'Eles transportan a morte' seleccionada para a Semana da Crítica de Venecia

A ópera prima de Helena Girón e Samuel Delgado competirá neste certame paralelo ao festival de cine

A ópera prima de Helena Girón e Samuel Delgado competirá neste certame paralelo ao festival de cine
A longametraxe Eles transportan a morte, dirixida polo tándem formado pola cineasta santiaguesa Helena Girón (1988) e o tinerfeño Samuel M. Delgado (1987), ven de ser seleccionada para competir na 36ª Semana da Crítica de Venecia, un certame paralelo á 78ª edición do Festival de Cine de Venecia. A película está producida por Filmika Galaika (Beli Martínez ao cargo da produción), xunto con El Viaje Films, La Banda Negra e a colombiana Blond Indian Films. O filme competirá entre o 1 e o 11 de setembro con outras seis producións dentro da Semana da Crítica, un apartado independente do festival italiano, organizado pola Unió de Crítics de Cinema Italià (SNCCI). Todas as películas deste concurso son estreas mundiais e óperas primas (no formato longametraxe) dos seus directores.

Xoán Reixes, Valentín Estévez, David Pantaleón, Sara Ferro, Nuria Lestegás, Josefa Rita e Míguez Cal son os intérpretes desta historia ambientada en 1492, na viaxe de Cristobal Colón que abriu a ruta entre América e Europa e a posterior colonización do continente. Eles transportan a morte (They carry death, no seu título en inglés) narra como entre a tripulación de Colón viaxan tres homes condenados a morte que canxearon as súas condenas polos riscos da viaxe, pero ao chegar ás Illas Canarias, fuxen cargados cunha das veas da embarcación. Mentres, no “Vello Mundo”, unha muller tenta salvar á súa irmá moribunda, coa esperanza de que unha curandeira poida axudala. Ambas viaxes tratan de burlar á morte. O filme gravouse en 2019 entre Ourense e Tenerife e rodouse en galego no orixinal.

Helena Girón e Samuel Dlegado teñen unha sólida traxectoria como curtametraxistas formando equipo. Recentemente dentro do programa da XIIª Mostra de Cinema Periférico (S8) da Coruña, este mesmo ano, dedicóuselles unha ollada particular á súa obra no apartado Sinais cun percorrido guiado pola produtora Beli Martínez. Ademais, os dous creadores desenvolveron unha film performance na cidade. A súa curtametraxe Irmandade, formou parte do catálogo Shorts form Galicia que se presentou no Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand en 2020.