si, inzadas de poesía contemporánea de autores como Celso Emilio Ferreiro, Darío Xohán Cabana; Ramón Cabanillas; Manuel María ou de fontes tradicionais. O cambio decisivo que catapultaría a Fuxan os Ventos á máxima popularidade estaba por chegar en moi pouco tempo.
Recuperación da tradición e explosión discográfica
Tras daquilo os integrantes do MPCG decidiron, entre outras cousas, que dedicarse "a cantar testos comprometidos somentes, sería como traizoar a música galega", recollía o xornal La Voz de Galicia nunha noticia sobre a situación do MPCG 0 26 de setembro de 1975. Nese xornal os membro do Movimento indican as súas decisións de "recuperar instrumentos, empregando de feito a zanfona i a ocarina", así como a visión dunha necesidade de que "a música galega sexa dirixida a quen millor pode asimilala, o pobo galego. A cancións ten que ser popular", aseguran. O momento sinala xa o inicio dun novo camiño superando a etapa marcada por Voces Ceibes e a postura de cantautores moi presentes no resto do Estado. "Hoxe -recollía o xornal- necesítase unha canción baseada na música tradicional, empregando instrumentos case esquecidos, uns cincuenta". Antón Seoane o resume así: "Era como se as reivindicacións que decote se producían nas rúas de Compostela non tivesen moito que ver coa base cultural do país. Era tempo de facer unha nova proposta que recollera os froitos da mestura enriquecedora dos anos previos, nos que, xunto ás voces urbanas , ideoloxizadas ou non e predominantemente burguesas, as de orixe labrega e mariñeira empezaran a completar o mosaico da tipoloxía do estudante universitario clixé".
Nese momento, Fuxan os Ventos, que xa era unha formación con notable éxito nos seus numerosos directos, aínda non tiña ningunha gravación e só a través das actuacións por todo o país podía espallarse a súa proposta. De feito eles mesmo eran reticentes naquel momento a entrar no circuíto discográfico. No xa mencionado libro "Crónica do folk galego: 25 anos de historia" os autores lembran como neses anos os propios compoñentes de Fuxan os Ventos rexeitaban a posibilidade de gravar discos coa súa música, para evitar darlle calquera sentido comercial á súa expresión musical: "nunha primeiras declaracións a un medio de comunicación, compoñentes de Fuxan os ventos manifestaban refugar gravar en disco o seu repertorio, porque non querían que o problema galego fose comercializado", aseguran no libro, que indica que un ano despois desas declaracións vería a luz o primeiro disco dos lugueses, o homónimo "Fuxan os Ventos" (Philips-Fonogram, 1976). Nunha recente entrevista para o portal Galician Tunes a integrante do grupo Tereixa Novo lembraba así aquela decisión: "Estabamos nun momento que xa o ditador morrera e a situación política empezaba a abrirse pouco a pouco. Varias discográficas interesáronse en nós. Fuxan xa soaba moito, inda que en círculos pequechos; un disco era un elemento fundamental para poder levar a moita máis xente as nosas cancións. A decisión non foi fácil: o noso descoñecemento do mundo discográfico, o medo a que cambiase o noso xeito de estarmos e facermos música, o intento da discográfica de que fixésemos o que ela dicía entre outras cousas, que tiñamos que cantar en castelán que iamos ter moito máis éxito, etc. Tras longas discusións chegamos a un acordo con Philips-Fonogram de asinar un contrato no que se aceptaron as condicións que para nós eran irrenunciábeis: só en galego, as cancións que nós digamos, os nosos arranxos... A cambio tivemos que aceptar facer catro discos en catro anos".
O martes 23 de novembro de 1976 unha pequena nota do xornal La Voz de Galicia recollía a presentación "dun disco de Fuxan os Ventos" que se fixera nun acto coa prensa "nun típico bar da compostelana Rúa do franco". A presentación, segundo asegura a nota, "estivo acompañada por unha cea típica galega a que asistiron representantes da prensa e da radio de toda Galicia". Na mesma información aseguraban que a formación definíase nese intre "cara unha alternativa dunha música nacional popular galega, recollendo, estudando i espallando o folklore, dun xeito non estático e trabado no tempo, senón afondando nos 'comos' i os 'porques' dise xeito de cantar". Tamén a revista Teima, no seu número dous recollía esta presentación e as declaracións do grupo indicando a súa intención: "tentamos de chegar ó pobo dende o mesmo linguaxe do pobo". Teima indicaba, resaltándoo: Incorporación da zanfona nun dos temas", en referencia a "Canto de cego". Coa publicación e distribución deste primeiro disco "Fuxan os Ventos", comezaba para a formación unha nova xeira, como confirman Losada e Diéguez no seu libro, pero ao mesmo tempo aseguran que "moitas das constantes do período precedente continuaban a seren unha norma de comportamento social e artístico do grupo", que , segundo os autores da "Crónica do folk galego: 25 anos de historia" " non renunciaron ao seu rol de axitadores, ben entendida a acepción no senso de espertar conciencias a prol dunha causa un tanto difusa, que unicamente tiña o nome Galicia como claro reclamo".
