Fabiola Anchorena faise co XV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

A artista peruana levou os 9.000 euros do galardón co seu traballo Esperando el amanecer

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Fabiola Anchorena faise co XV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado

O Concello de Santiago e a Editorial Kalandraka daban a coñecer este 29 de xuño o fallo do XV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados. A artista peruana Fabiola Anchorena foi a gañadora desta xeira co proxecto titulado Esperando el amanecer no que a autora denuncia a destrución ambiental da Amazonía. En total presentáronse ao certame máis de 200 obras de diferentes países.

Encol da obra, o fallo sinala que "destaca pola pertinencia e pola actualidade" do tema tratado, onde resoa a voz da Amazonía "como protesta ante a explotación e a conseguinte destrución do medio". A nivel artístico, o xurado salienta "a poética do texto xunto cola atmosfera emocional, acentuada polo tratamento da cor".

A historia, que narra a viaxe que os animais da selva emprenden para descubrir por que non se fai día, valeralle á autora un premio en metálico de 9.000 euros e a publicación do libro nas cinco linguas peninsulares.

O xurado estivo formado pola ilustradora e editora Marta Madureira; a editora e mediadora de lectura Piu Martínez; os ilustradores Xosé Cobas e Federico Delicado, gañador da sétima edición do Premio Compostela; a directora editorial de Kalandraka, Manuela Rodríguez; o edil de Educación do Concello de Santiago, Rubén Prol, e Beatriz Varela como secretaria.

Que che parece esta nova?
108 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Concello de Santiago, Kalandraka, Educación, Santiago de Compostela