Kalandraka obtén un dos Premios aos Libros Mellor Editados do Estado

Impúxose na categoría de obras infantís e xuvenís dos recoñecementos do Ministerio de Cultura con Esperando o amencer

22/5/2023 | Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

O Ministerio de Educación e Cultura deu a coñecer este 19 de maio o palmarés dos Premios aos Libros Mellor Editados, nos que a editorial Kalandraka aparece como única presenza galega. A obra Esperando o amencer da creadora peruana Fabiola Anchorena valeulle á firma pontevedresa facerse co galardón na categoría de Obras Infantís e Xuvenís.

A obra agora recoñecida xa resultara recoñecida co XV Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado que convoca o Concello de Santiago en colaboración coa editora. O volume narra a viaxe que os animais da selva emprenden para descubrir por que non se fai día e supón un alegato a favor do medio e contra os incendios forestais. O xurado destacou no seu fallo o ser este "un libro moi ben executado, coherente e esteticamente impecable, resolvendo moi ben a dificultade na reprodución cromática".

Este certame, que conta con 5 categorías, recibiu 154 obras a concurso nas categorías de Arte, Bibliofilia, Facsímiles, Infantís e Xuvenís e mais Obras Xerais e de Divulgación. Os galardóns, que non contan con dotación económica, pretenden "recoñecer e estimular o labor das editoriais". Os libros premiados serán expostos nas feiras internacionais de Frankfurt, Leipzig e no LIBER, no marco da exposicíon Best Book Design From All Over the World.

Que che parece esta nova?
62 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Kalandraka, Ministerio de Cultura, Educación, Ministerio de Educación...