A australiana Narelle Jubelin dialoga coa paisaxe galega na nova mostra do CGAC

Nalgures poderá verse en Compostela ata o vindeiro 16 de outubro

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Imaxe da exposición de Narelle Jubelin

Imaxe da exposición de Narelle Jubelin

Este venres tres de xuño abría as súas portas no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, a exposición Nalgures. A artista australiana Narelle Jubelin asina esta proposta sobre a memoria da paisaxe na que, por vez primeira, mestura as súas creacións con creacións realizadas no país.

Fotografías de Ana Turbau, antigas pezas de Sargadelos, un poema de Ana Romaní ou un lavadoiro de Aguiño fan parte deste proxecto, no que tamén están presentes elementos de series anteriores de Jubelin, como Shumakom, Flamenco primitivoThe Presence of Black e Afterimage.

Coas súas creacións, a autora "detense nas memorias duns espazos, duns referentes obxectuais e literarios concretos dentro do contexto galego que vincula con outras cartografías e con referencias á súa propia biografía e á súa traxectoria artística", segundo explica a presentación da mostra, que "profunda na memoria da paisaxe e das construcións humanas habitacionais, pero tamén nos modos de ocupación espacial e na redefinición formal das distintas producións culturais" a nos situar "nunha indeterminación que está por definir, no interior dunhas xeografías fragmentarias: lugares, vestixios, modos de ocupación". A mostra poderá verse ata o vindeiro 16 de outubro.

Que che parece esta nova?
70 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Paisaxe, Santiago de Compostela, Primitivo, Ana Romaní...