O VIII Carballo Interplay recoñece La reina del pueblo e Mataría no seu palmarés

O FIC Vía XIV de Verín entregou tamén os seus galardóns este 11 de setembro

O FIC Vía XIV de Verín entregou tamén os seus galardóns este 11 de setembro
Reponsables de Mataría cos seus galardóns no CIP 2021. Fotografía de Leo López. Fonte: CIP
O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay (CIP) fechaba este sábado 11 a súa oitava edición co acto de entrega de premios. No palmarés, a produción La reina del pueblo apareceu como clara vencedora, ao se facer cos galardóns á mellor serie estatal e mais ao mellor guión para Raúl Navarro. Mataría, pola súa banda, obtivo o recoñecemento á mellor serie con versión orixinal en galego e conseguiu ademais o premio do público. Mortal Glitch foi a produción escolleita polo xurado como mellor webserie internacional, mentres a mellor dirección foi a de Beatriz Abad por Riders.

A estes premios sumouse aínda o do xurado novo, que considerou a chilena Psicóticas Inseguras como a mellor proposta. O premio ao mellor proxecto de serie en galego foi para Pringadas de Belén Puime. Segundo destacou o xurado, a iniciativa supón unha aposta polos "contidos en galego enfocados á xeración Z, por afondar e conectar coa súa realidade" desde unha perspectiva "que foxe dos estereotipos". A webserie estrearase na vindeira edición do festival.

Os streamings que se realizaron durante a edición están dispoñibles íntegros na rede.


Pola súa banda, desde Verín, o Festival Internacional de Curtas Vía XIV, fechaba tamén o 11 de setembro a súa sexta xeira coa gala de entrega de premios. A produción francesa A propósito de Lanzarote en general, de Vincent Trincon, impúxose na categoría Outra Mirada. Aniksha, de co canadiano Vincent Toi foi a gañadora en Horizontes, centrada nas migración, mentres Reality do lucense David Fidalgo venceu entre as producións galegas e portuguesas a concurso no apartado A Raia.

O recoñecemento na categoría Nova, centrada nas producións de autor foi para Forastera da española Lucía Aleñar mentres o Premio Especial do Público recoñeceu o traballo estadounidense The Letter Room de Elvira Lind. O Premio Numax á distribución repartiuse entre a cinta mexicana Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje, de Gabriel Arrera, e Elo, de Alexandra Ramires. Ademais da entrega de premios, a gala incluíu a anunciada homenaxe ao actor Serxio Pazos e dúas máis, por sorpresa, que a organización realizou á colaboradora do festival Nora Sola e mais para a concelleira de Cultura, Emilia Somoza.