A entrada na distribución discográfica a través de vinilos e casetes trouxo consigo unha explosión de éxito que converteu as súas cancións en himnos representativos da nosa terra por todas partes, chegando a escoitarse nas casa, nos lugares de traballo, cos coches particulares e mesmo en discotecas. Un fenómeno tan musical como social que transcendeu as nosas fronteiras grazas ás radios e á distribución das gravacións que posibilitaron tamén a súa primeira intervención no Festival Interceltique de Lorient na Bretaña francesa, en 1978. Unha actuación que tamén tivo a súa anécdota ao quedar o autobús no que se desprazaban xunto coa escola de Gaitas de Ortigueira, retida na fronteira durante horas ao impedírselles introducir no territorio francés unha colección pictórica de artistas galegos como Laxeiro, Abelenda, Caruncho, Elena Gago, Grandío, Datas e Llorens que se levaban para expor durante o festival nun espazo de promoción da cultura galega. Os cadros quedaron nos posto fronteirizo e as bandas, incluíndo Fuxan, chegaron tarde pero actuaron.
Xosé Luis Freire, un dos moitos integrantes do grupo, (máis de trinta persoas foron conformando FOV nas diferentes etapas durante este cincuenta anos demostrando que o concepto do grupo estaba por riba das individualidades), lembraba para Galician Tunes aqueles tempos previos á chegada da democracia e as dificultades que iso traía nas gravacións e concertos: "houbo letras que non puidemos cantar nun momento determinado, pero outras pasaron. Pouco a pouco foise abrindo camiño en moitos aspectos; aínda que estaba prohibido cantar o himno galego, rematabamos sempre as actuacións cantándoo co público en pé e nunca pasou nada. Cando xa tiñamos gravada a "Cantiga das Encrobas", a discográfica comunicounos que non pasaba a censura e a pouco máis nos arruína a saída do disco. Non sabemos como, pero a discográfica conseguiu que nos permitisen editalo, pero tivemos que comprometernos a non cantala en público nin emitila pola radio. Pasamos un tempo sen cantala, pero sempre había alguén no público que nola pedía e, ao final, pasou a ser obrigatorio cantala en cada actuación". Naqueles intres, coa popularidade conseguida a través dos discos, a banda podía chegar a facer entre 100 e 150 actuacións cada ano, unha situación moi complicada para uns músicos non profesionais. Palcos d festa, escenarios en todo tipo de instalacións, participación en apoio de mobilizacións de todo tipo ían levando a Fuxan os Ventos por todo o territorio e manténdoos así tamén en contacto coa realidade e problemáticas dun pobo que lles devolvía a identificación.
Sementando por todo o país
Freire así o explicaba para Galician Tunes: "Se a saída do primeiro disco sacounos do noso círculo lugués no que antes nos moviamos, no segundo ( O tequeletequele. Philips-Fonogram, 1977) ampliamos ese círculo a todo o país, e con "Sementeira" (Philips, 1978) produciuse unha auténtica avalancha de solicitudes de actuacións dende todas partes. Cambiounos o calendario de arriba abaixo, as viaxes, os horarios, todo". No mesmo sentido incide Carmen Vázquez, outra das compoñentes históricas da formación, para Galician Tunes: "Supuxo, por un lado, cumprir o propósito de ampliar o espallamento da nosa música, lingua e cultura, pero tamén supuxo un sobreesforzo para todos nós. Todos os compoñentes de Fuxan sempre vivimos do noso traballo, a maioría mestres e mestras. Ao ter moitas actuacións e ensaios, non era doado ir traballar o luns. Como, ademais, Fuxan acostumaba actuar alí onde o chamaban, sen ter en conta as condicións acústicas, actuabamos en calquera escenario (festas, romarías, salas de festa, teleclubes, teatros, grandes prazas...), y supoñía un certo cansazo engadido, pero tamén moita satisfacción ao ver e sentir tan cómplices eses auditorios". Segundo recollen os medios, nalgunhas ocasións Fuxan chegaban a duplicar actuacións no mesmo día para poder acudir a todos os compromisos onde eran requiridos, chegando a facer ata trinta actuacións nun só mes.
Carteis de actuación no Pavillón de Deportes do Real Madrid (1980) e no polideportivo de Riazor (1981). Fondo Exposición "Fuxan os ventos: 50 anos de historia"
O caso de "Sementeira", a canción que foi coreada por toda a escena musical galega na recente gala dos premios Martín Códax da Música, representa un dos máis grandes éxitos da música en lingua galega deste pasados 50 anos. A canción, incluída no disco do mesmo nome acadou carácter de himno reivindicativo pero de alcance popular. Os membros do grupo lembran que nalgunhas discotecas ou salas de festa da época soaba o tema e facía bailar e cantar a todos os presentes coa súa mensaxe eufórica. A música de Xosé Luis Rivas " Mini" xuntábase cunha letra de Luís Álvarez Pousa que, segundo lembran Losada e Diéguez, "recollía a teima intelectual de Vicentes Risco, que á altura dos anos 30 manifestara: "calquera esforzo que se faga polo País, grande ou pequeno, será sempre sementeira". Neste caso a "Sementeira" levaba consigo un éxito tan grande que meses despois da súa publicación, acadaba xa máis de 100.000 exemplares vendidos, un fito da época que colocaba á banda á par de músicos de grande popularidade do estado español e a ter en conta polas discográficas e medios de comunicación. O grupo, iso si, non se fixo rico con iso, segundo explicaba Freire, apenas se facían con 5 ou 6 pesetas por exemplar vendido. Acababa dese xeito para eles unha década, a dos anos 70, no máis alto superando todas as expectativas. Nos anos oitenta e posteriores, que serán obxecto dunha seguinte reportaxe, a historia de Fuxan os Ventos seguía evolucionando e facéndose máis grande.