María Alonso Seisdedos faise co XX Premio Plácido Castro de Tradución

A autora recibirá un premio en metálico de 2.000 euros

5/9/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: lingualiteratura
47 lecturas | Compartido 0 veces

María Alonso Seisdedos. Fotografía da rede de residencias Faberllull.

A versión en galego da obra Canto jo i la muntanya balla de Irene Solá valeulle a María Alonso Seisdedos facerse co XX Premio Plácido Castro de Tradución. Canto eu e a montaña baila, publicado por Faktoría K de Libros, foi recoñecida polo "valor da novela, de aparencia sinxela pero de construción complexa, con pluralidade de voces narrativas", que "sinala unha perfecta adaptación dos rexistros da lingua de orixe, reflectindo a súa oralidade con altas doses de precisión".
O fallo destacou tamén que o traballo de Alonso "logra manter o ritmo da narración respectando a atípica puntuación do orixinal". A gañadora recibirá un premio en metálico de 2.000 euros, un diploma e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves. A entrega do premio desenvolverase o vindeiro 30 de setembro en Vilagarcía de Arousa.

O xurado do certame estivo composto por Olga López López, Beatriz Fariñas, Ramón Caride Ogando, Alberte Álvarez Lugrís, Xavier Senín Fernández e Xulio Ríos en calidade de secretario. A obra xa fora galardoada co Premio Follas Novas á mellor obra traducida.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego