
O acto celebrado onte no salón de plenos da Deputación contou coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; os alcaldes e alcadesa de Trasmiras, Cualedro e Allariz, Luciano Rivero, Emilio Pazos e Cristina Cid; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; senadores, deputados provinciais de todos os grupos presentes na corporación; representantes do mundo da cultura; familiares e amigos. A profesora e catedrática de Filoloxía Española da Universidade de Vigo, María do Carmo Henríquez, foi a encargada de ler a laudatio, destacando na súa intervención que Alonso Estraviz, como humanista e filólogo, realizou "relevantes contributos no ámbito da lexicografía e filoloxía galego-portuguesa, nun mundo no que é difícil citar outras personalidades de igual categoría e capaces de elaborar durante varias décadas unha obra tan meritoria e dun único autor", en referencia ao Dicionario da lingua galega. O deputado Armando Ojea, como instrutor do expediente de honras, fixo un repaso pola traxectoria intelectual do homenaxeado, ao que se recoñece coa Medalla de Ouro da provincia por toda unha vida "marcada polo seu carácter de traballador incansable en prol da defensa, estudo e difusión do noso idioma, que o converteu nun dos maiores especialistas que deu Galicia".