
Segundo o comunicado da deputación, no acto de entrega Cabo explicou que un dos principais obstáculos que tivo que salvar para facer esta encarga foi "a inexistencia dun arquivo privado de Basilio Álvarez", recorrendo á correspondencia que mantivo con Eugenio López Aydillo, un dos seus colaboradores en Acción Galega entre 1912-1914, e aos arquivos diocesanos de Ourense e Madrid, así como tamén no Vaticano. Entre as novidades deste traballo cómpre sinalar o detalle co que se relatan as dúas etapas de Basilio Álvarez como agrarista, en Acción Galega na década do 20, e na Confederación Regional de Agricultores Galegos nos anos 20. Miguel Cabo destaca ademais a descoñecida faceta como presidente do Centro Galego en Madrid nos anos 20, "cun extraordinario labor de promoción de galegos como Bóveda, Asorey, Castelao e artistas do momento, incluíndo a promoción do turismo en Galicia e, en particular, de Ourense". A biografía tamén incide no seu labor como avogado; deputado do Partido Radical no período 1931-1933; vocal do Tribunal de Garantías (o que hoxe sería o Tribunal Constitucional); o seu exilio "clandestino" en 1937; o seu periplo por América; e finalmente unha reinterpretación da súa figura desde todos os máis diversos ámbitos.
Basilio Álvarez estudou no Seminario Conciliar de San Fernando, en Ourense, sendo ordenado sacerdote en 1902 e tendo como primeiro destino a parroquia de Parada de Laviote (O Irixo). Xa en Madrid fundaría o movemento agrario Acción Gallega (1910-1916), iniciando o seu labor como xornalista con colaboracións en diversas publicacións e ata dirixindo La Zarpa (1921-1936). Tras desvincularse da Igrexa licenciouse en Dereito e centra a súa traxectoria profesional na avogacía, o xornalismo e á política. Foi deputado polo Partido Radical nas Cortes republicanas de 1931 e 1933. En 1928 foi recoñecido como Fillo Predilecto de Ourense, dándolle o seu nome a unha das rúas da cidade. Tralo golpe de Estado militar de xullo de 1936 abandonou España exiliándose en Bos Aires, asentarse despois en La Habana e logo en Florida, onde faleceu aos 66 anos.