As historias coas que miramos ao redor

A literatura infantil e xuvenil amosa a realidade cos seus conflitos e cambios sen renunciar a facer gozar da lectura

A literatura infantil e xuvenil amosa a realidade cos seus conflitos e cambios sen renunciar a facer gozar da lectura
Ao pensar na narrativa infantil e xuvenil que foi sustento e substrato sobre o que as xeracións pasadas foron e fomos creando os nosos imaxinarios vitais que moitos anos despois nos acompañan, de seguro que podemos lembrar obras, historias e personaxes que xogaron un importante papel na nosa construción persoal. Nalgúns dos casos a memoria poderá traernos narracións fabulosas, cun gran compoñente máxico ou fantástico, sobrenatural ou afastado da realidade cotiá na que íamos medrando, pero noutros casos era a mesma realidade a materia das historias, unha realidade que a través da ficción entraba a explicar un mundo no que pasaban cousas ao noso redor, un mundo cambiante que nas últimas décadas impulsado pola globalización e as tecnoloxías fíxose aínda máis vertixinoso neses cambios e tamén, sobre todo, ao redor dos que agora son cativos e adolescentes.

Desde 'O gardián entre o centeo' (J.D. Salinger, 1951) ata hoxe moitos foron os libros onde quixemos ver reflectidos os conflitos internos e externos que implicaban vivir no mundo adulto. Son relatos que nos sitúan os marcos de referencia, que nos dan claves e onde podemos vernos reflectidos e polo tanto comprendidos nas nosas dúbida, co cal podemos tamén comezar a comprender ese mundo que nos arrodea, tan estraño e cambiante para as pequenas mentes en formación. Para filóloga, crítica literaria e profesora universitaria Montse Pena, especialista en literatura infantil e xuvenil, o realismo sempre foi unha das correntes clásicas nesta literatura cun auxe que se deu xustamente a partires dos anos 50 na sociedade posterior á Segunda Guerra Mundial e xa nos anos 60 co auxe do pacifismo, "nesa época comezou a existir na LIX (acrónimo de Literatura Infantil e Xuvenil), a tendencia a tratar temas complexos e complicados", indica. Pena sitúa neses momentos tamén un xiro novo no que se refire á representación da relación entre adultos e crianzas causada tamén, sen dúbida, porque foron adultos os que cometeron moitas atrocidades desde os autoritarismos e que foron moi visibles, "aí os adultos nas obras deixamos de ser unha figura referencial que sempre leva razón", e lembra obras cruciais desa época como a publicación de "O diario de Ana Frank" (Ana Frank, 1947), unha obra crucial sobre o conflito, persecución e racismo no contexto da ocupación nazi dos Países Baixos que foi capaz de introducir aos lectores nunha situación con moito máis realismo e impacto que calquera texto didáctico.

Ferramentas para entender o mundo
Varias décadas despois son varias as situacións de conflito e as necesidades de comprensión do mundo de arredor coas que os lectores e lectoras máis cativos precisan enfrontarse ante unha sociedade ás veces moi polarizada e na que os medios de comunicación só contribúen a reflectir sucesos extremos e titulares sensacionalistas pero non a explicar ou representar diferentes sensibilidades. Os conflitos bélicos e as crises humanitarias, a diversidade racial e cultural nun mundo de fluxos migratorios constantes, os diferentes modelos de familia non tradicionais, a igualdade entre homes e mulleres e o feminismo, a variedade de opcións sexuais e de xéneros, o tratamento da saúde mental, o envellecemento poboacional, as desigualdades económicas e sociais, son temas que vemos a diario nos medios reflectidos na forma de conflitos. Nese sentido para Montse Pena as narracións literarias poden ser "ferramentas complementarias" dos medios de masas para que os cativos poidan entender mellor ese mundo. A escritora Ledicia Costas (Vigo, 1979) ve nese sentido na literatura "un acubillo perfecto e tamén un escenario natural para, non sei se comprender mellor a sociedade na que vivimos pero si ao mellor para atopar outras respostas, outros camiños ou vías." Ledicia confirma coa súa experiencia no contacto co seu público ese poder da literatura: "cando visito centros de ensino, sobre todo de secundaria, e se te achega unha rapaza ou un rapaz que che dan as grazas, porque no teu libro atopou unha resposta a unha problemática ou porque trataches un tema que non viron reflectido noutras obras", afirma, "iso pasa constantemente".

