O IXº Carballo Interplay despídese cun palmarés moi repartido

'Amnesia 3.0', de Irene Pin levou o premio a mellor serie en galego

A novena edición do Carballo InterPlay, Festival de Contidos Dixitais, celebrouse con éxito segundo o previsto e deixou tras de si un amplo palmarés de premios, recoñecendo os diferentes formatos e habilidades na creación de produtos audiovisuais pensados para o mundo dixital. En total sete premios e catro mencións especiais, moi repartidos entre traballos chegados de varios países. No referente aos traballos en lingua galega, o premio á mellor serie en versión orixinal en galego foi para 'Amnesia 3.0', de Irene Pin, recibindo ademais unha mención especial nesa categoría a produción protagonizada polo malogrado Pedro Brandaríz, 'Mataría MicroSerie', de Javier Seoane. Ademais tamén se recoñeceu con Premio ao Mellor Proxecto a Serie Web en galego ao presentado para facer 'Mentres non chova', de Carla Álvarez, Xiana Rei Martiz e Luiza Velizarova.

O xurado deste IX Carballo Interplay recoñeceu co Premio a Mellor Serie, dotado con 800 euros e trofeo, a 'Querida Conchi', de Rafael Esteban Trujillo, mentres que o galardón para o trballa do dirección foi para Leah Cameron, por 'The Communist's daughter'. Nese apartado houbo tamén unha mención especila do xurado para Martijn Winkler, polo seu traballo 'Hitte'. No recoñecemento á labor de guión o Premio a Mellor Guión foi para 'Lordson & Jesus', de Luciano Lagares, cunha mención especial tamén ao guión de '1 de esos días', de Andy Gorostiaga. O Xurado Novo, pola súa banda elixiu outras produción diferentes, dando o seu premio para 'Dhanasri, Julies e as pantasmas', de Pablo Pinasco, cunha mención especial para 'MITCH MATCH', de Géza M. Tóth. O público, nas súas votacións decantouse pola produción 'Resistance' de Maxime Chefdeville.