Só hai que achegarse a calquera libraría para acceder doadamente a unha gran cantidade de volumes, que en xéneros como o ensaio biográfico, preséntannos abundante información sobre artistas e bandas recente ou mesmo en activo e moi novas, algúns incluso asinados por eles mesmos. Así podemos estes días encontrar libros en castelán sobre músicos da escena internacional e española como Justin Bieber, Julio Iglesias, Britney Spears, Loquillo, Los Secretos e un moi longo etcétera de nomes de músicos que podemos aínda ver sobre os escenarios. No caso da lingua galega, os títulos, ademais de escasos, están en moitos casos descatalogados e a biblioteca pública pode ser o sitio onde máis probabilidades teñamos de atopalos.
As primeiras letras, cativas e valiosas
Comezando polo último, o máis recente lanzamento editorial na edición galega o supón "Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século"(Ed. Galaxia, 2022), de Pablo Vázquez, ilustrado por Denis Carballás, un ensaio ilustrado que busca divulgar o panorama actual da cidade olívica. Do rock ao trap, pasando polo folk, reggae ou jazz, nas súas páxinas altérnanse textos, debuxos e material gráfico sobre case cincuenta artistas locais que representan a súa ampla e variada escena musical. O volume pioneiro, pola contra, sería "¿Rock e grelos?" (Edicións Lea) de Alberto Casal, publicado en 1995 e co que o autor, guionista televisivo e un dos pais do Xabarín Club, tentou deixar constancia do que estaba a bulir na escena galega naquel momento entre a movida, o bravú e outros movementos e circunstancias propios dese tempo. Nun artigo de abril de 2019 no suplemento cultural Vinte do dixital Praza, o xornalista Matías Tarrío recuperaba a memoria sobre este libro de Alberto Casal dicindo del :"Ten faltas de ortografía tan antolóxicas que levarían ao suicidio a calquera lingüista, a edición é cativeira, ten unha portada horrible e é unha historia incompleta. E aínda así é valiosísimo".

Xavier Valiño: "O FOLK SEMPRE TIVO UNHA PUXANZA ENORME EN GALICIA E ERA MÁIS FÁCIL PENSAR NUN LIBRO SOBRE O FOLK QUE NO DO ROCK"
Nos seguintes anos, as publicacións sobre autores musicais que foi imprimindo o sistema editorial galego centráronse sobre todo no folk e as súas figuras, con algunha excepción como "¡Viva o Fu Remol! (Eds. Xerais, 2003) de Pedro Feijoo Barreiro. Así, ao mesmo tempo que se publicaba o traballo de Valiño tamén saía do prelo "Milladoiro: moito máis que un grupo de música folk" (Ir Indo) escrito por Xoan Manuel Estévez, quen un ano despois tamén asinaría, xunto con Óscar Losada a obra "Crónica do folk galego: 25 anos de historia" (Tris-Tram). Non habería que agardar moito, concretamente ata 2003 para engadir á bibliografía galega o libro "Entre fisterras. Conversas con Carlos Núñez" (Eds. Xerais) asinado por Salvador Rodríguez. O feito de que nestes anos as poucas obras comezasen a cubrir a escena folk, tanto na parte documental e histórica coma sobre artistas en activo en con traxectorias en desenvolvemento resulta lóxico dada a forza que esa escena sempre tivo no país, malia a inexistencia dunha industria musical propiamente dita. "O folk sempre tivo unha puxanza enorme en Galicia e era máis fácil pensar nun libro sobre o folk que no do rock", asegura Valiño. Concorda con el Pepe Cunha, o divulgador musical, sinalando "o máis parecido que tivemos a unha escena, un 'boom' ou unha demanda foi o que ten que ver co tradicional. Aí sempre viamos que podíamos ir ben arriba, e poderíamos falar desde fai anos dunha escena tradi consolidada, no resto talvez coa canción de autor, pero co pop, rock e estas cousas aínda estamos a dicirlle á xente que existe", asegura. Efectivamente, como di Pepe, no campo da canción de autor as editoriais tamén presentaron estes anos algunhas obras, con compoñente autobiográfico como é o caso de Sonata de amigos" (Eds. Xerais, 2008) do membro de Voces Ceibes Benedicto García, o seguinte "De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do movemento popular da canción galega. 1973-1978" (Ed. Galaxia, 20149, de Antón Seoane, Miro Casabella e a Nova Canción Galega (Ed. Galaxia, 2008) de Xan Fraga, ou o máis recente "Pasaba por alí. E quedei un intre" (Ed. Galaxia, 2021) de Xoán Rubia. Cunha é autor tamén doutro dos libros que nos últimos tempos presentaron unha ollada normalizada sobre a presenza editorial da música nas bibliotecas: "Guadi galego. Pola beira da canción" (Edicións Embora, 2019).