L. COSTAS: "A LITERATURA É UN ACUBILLO PERFECTO E TAMÉN UN ESCENARIO NATURAL PARA, NON SEI SE COMPRENDER MELLOR A SOCIEDADE NA QUE VIVIMOS PERO SI AO MELLOR PARA ATOPAR OUTRAS RESPOSTAS, OUTROS CAMIÑOS OU VÍAS."


Costas é unha das creadoras galegas máis recoñecidas e premiadas, no ámbito da LIX é unha das nosas sinaturas galardoadas co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura pola súa obra "Escarlatina, a cociñeira defunta" (Eds. Xerais, 2014). Respecto ás temáticas conflitivas da realidade social ela declárase "profundamente implicada" en reflectilas na súa obra e sinala á súa novela de debut , "Unha estrela no vento" (Xerais, 1999), escrita con apenas 16 anos e na que viuse tratando xa diferentes cuestións conflitivas sen apenas ser consciente diso. "Eu trataba o tema do racismo, concretamente contra o pobo xitano, a violencia na adolescencia, a diversidade funcional a través dun rapaza en cadeira de rodas... E non o tratei de xeito deliberado, escribín un libro pensando no que me gustaría como lectora", asegura a escritora, " o caso é que a medida que fun construíndo unha carreira literaria fun tomando consciencia desa condición de autora que quere implicarse na sociedade na que vive", confirma. Para ela a representación na LIX dos temas conflitivos da realidade social é algo que non debería ser preciso nunca forzar nin atender a obrigas de porcentaxes premeditados "ten que ser algo orgánico e natural coa historia que estás escribindo", di. Ademais considera que é unha representación do xeito de entender o mundo que teña a persoa que escribe e como tal vai aparecer sempre inherente, "se es unha autora que tes certa sensibilidade, que defende a diversidade e que che gusta que as lectoras e lectores se atopen aí reflectidos, vaiche saír de xeito orgánico".

pe de foto
Capa da primeira novela de Ledicia Costas
Dun xeito moi similar pero aínda máis gráfico o explica a escritora Fina Casalderrey (Xeve, 1951):"se é certo que eu non son racista nin xenófoba, se admito as diferentes identidades con respecto ao sexo, todo iso se notará sen ten que forzar cando escribo", afirma rotunda, "dalgún xeito ten que notarse, ás veces só unha frase, unha palabra, e chega para poñer esa pincelada de naturalidade en temas controvertidos". Casalderrey, mestra de profesión, comparte con Costas o feito de ostentar o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, no seu caso outorgado en 1996 polo seu libro "O misterio dos fillos de Lúa" (Ediciones SM, 1995), ademais de outros numeroso premios e recoñecementos pola súa extensa obra literaria. Para ela "se non finximos o que somos, debera notarse cando escribimos". No relativo ao papel que as narracións poden ter para axudar aso pequenos lectores a entender o mundo Fina afirma que a literatura axuda nese sentido a todos, "aos adultos tamén, porque non deixa de ser a mirada de outra persoa, que a comparte contigo e non a terías se non leses esa historia".

