Impulso formativo ao emprendemento cultural no rural

Fundación Paideia e Fundación EOI presentan un novo curso para axudar a proxectos de cultura e arte no mundo rural

Fundación Paideia e Fundación EOI presentan un novo curso para axudar a proxectos de cultura e arte no mundo rural
Co emprendemento sustentable de proxectos culturais e artísticos no rural como obxectivo da formación, comezará o vindeiro día 30 de setembro en Padrón un novo curso do programa de desenvolvemento profesional Espazo Coworking Go2Work. Esta acción formativa está enmarcada nun convenio firmado entre a Fundación Paideia e a Fundación EOI - Escuela de Organización Industrial e conta coa colaboración dos Grupos de Desenvolvemento Rural, Asociación Deloa, ASDECOMOR e Ribeira Sacra-Courel. Este curso porá a disposición do alumnado, profesionais e experiencias de gran percorrido no eido da xestión da cultura no rural con clases presenciais combinadas con titorías individuais.

No programa participarán como relatores e titores recoñecidos profesionais na xestión da cultura no rural, como Rodrigo Cuevas, a zoqueira Elena Ferro, Keka Losada, do Festival de Cans e expertos en financiamento, traballo cooperativo, dereito, sustentabilidade ou márketing e comunicación. O taller de apertura, que terá lugar o día 30 de setembro, será guiado polo Subdirector Xeral de Cooperación coas Comunidades Autónomas, Benito Burgos. O Coworking Go2Work é un programa de formación sen custo para os seus participantes grazas ao cofinanciamento do Fondo Social Europeo, que ofrece unha formación especializada para a xestión de proxectos culturais e artísticos a través de clases presenciais combinadas con titorías individuais. Xa está aberto o prazo de inscrición a través da web, onde tamén se inclúe o programa completo.