Escribir de memoria

A narrativa sobre a memoria contribúe a mudar a percepción colectiva de diferentes momentos históricos

A narrativa sobre a memoria contribúe a mudar a percepción colectiva de diferentes momentos históricos
Labregos na chegada do xeneral Franco a Sobrado dos Monxes (1938). Foto: BNE
Non cabe dúbida de que a memoria pode se considerar lexitimamente base da literatura se non, en último termo, o eixe principal de toda tentativa de escrita. Como noutros países, as letras galegas desenvolven un interese destacado por esta cuestión. O período da Guerra Civil e da represión franquista, así como a pegada da emigración na nosa sociedade revélanse como fases especialmente fecundas na creatividade literaria. De xeito paralelo á narrativa, o ensaio histórico procura o seu oco e contribúe tamén a configurar a nosa percepción colectiva sobre o pasado.

Diego Rivadulla Costa, autor da tese Novela e memoria cultural: a ficcionalización do franquismo na narrativa galega (2000-2015), apunta que "A memória do golpe de Estado de 1936 e do franquismo tornou-se um dos temas mais cultivados na narrativa galega dos últimos anos, no contexto da emergência da chamada 'memória histórica' em todo o Estado espanhol e de um crescente interesse pelo passado traumático recente em todas as áreas da esfera pública". Nas conclusións desta análise considera demostrada "a hipótese da existência de um boom qualitativo e quantitativo da memória nos romances galegos desde o início do século XXI" e apunta esta tendencia como "uma das principais direções da literatura galega atual", así como "que a sua emergência está diretamente relacionada com o interesse público no passado traumático recente e a recuperação da memória silenciada na Galiza, como no Estado espanhol no seu conjunto".

Os recoñecementos que os Premios Nacionais de Literatura lle outorgaron a autores que teñen traballado a memoria na escrita amosan a mestría con que se aborda o seu cultivo no noso país. Xesús Fraga, que obtivo o galardón en 2021 coa novela Virtudes (e misterios), é o último en se incorporar a unha lista de figuras nas que destaca tamén o traballo de Suso de Toro, que obtivo o galardón en 2003 por Trece badaladas e que conta con diferentes obras esta temática. Desde o ensaio, foi Xosé Manuel Núñez Seixas quen obtivo o premio en 2019 co seu traballo Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018, no que analiza a evolución do discurso sobre esta ideoloxía nos dous últimos séculos.

Desde unha perspectiva máis ampla, "a memoria é fundamental en todas as obras literarias, mesmo nas que poden aparecer máis intrascendentes ou de entrada menos memorialistas. Non deixa de ser un fermento do pasado, daquilo que escoitamos e do que vivimos, e ten mecanismos ás veces sorprendentes ou mesmo secretos. Funciona como un iceberg, aparece un pico por riba da auga pero hai unha grande masa oculta por baixo que pode revirarse e saír á luz", asevera Xesús Fraga. "Desde ese sentido absolutamente todos escribimos desde a memoria, e tamén nos comportamos así na nosa vida cotiá. Somos artefactos narrativos, contámonos constantemente a nosa historia a nós mesmos e aos demais, e nesa interacción vai se desenvolvendo a nosa vida nunha evolución continua, pero a memoria e a narración son fundamentais na nosa identidade".

Unha aposta persoal
Fóra de intereses comerciais, os autores consultados apuntan a motivacións persoais para explicar a súa decisión de traballar a memoria na súa escrita. No caso de Xesús Fraga, o retrato da emigración que realiza na galardoada Virtudes (e misterios) xorde "dunha pulsión persoal. Era unha historia que precisaba contar. Primeiro porque necesitaba explicarma a min mesmo, entender como a emigración das xeracións anteriores foi tan determinante na nosa familia. E tamén porque pensaba que había moita xente que vivira situacións semellantes". Deste xeito, "que o meu avó decidise emigrar e non se soubese del en 40 anos e que a miña avoa se vise forzada a emigrar a Inglaterra coa miña nai era unha materia prima que me parecía que podía ter interese".

