O proxecto Cidades no tempo indagará no 'legado cultural' das sete cidades galegas

A Xunta presenta unha iniciativa de sete exposicións ata 2024

A Xunta presenta unha iniciativa de sete exposicións ata 2024
Participantes na presentación do proxecto. Foto: Xunta
Unha mesma estrutura pero contidos distintos que abranguen todos os ámbitos do 'legado cultural' das cidades galegas. Así é o proxecto "Cidades no tempo" presentado onte na Cidade da Cultura e que comprenderá sete exposicións consecutivas en cada unha das grandes cidades galegas ata 2024. O Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o comisario do proxecto, o xornalista Manuel Gago, presentaron unha iniciativa que se iniciará este venres en Compostela, coa inauguración da primeira das mostras, Santiago no tempo e a partir de aí continuará con Ferrol, Lugo, A Coruña, Pontevedra, Vigo e Ourense. Román Rodríguez reivindicou "o legado, identidade e a memoria da Galicia urbana e da súa contribución na creación da cultura galega". Todas as exposicións comparten unha estrutura, distribución e recursos similar, pero os contidos son elaborados integramente para cada unha das sedes a partir do traballo de amplos equipos de coordinadores e asesores locais. Deste xeito, canda Manuel Gago participan no proxecto coordinadores como Xosé Ramón Lema Bendaña (Santiago de Compostela), Guillermo Llorca (Ferrol), Marica Campo (Lugo), Rubén Ventureira (A Coruña), Milagros Bará (Pontevedra) e Manuel Bragado (Vigo), canda unha extensa nómina de asesores locais. O comisario da exposición, Manuel Gago, explicou que a exposición non dá conta dos procesos urbanísticos das cidades, senón do conxunto de trazas, físicas e do imaxinario, da memoria e da configuración física dos espazos, que acaban por crear a identidade de cada unha das cidades galegas, e sinalou a "enorme complexidade técnica do que é un dos proxectos expositivos de Galicia nas últimas décadas". "No tempo que levamos traballando neste proxecto decateime de que xeito cada cidade é un ingrediente máis para conformar a receita que é Galicia", explicou Gago.