Pepe Cunha: "COIDO QUE É PARTE DO QUE SE MOVERÍA NUNHA INDUSTRIA NORMAL DA MÚSICA, QUE HAXA CONCERTOS, DISCOS, MEDIOS FALANDO DESTAS COUSAS E QUE HAXA LIBROS SOBRE ARTISTAS"
Presentes nos escenarios e nas bibliotecas

O feito de publicar libros sobre artistas que están presentes dun xeito moi activo na escena musical, que poden verse nos escenarios, nos festivais e que seguen a sacar videos e traballos supón un valor engadido tamén para unha industria musical. "Facer unha biografía sobre Guadi é coma ir un paso adiante na normalización", di Cunha, "eu coido que é parte do que se movería nunha industria normal da música, que haxa concertos, discos, medios falando destas cousas e que haxa libros sobre artistas".
Para Xavier Valiño a información que un libro pode engadir á escoita ou coñecemento dun artista pode ser moi importante e moi interesante para os propios músicos, asegura, "escoitas ao mellor unha banda nunha plataforma ou chegas a un disco físico no que non tes moitos créditos nel e a información que podes conseguir en Internet non é moi ampla nalgunhas ocasións, así que a existencia dun libro pode servirche de moito". Ademais o coñecemento en profundidade dos artistas e as súas circunstancias, anécdotas e historias persoais pode resultar nun impulso de re-escoita diferente sobre a mesma música, confirma Valiño: "Algo que me gusta bastante cando alguén le un dos meus libros e me envía un comentario, é iso de "fíxome recuperar toda a discografía" ou "fíxome volver a escoitar aquel disco que non le prestara atención" ou "estou lendo o libro ao mesmo tempo que escoito as cancións". Isto é literatura para ser escoitada ou para a acompañar algo que naceu a partir dunha escoita dunhas cancións, ese libro non existiría senón tiveran existido antes as cancións, penso que aí está parte do interese deses libros", asegura ao mesmo tempo que sinala o gran valor que nese sentido teñen as obras documentais sobre o pasado previo ao panorama dixital e de uso maioritario da rede. Valiño lembra algúns libros que concordan con esta descrición como o que se lle dedicou á banda Heredeiros da Crus Heredeiros da Crus. Cuadrilla de Pepa a Loba (Eds. Xerais, 2018) de Antonio Díaz Ageitos.
Obras documentais de referencia

Ramón Pinheiro: "Nós non traballamos co folk, traballamos cunha linguaxe patrimonial á que estamos interesados que os creadores contemporáneos de calquera xénero teñan acceso para que as súas creacións teñan un valor engadido"
Tamén hai axentes editoriais que levan anos a facer un traballo enorme, centrado sobre todo na documentación sobre a música tradicional popular de valor patrimonial que se xera grazas a intérpretes e creadores espallados polas vilas e lugares da nosa terra e cuxa memoria e achegas precisan un traballo especilizado que vai desde a recollida á divulgación. Ese foi o traballo que estivo a facer editorialmente aCentral Folque. Na recente entrega de Premios do Libro Galego Follas Novas a súa colección Chave Mestra levou o galardón a Mellor Iniciativa Bibliográfica. Nesta colección, coa que durante os pasados dez anos editáronse vinte libros, aCentral Folque centrouse en personaxes históricos do patrimonio musical e oral galego. Artistas que destacaron e ofreceron a súa personalidade, bo facer, e que axudaron a transmitir un coñecemento esencial do presente cultural galego. Gaiteiros, zanfonistas, violinistas, narradores, acordeonistas, pandereteiras, folcloristas foráneos, músicas na emigración, regueifa, etc.
Patrimonio para o futuro
"Nós eramos músicos que queríamos ler un determinado tipo de libros que non se estaban producindo e dixemos: hai que dar un paso adiante a imos facelos nós", dixo Ramón Pinheiro, director de aCentral Folque, ao recoller o galardón. "Ao primeiro o faciamos apoiándonos en editoriais foráneas pero había certa insatisfacción interna porque viamos que iso non se facía como nós queríamos ou non se acompañaba e comezamos a facelo nós", cóntannos Pinheiro sobre a súa chegada á actividade editorial. Ramón entende a complexidade que pode ter para unha editorial non especializada abordar estar publicacións que supoñen, incluso para eles un tempo de desenvolvemento enorme: "Calquera destes libros a nós nos leva tres, catro ou cinco anos concluílo", asegura, "non tes unha nómina de escritores cualificados, eu quero un fotógrafo ou un ilustrador ou un prologuista e levanto o teléfono, pero quero un escritor e teño que tardar meses de conversas e de atopar os perfís axeitados, segue a ser complicado pero fai dez anos nin te conto…", sinala.