A aposta presenta grandes paralelismos coa perspectiva de Suso de Toro ao respecto. "No fundamento da obra literaria a explicación última e decisiva é sempre de orde psicolóxica. Detrás dunha procura coma esta aparece unha necesidade por parte do autor. No meu caso probablemente débese á historia da miña familia, creada por rupturas" e diferentes emigracións. "Probablemente hai unha demanda de busca de identidade persoal profunda", que emerxe de xeito particular en obras como Sete palabras (2009). Esta novela aparece como "un esforzo por retratar a orixe da familia paterna" emigrada a Compostela desde unha vila de Sanabria, en Zamora, e supuxo a primeira aproximación do autor ao traballo narrativo coa memoria.

Períodos cruciais
Desde a investigación literaria hai coincidencia en sinalar a particular explosión narrativa que arredor da memoria histórica sobre a Guerra Civil e a postguerra se deu nas últimas décadas. Canda a esta corrente aparecen propostas que apostan por recuperar memorias doutros períodos históricos como a emigración ou a Galicia anterior á guerra. Desde a perspectiva historiográfica, Xosé Manuel Núñez Seixas apunta que "a Guerra Civil, o primeiro franquismo e a emigración son características moi específicas da cultura galega. Marcan tres ou catro eixes fundamentais nos que se ve unha retroalimentación da literatura coa investigación histórica, coas demandas do público e co interese social". Deste xeito, a pegada persoal dos autores sintoniza coa sensibilidade colectiva. Para Núñez Seixas, nas nosas letras "a emigración e o exilio, ás veces entretecidos, preséntanse moitas veces como unha sorte de epopea colectiva. Pódese ver esta liña con diferentes matices na obra de Alfredo Conde, Manolo Rivas ou propio Xesús Fraga". Canda a esta, a temática da Guerra Civil na nosa narrativa histórica "está presente desde os anos 60 e 70 e con autores como Casares ou Ferrín. O interese chega ata hoxe co tratamento de temas como o wolfram, a relación coa Segunda Guerra Mundial ou a División Azul".

No estudo Memória histórica, identidade nacional e discurso literário na Galiza, Carlos F. Velasco apunta un primeiro achegamento das letras ao período da Guerra e do franquismo durante a transición. "Apartir daí a temática da guerra civil, o despertar da República, a repressom e a violência fascista deixa de ser alvo da censura política e, pouco a pouco, vam surgindo obras que de umha ou outra maneira se fazem eco dessa espécie de vazio na memória colectiva dos galegos que cumpria, e mesmo por vezes urgia, preencher e recuperar". Nunha segunda fase, "dos princípios da década de noventa em diante, intensificárom-se os esforços de ficcionalizaçom da etapa da guerra civil e primeiro franquismo", xa cunha "abordagem da temática mais desinibida e desde umha maior amplitude de miras".

Coma el, Suso de Toro ten claro tamén desde hai tempo o particular peso que determinados períodos deixaron na nosa sociedade. "En Polaroid incluín un texto no que quixen explicar as orixes da sociedade galega tal e como é hoxe,e procurei esa explicación precisamente na Guerra Civil e na grande mobilización militar que supuxeron as levas do exército franquista. Paréceme un aspecto educador e conformador da sociedade tal e como a coñecemos", advirte. Canda a isto, o autor recoñece que o interese polo período deriva tamén de que "desde adolescente funme construíndo como antifascista, de xeito que sempre tiven consciencia dese feito histórico. E isto na miña obra literaria evoluciona e toma forma de xeito autónomo". Así, a pegada da época faise sentir de diferentes xeitos na súa obra. "A reflexionar sobre o que escribo, vou comprendendo que cada vez que fago ficción, ao inventar as biografías dos personaxes, sempre acabo por atopar o trauma da represión e da postguerra. Doume conta de que non podo imaxinar personaxes adultos que non teñan a súa vida afectada e condicionada" por eses períodos. Nesta liña sitúa o caso de Land Rover (1988), onde "conto unha historia contemporánea sobre persoas adultas que teñen a explicación dos seus conflitos e das súas vidas no pasado relacionado coa Guerra Civil. Esta é a primeira vez que aparece na miña obra de xeito explícito o golpe do 36 e a guerrilla". De xeito máis amplo, a perspectiva do pasado a explicar unha situación presente encárnase tamén en varias das súas obras na forma de personaxes novas que interrogan o pasado. "Vese en Sete palabras ou en Home sen nome, é algo moi meu. Agora estou a escribir unha obra de ficción que arrinca tamén con esa dialéctica".

