A Mesa lanza o xogo Pensatermos para fomentar o uso do galego

Trátase dunha adaptación dun xogo xa existente en catalán

A Mesa pola Normalización Lingüísticas lanzou esta mañá o Pensatermos, un xogo lixeiro e gratuíto para entreter e fomentar o uso da nosa lingua que pode ser usado doadamente en dispositivos móbeis ou de sobremesa. O xogo catalán Pauralògic, unha idea de Jordi Palau desenvolta por Pere Orga para RodaMots, é a base e motor desta versión galega, que chega ao noso idioma despois de que varios socios e socias da Mesa que viven en Cataluña fixeran chegar a petición á asociación de adaptar ao galego o xogo. Isto foi posíbel grazas á boa vontade dos seus creadores, que cederon o xogo para que se puidese traducir e adaptar á lingua galega. A base de datos coa que se forman as palabras foi unha contribución da Real Academia Galega e do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo, que facilitaron toda a terminoloxía que recollen os seus dicionarios.

Pensatermos é un xogo gratuíto para entreterse a calquera hora do día e que consiste en formar palabras a través de sete letras, sendo unha delas de uso obrigatorio. As palabras deben ter como mínimo tres letras e non ser formas verbais conxugadas, nin termos en plural. A puntuación do xogo determínase polo número de letras utilizadas: 1 punto por palabras de tres letras, 2 puntos por palabras de 4 letras e a partir das cinco letras, tantos puntos como teña a palabra. Se se utilizan todas as letras, faise un pleno e obtéñense 18 puntos.
Ligazóns