A Consellería de Cultura anuncia novos programas de apoio á industria

Promoción de actividades no rural, creación de videoxogos ou unhas ampliadas axudas ao talento musical fan parte das propostas

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, aproveitou o encontro que mantivo este sábado 23 de abril con representantes da industria musical para anunciar a vindeira convocatoria de liñas de axudas para diferentes ámbitos do sector cultural. A sumar un investimento total de 4,8 millóns de euros, as convocatorias anunciadas para as vindeiras semanas inclúen varias das subvencións anuais xa existentes ao tempo que engaden novidades.

Entre as incorporacións máis rechamantes está o anuncio do programa Territorio Cultura, que ten como obxecto "ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas rurais". Á inminente primeira convocatoria, que contará cunha dotación de 630.000 euros, sumarase unha segunda prevista para finais de ano.

Resulta tamén novidade a primeira convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de videoxogos, que se realizará ao abeiro do Hub Audiovisual cunha dotación de 500.000 euros. Tamén dentro do Hub, Rodríguez lembrou a xa prevista convocatoria da segunda quenda do fondo de atracción de rodaxes, dotado con 2 millóns de euros ao igual que a primeira.

Na xuntanza, o conselleiro destacou o importante incremento que vai sufrir a convocatoria de desenvolvemento e promoción do talento musical galego, que sumará un orzamento de 1,2 millóns de euros. A cifra destaca fronte as subvencións ao fomento e promoción do talento musical, que na súa última edición, en 2020, só distribuían 120.000 euros entre o sector. Tamén lembrou a vindeira convocatoria das axudas á distribución para industrias culturais, que contarán como en 2021 con 460.000 euros.