Fraga, pola súa banda, apunta que "Galicia non sería o que é nas últimas décadas sen a contribución da emigración. Para moitas familias supuxo unha separación, pero tamén oportunidades que no lugar natal non estaban dispoñibles. En particular a moitas mulleres, que en pleno franquismo tiñan unha situación moi distinta a hoxe, a emigración deulles un novo comezo".

Canda a estes períodos históricos, Núñez Seixas apunta outros pendentes aínda de tratar na nosa narrativa. "Está por abordar, tamén en parte na historiografía, a transición, a construción de Autonomía e as loitas que se deron, agora que se fan 50 anos das folgas do 72. Moita xente aínda viviu aquela época e teñena moi presente, as súas pantasmas eran outras. Desde o meu punto de vista tamén fica por facer unha grande novela sobre a Raia e as relacións con Portugal, e fican por explorar temas máis pretéritos para a novela histórica como a Guerra Napoleónica ou os corsarios galegos do século XVII".

Documentación para a creación
O feito de traballar con material biográfico real fai que o labor de documentación para a creación literaria a partir da memoria deba ser máis meticuloso do que para escribir unha ficción histórica. "Os grandes novelistas son tamén grandes documentalistas. Desenvolven un traballo de documentación que pode ser comparable ao dos historiadores, a recorrer a fontes orais e compilar materiais", apunta Núñez Seixas. No caso de, Virtudes (e misterios) "é un libro escrito desde a miña memoria, das lembranzas que tiña do tempo coa miña avoa", sinala Fraga. Desenvolvido durante doce anos, o proxecto completouse cando Virtudes xa morrera. "Se o puxese en marcha antes e tivese entrevistas con ela para me documentar, estou convencido de que a perspectiva sería diferente", recoñece. Para os autores, as entrevistas aparecen como un xeito fundamental de conseguir información sobre a historia e os seus protagonistas. Deste xeito, á hora de elaborar o seu libro, Fraga aproveitou os testemuños da familia. "Falei coas miñas curmás e con outros parentes e amigos da infancia para tratar de reconstruír ese relato e confrontar como vía outra xente esas situacións. Quixen ir alén da perspectiva do neno nado na emigración e retornado e o que iso significou para min. Ademais dos testemuños orais, a documentación escrita de todo tipo tamén aparece como unha fonte fundamental para a construción deste tipo de obras. Canda a cartas ou outros escritos, "os textos burocráticos semella que non revelan nada pero ao final teñen cousas interesantes. Eu non sabía que o meu avó nacera no Hospital Real de Santiago, nin que fora fillo de nai solteira. No certificado aparece 'incógnito' no lugar do nome do pai, como se estivese a marcar xa o seu destino", exemplifica Xesús Fraga.