Para Montse Pena esa equiparación entre a LIX e a literatura para adultos tamén debe facerse, "eu son moi partidaria de que os libros infantís reflictan os mesmos conflitos que se poden atopar nun libro para público adulto", asegura a crítica e investigadora e o xustifica, "porque senón estariamos quitando á infancia a visión do mundo que os rodea e non hai etapa da vida con máis curiosidade que a etapa infantil e xuvenil". Nun sentido similar pronúnciase Ledicia Costas, advertindo tamén do perigo de desconexión co público se as historias que len afástanse das realidades do mundo no que viven e os seu conflitos: " se perdes contacto co mundo contemporáneo e coas problemáticas sociais corres un grave risco de quedar descolgado da realidade e que se produza unha desconexión co público ao que te estás dirixindo", asegura a autora viguesa. Casalderrey incide na propia natureza do feito literario para apoiar a presenza do conflito na narración ou como orixe da mesma: "que todo vaia ben non xera curiosidade nin ten atractivo, na literatura o que se fai é presentar conflitos e incluso non ten por que resolvelos, pero si tocar na porta da túa conciencia para que penses sobre iso e, co que ti sabes, co que ves ao teu redor, co que sentes e coas túas experiencias, tires ti as conclusións", asegura Fina.

A achega no caso galego
No caso galego o noso sistema literario, no relativo á LIX, leva décadas incluíndo nos catálogos múltiples obras que lonxe de fuxir de amosar os conflitos, tratan de incluílos para responder á realidade. "Non se di con frecuencia pero temos unha LIX que vai moitas veces por diante das tendencias", afirma Ledicia Costas indicando algunhas temáticas nas que opina que a creación galega puido abordar moi cedo temáticas que a outros sistemas do Estado aínda lles levou un tempo incorporar na súa literatura para lectorado novo. "Cando practicamente non había en España publicados libros sobre as persoas Trans, nós xa tiñamos novelas na nosa LIX que amosaban estas personaxes, e iso é extrapolable a outros temas como a violencia contra as mulleres, - di Costas- estou pensando agora cando sacou Marilar Aleixandre "A cabeza da Medusa", que fala dunha violación", pon como exemplo. Para ela o xeito en que se abordan na LIX galega os modelos de diversidade familiar ou sexual estase a resolver dun xeito especialmente satisfactorio.

Para Montse Pena a entrada na LIX galega das temáticas como a diversidade sexual e o multiculturalismo comeza a ser especialmente visible a partires da primeira década do século XXI. "Galicia convértese nunha sociedade que pasa de ser emigrante a ser de acollida de persoas migrantes doutros lugares", explica Pena, "e logo no que ten que ver coa diversidade sexual e a igualdade ten que ver cun novo auxe dos feminismos e co recoñecemento dos dereitos da comunidade LGTBIQ+", explica a investigadora. Fina Casalderrey confirma neste tempo, no sentido de afrontar todos este temas na LIX galega "camiñamos moito", e lembra como exemplo dunha narrativa con valores de igualdade moi presentes a outro dos autores galegos que recibiu ese mesmo Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o xa desaparecido Agustín Fernández Paz, un autor prolífico e concienciado . "El fixo moito porque as personaxes femininas tivese un protagonismo esencial, tódolos demais tamén fixemos o que puidemos, pero el fíxoo dunha maneira militante", afirma a escritora.

Fantasías non escapistas
A idea da variedade e da reivindicación do papel da muller en todas as áreas da vida e da sociedade, do mesmo xeito que calquera outra desta temáticas non é exclusiva de aparecer nas narracións exclusivamente "realistas". No marco da fantasía hai tamén un espazo para deitar todos estes temas. ""estes temas de corte social peto tamén de interese persoal, como os conflitos familiares, son trasladables a universos fantásticos, pero é que a literatura sempre transmitiu os valores do seu tempo, entón estes valores aínda que se estean traballando nunha temática ampla de fantasía van estar sempre presentes", explica Montse Pena, A crítica e investigadora ve como iso pasa claramente nas obras de Ledicia Costas, nas que hai unha "preminencia clara de obras de fantasía, pero tamén un gusto polo realismo", afirma. Pena sinala a algunhas obras de Cistas como "A señorita Bubble" (Xerais, 2017) ou "Jules Verne e a vida secreta das mulleres pranta"(xerais, 2016) como exemplos da reivindicación das mulleres "das mulleres científicas ou das mulleres que conectan co mundo natural", asegura. Tamén na obra que lle valeu a Costas o Premio nacional, "Escarlatina, a cociñeira defunta" hai un achegamento a un tema conflitivo: a morte. Segundo a propia resolución do xurado que llo concedeu, o libro destaca , entre outras cousas "pola habilidade para desmitificar o mundo da morte". Costas recoñece que na súa premiada obra "o tema é o duelo e a morte", un asunto para o que a ferramenta que emprega é o humor nun estilo que , segundo Montse Pena "conecta moi ben coa nosa tradición galega"e menciona autores clásicos como Castelao ou Risco. Para Costas a resposta á compatibilidade do uso do "realismo máxico" co tratamento de cuestións conflitivas é un "si rotundo", e considera que un exemplo diso tamén pódese percibir na súa obra "A balada dos unicornios" (Xerais, 2018), unha historia "steampunk" ambientada no século XIX "onde eu falo da violencia machista a través de Jack O destripador", afirma.

