A Agadic incrementa en 10.000 euros as axudas a festivais escénicos e musicais

A convocatoria destina 200.000 para os primeiros e 350.000 para os segundos

Un total de 550.000 euros, 10.000 máis do que a anterior edición, é a contía das axudas para festivais de música e de artes escénicas que convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais. A convocatoria, que publica hoxe o DOG, prevé investir 350.000 euros en apoio aos eventos musicais e outros 200.000 para os escénicos. As subvencións están abertas tanto a entidades locais como a persoas físicas e xurídicas de carácter privado.

Entre as novidades dos requisitos deste ano para os festivais escénicos está a esixencia de que un 60% das actuacións sexan de pago, fronte ao 30% da anterior convocatoria. Tamén se incrementa a porcentaxe do orzamento que deberá estar dedicada á contratación artística (do 30 ao 40%). Pola contra, redúcese do 60 a só o 30% o orzamento que haberá que dedicar á contratación de compañías galegas e desaparece a esixencia dun mínimo de actuacións realizadas por grupos do país. Pola contra, no caso dos encontros musicais a única novidade é o incremento da porcentaxe mínima de concertos con entradas de pago 60 ao 80%.

Cada unha das solicitudes poderá optar a unha axuda máxima de 50.000 euros que cubrirá ata un 30% do orzamento no caso dos festivais de musica e ata un 60% nos de artes escénicas. Aquelas solicitudes conxuntas de entidades locais ou resultantes de fusión, a porcentaxe poderá acadar ata un máximo do 85% do orzamento subvencionable. O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 24 de abril.