'Eles transportan a morte' chega hoxe aos cines comerciais

A película poderá verse en 10 localidades galegas e 8 do resto de España

A longametraxe 'Eles transportan a morte', dirixida como 'ópera prima' polo tándem formado pola cineasta santiaguesa Helena Girón (1988) e o tinerfeño Samuel M. Delgado (1987), chega hoxe ás salas comerciais de cine en toda España. O filme poderá ser visto agora en máis de vinte cines para os vindeiros días tras do seu paso por diferentes festivais desde o pasado ano. A película pasou pola Viennale de Austria ; pola 36ª Semana da Crítica de Venecia, onde foi premiada a nivel técnico polo seu son; polo Festival de Cine de San Sebastián, onde acadou unha mención especial; polo festival Cinespaña de Toulouse, que lle deu o premio á mellor realización e mellor son e música; o OUFF, no que recibiu o Premio Xacobeo; e polo festival Novos Cinemas de Pontevedra, onde venceu na sección oficial.

En Galicia a longametraxe poderá verse en 10 localidades. Ademais a película estará en Madrid, Barcelona, Bilbao, Soria, Valladolid, San Feliu de Llobregat e Tenerife. 'Eles transportan a morte' esta producida, entre outras, por Fílmika Galaika, co traballo executivo de Beli Martínez. O filme gravouse en 2019 entre Ourense e Tenerife e rodouse en galego no orixinal. Xoán Reixes, Valentín Estévez, David Pantaleón, Sara Ferro, Nuria Lestegás, Josefa Rita e Míguez Cal son os intérpretes desta historia ambientada en 1492, na viaxe de Cristobal Colón que abriu a ruta entre América e Europa e a posterior colonización do continente. 'Eles transportan a morte' narra como entre a tripulación de Colón viaxan tres homes condenados a morte que trocaron as súas condenas polos riscos da viaxe, pero ao chegar ás Illas Canarias, fuxen cargados cunha das veas da embarcación. Mentres, no “Vello Mundo”, unha muller tenta salvar á súa irmá moribunda, coa esperanza de que unha curandeira poida axudala. Ambas viaxes tratan de burlar á morte.