No caso de De Toro, un demorado proceso de documentación levouno, en proxectos como Home sen nome a recrear polo miúdo a cidade de Compostela en 1936. "Fixen un traballo que daquela non se realizara aínda. Coas fontes que tiña, e con testemuños dalgún supervivente, conseguín facer unha secuencia case por horas do que acontecera entre os días 17 e 31 de xullo na cidade, a localizar quen vivía no baixo ou no primeiro andar de cada casa", un labor que non foi sinxelo nin sempre grato. "Coñecer os nomes dos asasinos significaba saber cousas das familias de persoas coas que eu estudara e mesmo dalgúns amigos, resultaba moi perturbador" lembra. De xeito similar, o seu último traballo Un señor elegante é tamén froito dun labor de anos. "Foi a me documentar para Home sen nome que entrei en contacto cos descendentes de Ramón Baltar" principal protagonista da obra máis recente. "Relatáronme episodios da historia familiar, nos que había cousas dignas de ser contadas", centradas sobre todo na vida familiar. "Non cadraba con ton de Home sen nome e deixeinas estar", explica. Co tempo, "outro dos fillos de Ramón, Juan Ramón Baltar, achegoume novos episodios cun valor histórico evidente, como a relación determinante da familia con Rosalía, Murguía e Castelao, ou a represión que sufriron, especialmente Antón, irmán de Ramón, que tivera que fuxir para non ser asasinado". Unha vez que se decidiu a emprender esta obra "comprender as historias dos personaxes e as súas reaccións obrigoume a un interrogatorio constante" presencial, telefónico e mesmo por carta, aos fillos do protagonista. O proxecto incluíu tamén a análise dun importante volume da documentación histórica custodiada pola familia, un traballo para o que o autor contou coa colaboración da súa compañeira Teresa.

Mudar imaxinarios
Núñez Seixas advirte do particular impacto que a narrativa sobre a memoria pode ter no conxunto da sociedade. "A literatura é quen de tematizar e de desenvolver cuestións que lle interesan á sociedade, mesmo candentes". No campo específico da memoria histórica "hai feridas aínda abertas que ao mellor desde eidos como o ensaio, a investigación histórica ou outras expresións culturais non se abordan en toda a amplitude. Moitas veces a narrativa serve de expresión ou reverberación de temas que se tratan na historiografía, na antropoloxía, na socioloxía ou noutras ciencias sociais".

Para el, a capacidade literaria para abordar a través da ficción estas cuestións fan desta disciplina "un dos axentes de importancia na construción de imaxinarios. En clave narrativa exprésanse contidos, ideas e aspiracións sobre nós e os outros que non sempre aparecen no ensaio nin se escriben a través das ideas políticas", recoñece o historiador. Tamén Carlos F. Velasco advirte na súa análise que, en consonancia co "grande esforço colectivo a prol da recuperaçom do que denominamos Memória Histórica Democrática" que se dá no país nas últimas décadas, "merece particular destaque a actividade de criaçom literária dos nossos escritores, certamente nom por ela ser mais importante do que outras, mas polos seus contributos de vulto à causa" e mesmo considera posible afirmar "que o emergente sistema literário galego está hoje em condiçons de desempenhar um papel mesmo fulcral, tanto no concernente à difusom do conhecimento de tam trágico período da nossa história qual foi o da Guerra Civil e Ditadura Franquista (através da sua conversom em trama literária), quanto na própria afixaçom ou reforçamento de traços identitários vinculados, neste caso, à evocaçom de vivências compartilhadas polos colectivos de vítimas do fascismo".

Como exemplo do xeito no que unha novela deste tipo pode contribuír a mudar a nosa percepción sobre determinados períodos históricos, Suso de Toro apunta que co seu último traballo, "fun descubrindo que a familia Baltar realmente fora afectada nos seus intereses materiais e sociais pola represión, pero que os fillos non eran conscientes". A un nivel máis amplo, segundo o autor "o libro revela que houbo sectores do republicanismo e do galeguismo que participaron da estrutura de resistencia da guerrilla, que colaboraron co Partido Comunista e que Baltar foi unha figura da maior relevancia nesta estrutura política e militar". Para el "o relato de Baltar reivindica a imaxe da guerrilla e da resistencia armada ao franquismo, e amosa que non era cousa de traballadores e campesiños pobres. Foi parte dun proxecto político que fracasou. Non eran catro escapados no monte, existían naquel momento máis cousas alén do traballo de Galaxia". Aos seus ollos a historia desta familia contribúe a ampliar o concepto da propia identidade galega. "A través da familia vemos que o relato do neno labrego non é a única realidade histórica do país nin pode ser o único espello no que nos ollemos. Tampouco digo que teña que ser o da familia Baltar, que protexeu a Rosalía, tocaba o piano, viaxaba e tiña iate antes da guerra. Era unha familia europea como outras, pero que tamén é Galicia".

