Play-Doc presenta o programa internacional VENTURA de apoio ao cine independente

Ofrecerá titoría profesional, unha residencia creativa e premios a proxectos audiovisuais de cariz artística

Ofrecerá titoría profesional, unha residencia creativa e premios a proxectos audiovisuais de cariz artística
Finca Remesal
A Asociación Cultural Enfoques, responsable da organización do festival internacional de cine Play-Doc de Tui, ven de anunciar a posta en marcha do proxecto VENTURA, unha iniciativa aglutinadora, de encontro e de apoio para cineastas e a produtores internacionais de películas independentes con ambición artística. VENTURA ten como obxectivo potenciar voces singulares e está ideado como un espazo de traballo híbrido que combina as actividades presenciais coas virtuais, a través del proponse acompañar os proxectos cinematográficos en todas as súas fases para contribuír a xerar e alimentar unha comunidade internacional de profesionais da industria audiovisual con sede en Galicia. Ata o 21 de outubro poden inscribirse para participar no programa proxectos de calquera país, independentemente da etapa na que se atopen –desenvolvemento, produción ou postprodución–, sen restricións con respecto á duración, o formato ou o xénero cinematográfico.

Para acadar os seus obxectivos, VENTURA funcionará con tres liñas de acción que se ofrecerán como tres etapas dun percorrido. Ofrecerá un programa profesional de formación que contará cun conxunto de recoñecidos expertos no ámbito internacional que ofrecerán os seus coñecementos a produtores e directores para axudalos a sacar adiante os seus proxectos guiándoos en materia de financiamento, coprodución, distribución, mercadotecnia, deseño de audiencia e outras áreas de interese. Ademais os participantes dos proxectos audiovisuais seleccionados serán convidados a tomar parte nunha residencia de escritura intensiva dunha semana de duración a cargo de Marta Andreu, experta na titoría de proxectos e cunha ampla experiencia en laboratorios e residencias de escritura. Este encontro para o desenvolvemento do traballo creativo celebrarase en Finca Remesal, un espazo en plena natureza, nunha contorna tranquila. Como culminación a este proceso de formación e acompañamento, todos os participantes serán convidados a asistir a un foro de coprodución onde presentarán os seus respectivos proxectos ante un xurado de prestixio internacional que concederá distintos premios en servizos, así como un premio en metálico de 10.000 €.

VENTURA é un proxecto financiado coa axuda da Unión Europea - NextGenerationEU, o ICAA e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Ligazóns