Tres festivais galegos son finalistas dos Premios Fest estatais

Portamérica, 17° Ribeira Sacra e O Son do camiño poderían recoller mañá algún galardón polas súas edicións deste ano

Mañá daranse a coñecer os gañadores dos V Premios Fest, os galardóns que recoñecen anualmente o traballo realizado no sector profesional dos festivais de música en todo o territorio español. Nunha gala a celebrar en Bilbao, durante a celebración do congreso BIME, faranse públicas as decisións do xurado de entre os finalistas saídos de varios procesos de votación e selección, incluídas as votacións do público a través de Internet. Tres festivais galegos celebrados neste ano entran entre os posibles receptores dalgúns destes recoñecementos. O festival Portamérica de Caldas-Portas e o 17° Ribeira Sacra acumulan este ano máis posicións finalistas, 5 e 4 respectivamente; ademais o Son do Camiño de Santiago de Compostela consegue para a súa pasada edición un posto de finalista tamén.

En dúas das categorías os festivais galegos compiten entre si. É o caso do premio a Mellor zona de acampada, no que O Son do camiño e Portamérica compiten entre eles e co Bilbao BBK Live; tamén é o caso do premio a Festival máis Sostible, no que o festival da Ribeira Sacara e de novo Portamérica son dous dos finalistas, ademais do Rototom Sunsplash. O evento de caldas-Portas, promovido pola empresa Esmerarte, compite tamén en outras categorías como Mellor festival de Mediano Formato, o premio á Diversidade e igualdade de xénero e nun dos seus clásicos nestes cinco anos dos Premios Fest que é o de Mellor zona de Restauración, co que xa se fixeron noutras ocasións grazas ao seu recoñecido "Showrocking". No caso do festival 17° Ribeira Sacra, este pequeno grande evento organizado desde a empresa I-radia Crea segue consolidando a súa marca ano a ano, como unha das apostas máis atractivas do panorama estatal. Este ano, ademais do xa sinalado, opta aos premios a Mellor Festival de Pequeno formato, Mellor Campaña de Comunicación, Nellor Activación de Marca. Así a presenza do sector galego entre o total de moi numerosa produción de festivais en España queda representada na recta final destes premios e mañá saberemos se tamén traen algún destes premios para a nosa terra, como xa ocorreu en edicións anteriores.
Ligazóns