Escribir a memoria
Alén do proceso de documentación, o propio feito de elaborar unha obra literaria que parte da memoria e que se cingue a algo que aconteceu na realidade supón un desafío singular para as autoras e autores. A necesidade de se manter fiel á realidade contrasta coa liberdade da ficción, e non sempre é sinxelo casar os dous termos. Tanto Fraga como De Toro, nos seus últimos traballos, apostaron por modelos mixtos de escrita, unha liña que, segundo recoñece Núñez Seixas conta cada vez con máis seguimento. "Nos últimos vinte ou trinta anos existan autores que se moven nun terreo híbrido. A partir de documentación, empregan a liberdade do xénero novelístico para chegar a eses ocos onde non alcanza a pescuda arquivística".

Á hora de enfrontar o traballo literario en obras deste tipo, as escollas ás que se enfronta cada creadora ou creador difiren das posibilidades que achega a ficción. Para Xesús Fraga, en Virtudes (e misterios) "a primeira opción era facer unha novela máis convencional na que tratar os meus familiares como personaxes de ficción, a lles mudar os nomes e algúns detalles para os facer máis novelescos. Tamén podía presentar a historia como unha novela sen invención ou algo máis achegado ás reportaxes do novo xornalismo americano. Ao final pareceume que a novela tiña forza abonda para non precisar o adobío da ficción". Esta aposta, finalmente executada, "tamén me abría posibilidades como incluír imaxes e as miñas reflexións sobre as mesmas, reproducir documentos, un diario ou cartas, e ir mudando o foco entre diferentes capítulos, a achegar diferentes perspectivas e armar un relato máis completo". De xeito similar, en Un señor elegante Suso de Toro empregou unha aproximación documental á escrita. "Eu digo que o libro é unha novela no sentido de que se trata dunha obra literaria que se le como un relato, pero non inventei os personaxes. Como en Sete palabras resultoume moi atractivo relatar o vivido, e axudoume a ver como a ficción palidece ao carón da riqueza literaria que permite contar a realidade. A verdade é que vivo certa crise de credibilidade da ficción", recoñece.

Malia a partir de acontecementos históricos, a capacidade narrativa do autor revélase como fundamental á hora de artellar unha obra que funcione. "Na historia da miña familia había material para armar un libro interesante, pero era consciente de que a miña capacidade como escritor era a que podería marcar a diferenza entre contar a historia sen máis e armar un relato que chegase á xente", recoñece Fraga. Xornalista de profesión, apunta que no seu oficio está afeito a reelaborar a realidade. "Tes que traballar moito desde a subxectividade honesta e recoñecer que a obxectividade neutra e aséptica é imposible de acadar", explica. Na escrita de Virtudes (e misterios) "tentaba levar como xornalista moitas das cuestións ás que me enfrontaba. Isto dábame un distanciamento útil a respecto da historia, permitíame superar a emoción persoal e encarala de xeito máis frío, analizala para ver o seu lugar no libro". Na súa experiencia, esta elaboración da memoria transforma a perspectiva coa que se perciben os feitos narrados. Deste xeito, Fraga recoñece que no seu proceso de escrita "anécdotas que consideraba máis ou menos divertidas e intranscendentes, olladas con outra bagaxe vital, experiencias e lecturas, amosan retallos dun tempo e trazos de personalidade. Se consegues extraer reflexións e procurarlles o punto común con experiencias doutras persoas que coñecen esta época transcenden ese carácter anecdótico". No libro finalizado "a memoria non é só unha ferramenta que permite recuperar feitos do pasado senón que tamén se configura como unha perspectiva fundamental para representar o relato dos feitos que aconteceron".