F. CASADERREY: "CANDO DICIMOS 'ISTO NON O ENTENDERÍA UN NENO' CREO QUE TEN MÁIS QUE VER COA NOSA PREGUIZA OU INCOMPETENCIA PARA EXPLICARLLO QUE COA SÚA CAPACIDADE EMOTIVA E INTELECTUAL PARA REFLEXIONAR SOBRE ESE TEMA"


Co "realismo máxico" as obras mesturan o cotián e o fantástico nun tratamento no que un elemento máxico ou sobrenatural insírese na realidade diaria, cambiándoa pero tamén achegando con naturalidade o inexplicable ao lóxico. Esta literatura non renuncia a contribuír ao proceso de desenvolvemento persoal, nas funcións pedagóxica e didáctica, pero faino dun xeito máis sutil. Para Fina Casalderrey resulta máis interesante unha historia fantástica se conten un nexo coa realidade que lle dea credibilidade. "Entre "A historia interminable" e "Alicia no país das maravillas", quédome coa primeira porque aí está o Bastian que emerxe na propia historia coma un neno real, de carne e oso, cos seus conflitos reais", opina Fina. Ese gusto de Casalderrey polas presenzas de personaxes reais coincide coa valoración que fai Montse Pena da obra da escritora. "Fina é unha autora que gusta do realismo, para min como lectora é un dos seus puntos fortes a capacidade tan grande para poñer voz dun xeito extramadamente verídico a nenas e nenos que viven diferentes situacións", afirma Montse e sinala ao libros co que a autora gañou o premio nacional: "en O misterio dos fillos de Lua" pódese ver como a nena protagonista ten unha voz propia e que se diferenza totalmente dese mundo adulto que non dá importancia á perda dunha camada de gatiños", indica a crítica.

Familias e igualdade
A polarización creada sobre algúns dos temas conflitivos da realidade social ven, ás veces, motivada por intereses de confrontación políticos ou distancias ideolóxicas irreconciliables. Nese clima de tensións a LIX non está exenta de ser traída ao centro da disputa, recibindo críticas en ocasións que a acusan de "programática" ou de vehículo de adoutrinamentos dun ou doutro signo. Montse Pena ten unha opinión clara sobre esas críticas: "non estou de acordo niso", asegura. "Eu creo que é unha literatura que vai recollendo os cambios sociais que están presentes na realidade", di Pena, Para a investigadora a idea dunha "axenda" de temas que os autores queiran tocar é completamente infundada, o que pasa, segundo ela é que "a literatura, sen etiquetas é filla da sociedade na que nace". Sobre as críticas de adoutrinamento Ledicia Costas reclama para as creadoras o dereito de expresarse e o dos lectores cativos de verse tamén reflectidos eles e as súas vidas nas narracións, "non teñen dereito as nenas e nenos a topar libros diversos que precisamente recollan sensibilidades diversas como diversas son diversas son as sensibilidades do público lector?", pregúntase a escritora. "A literatura trata diso", afirma Fina Casalderrey, "de remexer conciencias, e non pode cambiar o mundo, pero pode tentar cambiarte a ti, para que ti o cambies". "Deixámoslles presenciar as realidades máis atroces na TV, pero deixarlles ler sobre determinados temas iso xa...", reflexiona Fina. Para ela todos os temas poden ser tratados a todas as idades, "as diferentes cuestións capitais poden afrontarse a distintos niveis da experiencia humana, que non da intelixencia", asevera, "cando dicimos 'isto non o entendería un neno' creo que ten máis que ver coa nosa preguiza ou incompetencia para explicarllo que coa súa capacidade emotiva e intelectual para reflexionar sobre ese tema", asegura Casalderrey apoiándose na súa ampla experiencia como mestra ademais de como escritora.

