Premio en Venecia para 'Eles transportan a morte'

A Semana da Critica premia o filme pola súa contribución técnica

Momento de recollida do premio -  Settimana Internazionale della Critica
Momento de recollida do premio - Settimana Internazionale della Critica
A estrea internacional do filme 'Eles transportan a norte" o pasado 7 de setembro na 36ª Semana da Crítica de Venecia, un certame paralelo á 78ª edición do Festival de Cine de Venecia, veu seguida dun notable recoñecemento. A película dirixida a dúo pola cineasta santiaguesa Helena Girón (1988) e o tinerfeño Samuel M. Delgado (1987) ven de recibir nese certame o premio Mario Serandrei - Hotel Saturnia á mellor contribución técnica desta edición. A película, rodada en galego, está producida por Filmika Galaika (Beli Martínez ao cargo da produción), xunto con El Viaje Films, La Banda Negra e a colombiana Blond Indian Films. A estrea en territorio español da ópera prima da cineasta galega Helena Girón e Samuel Delgado, Eles transportan a morte, terá lugar no marco da 69ª edición do Festival Internacional de San Sebastián, entre o 17 e 25 de setembro.



Xoán Reixes, Valentín Estévez, David Pantaleón, Sara Ferro, Nuria Lestegás, Josefa Rita e Míguez Cal son os intérpretes desta historia ambientada en 1492, na viaxe de Cristobal Colón que abriu a ruta entre América e Europa e a posterior colonización do continente. Eles transportan a morte (They carry death, no seu título en inglés) narra como entre a tripulación de Colón viaxan tres homes condenados a morte que canxearon as súas condenas polos riscos da viaxe, pero ao chegar ás Illas Canarias, fuxen cargados cunha das veas da embarcación. Mentres, no “Vello Mundo”, unha muller tenta salvar á súa irmá moribunda, coa esperanza de que unha curandeira poida axudala. Ambas viaxes tratan de burlar á morte. O filme gravouse en 2019 entre Ourense e Tenerife.