Dúas historias da costa vencen no XIX Festival de Cans

O xurado galardoa a Eloy Domínguez por 'Rompente' e a Diana Toucedo por 'Tatuado nos ollos levamos o pouso'

O xurado galardoa a Eloy Domínguez por 'Rompente' e a Diana Toucedo por 'Tatuado nos ollos levamos o pouso'
Foto: Festival de Cans
O Festival de Cans baixou o pano este sábado coa Gala Final de Entrega dos Premios da súa XIX edición, celebrada como unha volta á normalidade do evento. As películas 'Rompente', de Eloy Domínguez, en ficción, 'Tatuado nos ollos levamos o pouso', de Diana Toucedo, na sección Furacáns e 'As pétalas murmuran', de Arantxa Ramos, en Novas Camadas, fixéronse co Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe. O xurado outorgou o premio á Mellor Dirección a Lois Patiño e Matías Piñeiro por 'Sycorax', que fixo dobrete e tamén acadou o Premio á Mellor Fotografía desta XIX edición para Mauro Herce. O actor de Vigo, Santi Prego fíxose co galardón ao Mellor Actor pola súa actuación en 'Devoradora de nenos'. O premio á Mellor Actriz foi para Violeta Gil, de quen resaltaron a súa capacidade para dar solidez e soster a película a partir do monólogo que desenvolve como Andrea en 'Así vendrá la noche'. Outros dos galardóns desta noite foron para a banda sonora orixinal de 'Sauerdogs', composta pola gañadora dun Goya Zeltia Montes e o Mellor Guión levouno o realizador de Marín Ángel Santos por 'Así vendrá la noche'. O xurado dos veciños outorgou o seu premio ao western 'Sauerdogs', do director vigués Guillermo de Oliveira e 'La entrega' valeulle a Pedro Díaz o Premio do Público desta XIX edición do Festival de Cans.

Valoracións do xurado
O realizador do Salnés, Eloy Domínguez, que o ano pasado levantou o can de pedra por 'Os Corpos' na sección Furacáns, de curtas de non ficción, triunfou este 2022 na de Ficción con 'Rompente'. O xurado destacou a capacidade de enunciar unha realidade desde a limpeza da mirada desta obra, que viña de recibir o premio á mellor curtametraxe no Festival de Málaga. Rodada en diferentes localizacións da Costa da Morte, a película relata a historia dunha parella adolescente cun bebé, que loita por saír adiante. Protagonizada por dous mozos da zona non profesionais da interpretación, Sergio Valeirón igual que o seu personaxe na ficción tamén é bateeiro.

Diana Toucedo, galega residente en Barcelona e directora da premiada longametraxe 'Trinta Lumes', conseguiu o premio para a súa curtametraxe 'Tatuado nos ollos levamos o Pouso'. Esta curta, que retrata o traballo das mariscadoras de Cesantes, á beira da illa de San Simón, foi valorada "pola cadencia das imaxes e o ritmo que imprime o deseño sonoro, aportando unha visión singular e poética sobre o traballo das mariscadoras".

'As pétalas murmuran' foi a curta vencedora na sección Novas Camadas, de realizadores e realizadoras que fan a súa primeira obra e teñen menos de 25 anos. Arantxa Ramos, directora e produtora, encargada da fotografía e da montaxe, realizou este documental como un traballo de fin de grado da facultade de Comunicación da USC. O xurado salientou del a súa aproximación á memoria e o tratamento dos procesos migratorios.