Novas perspectivas
Como ben exemplifican os últimos traballo de Fraga e De Toro, nas apostas recentes de novelas sobre a memoria histórica abundan as propostas que se centran na intrahistoria familiar, na reivindicación dos coidados ou na situación da muller, a diversificar as perspectivas máis habituais. Segundo apunta Núñez Seixas, a aposta por estes novos temas concorda coas tendencias xerais. "A memoria do século XXI é decididamente postheróica. Atende moito as vítimas e os sufrimentos cotiáns de xente que non é obxecto de monumentos nin modelos para a comunidade. Estas perspectivas expresan adoito mellor as vivencias e as experiencias transmitidas a través das familias de milleiros de persoas". Deste xeito, "hai un interese, tanto nos historiadores e historiadoras como na literatura, polo papel da muller, pero tamén polas experiencias da infancia, dos anciáns, os coidados, as formas de resistencia silandeira ou os mecanismos de adaptación ás ditaduras". Canda a isto, no caso dunha cultura como a galega, cun grande déficit de biografías, vese tamén un novo interese por este xénero". De xeito máis específico, na literatura do noso país "agora semella que hai máis interese en cuestións de xénero e a recuperación de figuras femininas. Estamos a velo con figuras como Concepción Arenal ou Juana de Vega, que tiveron un papel na historia contemporánea e que se están a reivindicar" tamén desde a escrita de ficción.

Estas perspectivas percíbense claramente nas obras dos narradores entrevistados. Ao abordar Virtudes (e misterios) Fraga non era consciente de estar a se enfrontar a cuestións pouco traballadas nas nosas letras. "Era algo que viña incorporado na historia e que xurdiu de xeito natural da miña propia sensibilidade á hora de a encarar". No entanto, recoñece que "non me interesaba contar unha historia migratoria ao xeito dunha superprodución americana, cun home que se fai a si mesmo e escala desde o analfabetismo ata ser un potentado. Penso que hai que redefinir o que é o éxito nas historias de emigración. Que unha muller soa conseguise sacar adiante tres fillas e que os netos puidesen ir á universidade a través de traballos invisibilizados como son a limpeza e os coidados si é unha historia de éxito". Este autor lembra ademais que "sen saír do tema da emigración hai moitas persoas que están a traballar con diferentes perspectivas. A incorporación das mulleres á emigración durante a segunda metade do século XX cun papel máis protagonista e activo está a ser ver retratada precisamente por mulleres, que me parece algo moi necesario. Eva Moreda, María Alonso ou Anna R. Figueiredo recollen desde a súa propia perspectiva ese fenómeno, e desa pluralidade de voces emerxe un relato común nas letras galegas que di moito de nós".

Perpetradores
Noutra liña, unha obra coa que Suso de Toro revolucionou as perspectivas máis habituais da narrativa galega sobre a época da Guerra Civil foi Home sen nome (2006), unha obra na que, segundo explica, "propuxen usar a literatura para intervir consciente e directamente no relato establecido e na consciencia social sobre este período. Nos anos 90 comezou a se recuperar certa dialéctica co pasado e iniciouse a reivindicación da memoria dos represaliados, algo que continuou nos 2000. Neste tempo falábase moito das vítimas, e produciuse un proceso de mitificación ou beatificación das mesmas, que é algo natural e lóxico. Pero con iso íase creando tamén un sentimento autoxustificativo, a idea de que a nos identificar coas vítimas todos somos solidarios, asumímolas como nosas e ficamos absoltos. E quedamos tamén nesa fase do lamento e de facer o pranto polos mortos. Pero eu vía tamén que que o verdadeiro tabú que se mantiña era que tamén houbo vitimarios, dos que aínda está prohibido falar, e mesmo con garantías legais. Entón con este libro quixen contar quen eran os verdugos", explica. "Tentei reconstruír psicolóxica e historicamente quen foron esas persoas, eses asasinos fascistas conscientes que mesmo estetizan e teorizan o asasinato e a violencia política e que non deixan de resultar fascinantes. O fascismo nese sentido é a manifestación política dunha hipermasculinidade. Hai tamén un compoñente psicolóxico e cultural fondo e moi interesante, e un compoñente de nihilismo". No entanto, De Toro recoñece que "con esta obra fracasei. O lector, que case sempre é lectora, acostuma a querer cousas confortadoras, e o libro era contrario á beatificación de santos laicos, era perturbador. Cando me preguntan por el non recomendo lelo, escribino por obriga ética pero resulta incómodo". Coincide con el Núñez Seixas ao apuntar que "resulta complexo abordar estes temas desde a perspectiva dos perpetradores, e ás veces hai que o tentar, porque había unha parte da sociedade que vía que esa era a banda correcta da historia. É algo menos compracente pero tamén resulta atractivo. Cando Xosé Fernández Naval aborda a historia dun parente seu que foi á División Azul amosa que eses galegos tamén existían e por que fixeron o que fixeron".

