"Xa atopamos ao poeta, ao gran poeta que nos levaron o día que enterraron a Curros". Así comeza Basilio Álvarez o prólogo de No desterro, o primeiro poemario de Ramón Cabanillas. Editado en 1913 na emigración da Habana, como moitos outros importantes títulos do século XX, No desterro é tamén o libro do autor máis influído polo puxante movemento agrarista que naquela altura estendíase por todo o rural galego, pero no que tamén se aprecian outros trazos que se van marcar nas seguintes obras do autor, como a relación co pasado histórico ou a paisaxe. A reedición, a cargo do Consello da Cultura Galega co apoio da Secretaría Xeral de Emigración, vén precedida por un traballo do profesor Miguel Cabo no que se analizan os vínculos entre o movemento agrarista, a emigración, a literatura, e a relación entre Cabanillas e o principal líder do movemento agrarista, o crego Basilio Álvarez.