Para Pinheiro o seu labor nestes anos é de "selectores" ante un inxente material resultado de recollidas de campo desde aos anos 80 e 90 que inclúe milleiros de gravacións e nomes. "Hai decenas ou centos de miles de temas gravados e para poder facer unha selección e achegala ao público máis aberto en non só especializado hai que facer un traballo de editor", asegura. Ramón confirma que este é un produto que ten saída: "Se non existise unha demanda non seguiriamos aquí tantos anos despois", asegura e o exemplifica cos seus propios volumes: "nós non temos moita capacidade para facer grandes comunicacións pero os libros non paran de ser demandados e co paso dos anos vanse esgotando en edicións de 1000 ou 1100", asegura nunha afirmación que concorda co feito de que case todos os libros que se mencionan nesta reportaxe, agás os máis recentes, están esgotados e descatalogados.R. Pinheiro: "VEXO UN DÉFICIT CLARO DE ATENCIÓN PARA O QUE SUPÓN A MÚSICA DENTRO DAS INDUSTRIAS CULTURAIS E CA CREACIÓN CONTEMPORÁNEA GALEGA"

de Kike Estévez e Pablo Bernárdez na colección Chave Mestra de aCentral Folque
Hai sitio para máis
Para coñecer a bibliografía futura sobre a música galega, a que está aínda por saír das mans de creadores e dos prelos das editoriais, poderiamos botar unha ollada ao que está a soar agora mesmo en salas, concertos e festivais da nosa terra. Nomes premiados, recoñecidos e con publico atento a determinados nomes poderían ser os protagonistas dos vindeiros volumes da nosa biblioteca da música en lingua galega. Pepe Cunha sinala algúns nomes dos que cre que deberían facerse xa libros: "artistas como Xabier Díaz, Uxía ou Narf, que merecen unha biografía" . Cunha entende que, independentemente da demanda comercial que poidan ter esas obras "ao editar o libro consegues unha repercusión mediatica, que aínda que sexa momentánea serve para reivindicar cousas, e talvez sería máis un tema de reivindicación que de mercado".
Pola súa banda. Xavier Valiño tamén imaxina unha listaxe de artistas da nosa música, de diversos xéneros que cre que deberan ser tratados dun xeito máis profundo para contextualizalo e darlles o valor que realmente teñen: "Non me estrañaría que houbera un libro de Triángulo de Amor Bizarro antes ou despois" reflexiona, "porque creo que quizais é a banda de maior proxección saíndo de Galicia que houbo en España nos últimos anos" sinala lembrando que outros artistas como Xoel, Iván Piñeiro, Los Suaves ou Siniestro Total xa teñen libros sobre eles en castelán. Valiño tamén ve necesario un volume que aborde a figura de Mercedes Peón, "como precursora dun folk distinto ao que se fixo con anterioridade. Un camiño que outros intentan seguir despois ou que ven que é posible facer un folk máis aberto a outras inquedanzas, algo distinto". No relativo ao rock "que é o meu negociado", comenta Valiño, "a banda que máis o está pedindo a berros son Os resentidos, pola súa importancia no rock en galego. Pola vía que abriron para que outros artistas que querían facer música en galego con guitarras eléctricas se animaran a facelo".
Evidentemente, á hora de tratar o xeito no que música en galego está a conquistar espazos para a lingua dentro e fóra das nosas fronteiras non se pode deixar de mencionar ao fenómeno do momento. "Os primeiros destinatarios dos libros son os seguidores dos artistas", afirma Valiño e nese sentido todo o mundo parece da acordo no feito de que agora mesmo quen conta cun importante número de seguidores, incluso máis alá de Galicia, son as Tanxugueiras. Sacar algún tipo de material editorial sobre elas podería ser oportunista segundo algúns pero tamén oportuno para satisfacer unha demanda. Talvez a curta vida da formación poida semellar un obstáculo pero tampouco tería porque selo e noutros sistemas musicais-editoriais estas obras están ao día. "É un fenómeno mediatico total o delas", admite Pepe Cunha ao tempo que sinala que para el sería claramente oportunista e non se ve facendo ese libro :"a min gústame algo cun pouco de análise, de contextualización", di pero recoñece que "daría para moito en plan imaxe e claramente vendería, incluso habería versión en castelán".Pepe Cunha: "ARTISTAS COMO XABIER DÍAZ, UXÍA OU NARF MERECEN UNHA BIOGRAFÍA"
Para Valiño se alguén lle pedira facer un libro sobre as Tanxugueiras ou se alguén lle pedira consello, el sería máis partidario de agardar "a que tivesen unha traxectoria de máis percorrido para ter máis campo de acción, non porque non o poidan merecer neste momento". Para Xavier non existe a polémica entre "oportuno ou oportunista" xa que se hai libros de outros artistas que noutras latitudes venden discos e reclaman a atención do público con libros cando o artista ten un ou dous discos "por que non se vai facer delas? Hai un público que as segue e por que non van ter un libro?, aínda que poida ser incluso de fotografías, contando a historia dalgún momento concreto da súa experiencia, non ten porque ser de toda unha traxectoria", remata o escritor.
Polo de agora seguimos conformando a nosa pequena biblioteca de libros sobre música en galego con estas mostras enfocadas en artistas, movementos, patrimonio, documentalismo histórico e agardando a que siga crecendo e ocupe nos andeis o espazo e lugar que a música galega merece nas nosas letras.
UNHA PEQUENA SELECCIÓN PARA UNHA BIBLIOTECA SOBRE MÚSICOS















