FalaRedes lembrará a Florencio Delgado na súa nova edición

O Correlingua celebrará festas en vinte centros de ensino do país

O Correlingua celebrará festas en vinte centros de ensino do país
Imaxe do Correlingua 2022
Esta semana déronse a coñecer as novas edicións de dous programas de dinamización lingüística orientados á infancia. A Secretaría Xeral de Normalización Lingüística presentou este 26 de abril a undécima xeira de FalaRedes, que se desenvolve nos concellos e entidades adscritos na Rede de Dinamización Lingüística. A proposta, que contempla corenta actuacións por todo o país, homenaxea este ano a Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado no Día das Letras. Deste xeito, inclúe na súa axenda a peza teatral da compañía Fantoches Baj, Tras os vieiros de Florencio, que mestura teatro actoral e de obxectos.

Canda a este, o programa conta con outros sete espectáculos, que inclúen as proposta musicais Levantarse e caer. Arrolos e abrentes de Xabier Díaz e mais A miña lingua, a túa lingua, de O Viravai. A ópera entra no FalaRedes con O reflexo, composta por Javier Ozores sobre textos de Emilia Pardo Bazán. No campo escénico, a compañía Os Náufragos levará aos escenarios a súa obra Karelu, mentres Fran Rei achega ao programa (Algunhas) Cousas de Castelao.

O músico Emilio Rúa e o escritor Xosé Carlos Caneiro completan o programa cunha dupla proposta que inclúe a velada literario musical Tocata & fuga para Carlos Casares e mais Contos, cantos e pedraviva, que se levará a cabo en espazos patrimoniais significativos. A partir do verán o ciclo integrará iniciativas escolleitas na convocatoria TeCeRedes.

Correlingua
Pola súa banda, a nova edición do Correlingua daba a coñecer este 25 de abril o seu programa. En total, a proposta para reivindicar o galego desenvolverá máis de vinte festas en centros de ensino do país entre maio e o vindeiro outono. Concertos, obradoiros, regueifas e outras actividades arredor da lingua fan parte do programa, que non recupera aínda as habituais carreiras por mor da situación sanitaria.

Co lema Fálame!, o programa rematará o vindeiro 26 de outubro cunha festa do Auditorio Gustavo Freire de Lugo. Cada unha das actividades contará coas actuacións do Mekánik Rolling Band, gañador do concurso Cantalingua e mais Paco Nogueiras e Pauliña, finalistas desta convocatoria.

As actividades comezarán o vindeiro 11 de maio na Alameda de Compostela e continuarán por Carballo, Narón, Pontevedra, A Estrada, Vigo, Tomiño e Cangas. Para despois do verán a segunda fase do proxecto continuará a xira polas provincias de Ourense e Lugo.