O ensaio
Alén da narrativa, o traballo literario no campo do ensaio é outro dos que abordan máis polo miúdo a cuestión da memoria. No entanto, a situación do xénero, segundo apunta Núñez Seixas, dista de ser a ideal. "No caso galego está por consolidar un ensaísmo que saiba combinar o mellor da investigación coa divulgación, non hai moitos exemplos, Ramón Villares pode ser un. Téndese a un ensaio de combate, moi orientado a convencer os fieis, e iso no né malo, pero ás veces cómpre procurar un relato que recolla sensibilidades máis amplas e combinalas con elegancia". A situación ten complexa evolución xa que, "aos investigadores novos cóntalles para o currículo artigos en revistas especializadas, e non teñen nin o vagar nin a motivación para escribir algo máis divulgativo. Ademais, o xénero esixe capacidades para contar. Isto tamén se advirte no ensaio político e mesmo en memorias e autobiografías de persoas relevantes, falta certa empatía literaria", sinala.

Á hora de abordar a escrita neste campo, o historiador lembra que "o meu director de tese en Florencia, Stuart J. Woolf, dicíame que a historia hai que a escribir ben. Os grandes historiadores británicos como Hobsbawm ou Thompson teñen o eco que teñen porque escriben dun xeito asequible para case todos. Sociólogos, politólogos o autores de ciencias duras escriben para entendidos, pero os historiadores temos que facer o esforzo de escribir para un público máis amplo sen perder rigor. Iso é unha arte que tamén se aprende. Pois a historia é tamén un xénero literario, ademais dunha ciencia social; e non pode escribila calquera. Cómpre filtrar e escolmar o que paga a pena ser contado, contextualizar e sintetizar, interpretar con coñecemento e intuición".

Memoria histórica
Encol da situación xeral da memoria histórica no país, apunta que "hai avanzos, pero posiblemente máis lentos do que cumpriría. Cómpre lembrar que en case todas as sociedades, mesmo as que pasan por máis avanzadas nese aspecto, como Alemaña,, a creación dun relato crítico sobre o pasado ditatorial recente que fose aceptado por amplos sectores da poboación levou tempo, case corenta anos. Na actualidade non hai un consenso social sobre a cuestión porque parte da sociedade, mobilizada por actores políticos, seguen sen ver a necesidade de desenvolver unha memoria democrática ou unha visión crítica do pasado recente". Ao seu ver, no entanto, fronte ás posicións no conxunto do Estado, "en Galicia isto vívese talvez con menos acritude. Adoptouse pola dereita un galeguismo cultural que, con limitacións ou ritualizacións permitiu crear unha memoria máis común, Fóra de aquí sorprende a unanimidade que houbo no parlamento sobre a recuperación do pazo de Meirás, por exemplo, aínda que logo non haxa un acordo sobre os usos".

Con maior ou menor consenso, non cabe dúbida de que nos vindeiros anos ha continuar esta exploración do noso pasado común, con novas épocas e novas perspectivas no foco.