Hoxe pola mañá presentouse no IES Perdouro de Burela (Lugo) o proxecto documental Aquí medra a lingua, un conxunto de audiovisuais concibidos pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e realizados por Cristina de la Torre que exploran como seis centros educativos do país desenvolven programas de apoio e dinamización á lingua galega. Con este proxecto, o Consello da Cultura Galega quere amosar diferentes estratexias de promoción da lingua do país en espazos xeográficos moi distintos, desde ao norte ao sur do país, con diferentes modelos e contextos sociolingüísticos e demográficos. Os documentais, sempre inferiores aos 10 minutos de duración, veñen acompañados con fichas que resumen as accións levadas a cabo e o seu impacto, pensadas para poder ser postas en práctica por outros centros. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega presentou esta mañá en Burela o primeiro dos seis documentais, que aborda un dos programas máis veteranos e de máis impacto da dinamización lingüística: o "modelo Burela". O resto dos documentais serán emitidos os vindeiros luns no web do Consello da Cultura Galega e no Youtube.