F.CASALDERREY: "TODO O MUNDO TEN CLARA A DIFERENCIA ENTRE UN TEXTO DIDÁCTICO E UN LITERARIO E ISO NON SIGNIFICA QUE NO LITERARIO NON SE POIDA APRENDER ÁS VECES MÁIS, PERO SEN EMPURRAR, QUE A NINGUÉN NOS GUSTA QUE NOS EMPURREN"


Capa de 'Un día de caca e vaca' publicada na colección Carteira de valores de Baía edicións

Ao falar en concreto de tematicas que poden ser obxecto desa "controversia interesada" e de polarizacións a través de diversos medios, coa a dos diferentes mode,los familiares, Fina Casalderrey ten claro que os adultos , ao tensar esas situacións dun xeito ou doutro non lles estamos a axudar moito aos cativos a entender as cousas. "Sorprenderiámonos da naturalidade coas que os rapaces son capacesd e aceptar este temas, os prexuízos poñémosllos nós, eles naces sen eles", asegura a escritora. "Creo que a diversidade temos que amosarlla coa maior naturalidade posible - mantén Fina Casalderrey- e se xera conflito facerlle ver ese conflito e transparentar a inxustiza que supón", di ela. Para a escritora de Xeve a familia é "esa primeira sociedade dos afectos que ten que ser dun xeito determinado para que sexa perfecta". Sobre o tema da igualade ela lembra ter buscado tamén, nalgunha das súas obras, crear unha certa reflexión sobre iso. " Por exemplo en "Un día de caca e vaca" (Baía, 2006) aí foi premeditado que puxen aos nomes como Andrea e Cruzo polo cal calquera podía ser o pai ou a nai e non puxen ata o final que era cada un", conta.

Unha literatura para gozar
"O poder dos libros axuda a comprender o mundo, pero sobre todo se trata de non perder de vista que se trata de atopar unha bonita historia contada da maneira máis fermosa posible", afirma Fina Casalderrey, declarándose contraria en calquera caso a poñer calquera mensaxe, por boa que sexa, por riba da propia historia coa que se pretende engaiolar e emocionar aos lectores. "Todo o mundo ten clara a diferencia entre un texto didáctico e un literario e iso non significa que no literario non se poida aprender ás veces máis, pero sen empurrar, que a ninguén nos gusta que nos empurren", explica Fina moi graficamente. "A literatura infantil non debe incluír obras de "auto-axuda", a LIX debe ser outras cousa, que sirva a nenas e nenos a gozar e emocionarse, a divertirse e ter máis ganas de consumir ficción no formato que sexa" di Montse Pena, "se mediatizamos o uso das obras literarias como "libros para..." coma se receitásemos libros para curar cousas, coma se fosen medicamentos pois entón si que estariamos perdendo esa batalla", conclúe a crítica e docente. "Eu son unha autora que estou constantemente fuxindo do didactismo na literatura, pero é certo que hai unha idea equivocada e moi estendida de que a LIX ten que ser didáctica", asegura Ledicia Costas, "eu creo que a finalidade central non é educar, iso está asociado con feito de que a literatura para os mais novos sempre foi considerada un xénero menor, deostado e mirado por riba do ombreiro". Casalderrey cita a José María Sánchez-Silva, único escritor español gañador do Premio Hans Christian Andersen por "Marcelino Pan e viño" en 1968, cando este, dirixíndose a Miguel Delibes, lle dicía: " Advírtoche que escribir para nenos non é escribir para tontos".