A Fundación Penzol presenta en Vigo unha mostra sobre María do Carme Kruckenberg

'Vivir, unha aventura irrepetíbel' inaugúrase o venres na sede da Deputación

'Vivir, unha aventura irrepetíbel' inaugúrase o venres na sede da Deputación
O 16 de maio de 2015 falecía en Vigo a poeta e activista feminista María do Carme Kruckenberg aos 88 anos de idade. Pouco antes do seu pasamento a editorial Galaxia recollía o seu periplo biográfico na obra 'Vivir, unha aventura irrepetíbel' de Mercedes Queixas Zas. A súa produción literaria abarca máis de vinte poemarios, varios escritos narrativos e traducións e por expreso desexo da poeta, este legado literario está depositado, para a súa custodia e consulta, no arquivo da Fundación Penzol. Esta institución organiza agora, coa colaboración da Deputación provincial e Pontevedra a exposición comisariada por Queixas Zas, e para q que usa o mesmo nome que aquela biografía: "María do Carme Kruckenberg. Vivir unha aventura irrepetíbel". A mostra revisa a vida e á figura dunha viguesa ilustre e unha das escritoras de posguerra e intelectuais máis salientables do século XX.

A exposición abre as súas portas o vindeiro venres 7 de outubro, a partir das 17:30h, na Sala Rosalía de Castro na sede da Deputación en Vigo. A través de doce paneis informativos sobre a autora e a súa obra, oito mesas expositoras con fondos de arquivos bibliográficos e obxectos persoais, e un audiovisual que amosa diferentes intervencións da escritora, o público repasará, non só a súa creación literaria, senón tamén vivencias persoais claves na súa escrita. A mostra pretende poñer en valor a figura de María do Carme Kruckenberg coma unha muller pioneira entre as escritoras galegas de posguerra e a súa incesante actividade literaria ao longo da súa vida. Kruckenberg foi unha intelectual, cosmopolita e liberal, adiantada a súa época e cunha gran cultura amais dunha alta capacidade autodidacta. A obra da autora viguesa abarca máis de vinte poemarios, varias escritos narrativos, traducións e incluso participou como actriz na obra de teatro de Álvaro Cunqueiro "Érase una vez...". Colaborou tamén con diversas revistas e diarios e foi vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega, sendo galardoada co Premio Alecrín, a Medalla de Galicia, a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro ou o título de Viguesa Distinguida.