O pasado venres inaugurouse en Vigo a quinta das exposicións do proxecto Cidades no tempo. A mostra Vigo no tempo aborda a identidade e o ligado histórico de Vigo a través dunha combinación de cen documentos, obxectos arqueolóxicos, obras de arte, audiovisuais e instalacións interactivas. Comisariado por Manuel Gago, e con Manuel Bragado como coordinador local, a mostra permite comprender a evolución urbana de Vigo a través de pezas senlleiras, como a primeira mención documental a Vigo, de finais do século XI, ou os principais planos e mapas que definen a evolución da vila de Vigo -mudada en cidade a principios do século XIX-. A exposición explora diferentes liñas da construción da identidade viguesa, desde a importante colección de estelas funerarias galaicorromanas localizadas no Areal ata os diferentes momentos nos que a cidade se inventa e reinventa ao longo da súa historia, desde a Reconquista ata a expansión da cidade burguesa ou a explosión cultural dos anos 80. O proxecto, promovido pola ConsellerÃa de Cultura e a Fundación Cidade da Cultura coa colaboración de Afundación, pode visitarse ata o 20 de xaneiro de 2024 en Afundación (rúa Policarpo Sanz). No web de Afundación xa están dispoñibles as primeiras visitas comentadas por parte de Manuel Gago, Manuel Bragado e o equipo didáctico.