Procuran cambiar a Colón por María Casares na Coruña

Numerosos colectivos e asociacións culturais apoian a proposta para render homenaxe á actriz coruñesa

A plataforma coruñesa de traballadores do sector cultural Unímonos Ou Afundímonos está a promover un cambio de denominación dun dos recintos culturais máis importantes da cidade e de Galicia. Cambiar o nome do Teatro Colón polo de Teatro María Casares e o seu obxectivo para este espazo que leva en funcionamento con ese nome desde 1948 e que pertence á Deputación provincial da Coruña pero que xestiona de en convenio co Concello da Cidade. "Este ano conmemorase o centenario no nacemento da gran María Casares" lembran desde a plataforma, "cremos que é o momento de que o maior teatro da cidade, o actualmente chamado Teatro Colon, teña o seu nome", conclúen. Na súa argumentación sinalan a unha tradición de simpatía da cidade cara ao seu tecido artístico que debería desembocar nesta decisión. "Porque A Coruña quere aos seus e ás súas artistas, sempre as quixo. Porque é de xustiza. María Casares ten que ter un teatro, un gran teatro co seu nome na súa cidade", aseguran.

Á hora de lembrar os méritos da actriz para esta homenaxe desde a plataforma entenden que son sobrados: "Poderíamos estar falando horas sobre os méritos desta gran actriz, unha das máis importantes actrices europeas do século XX, sobre a súa vida de compromiso coa Cultura, coa Igualdade, coa Liberdade, mesmo colaborou coa Resistencia Francesa contra os nazis". Ademais entenden que a artista nunca perdeu o vencello que a unía ao seu lugar de orixe malia ter que marchar ao exilio moi nova: "sempre a levou no seu corazón. Sempre falou dela. Mesmo nas súas imprescindibles memorias". O cerne da proposta podería atoparse nun artigo publicado en El progreso de Lugo polo escritor e político Miguel Anxo Fernán Vello en novembro de 2021 apuntado nese sentido como suxestión ante a inminencia do centenario da artista. Nel o escritor dicía :"¡Que mellor homenaxe lle podería facer a cidade coruñesa a aquela que naceu á beira do seu mar hai agora 99 anos, a piques de se cumprir o centenario do seu natalicio! A Deputación Provincial da Coruña, titular do Teatro, ten a palabra. O nome da cidade da Coruña, con dous teatros a levaren nome de muller (Rosalía de Castro e María Casares), brillaría aínda máis, sen dúbida, entre nós e no mundo".

Con esta fin a plataforma ven de acadar o apoio de numerosas persoas e colectivos da esfera cultural da cidade herculina e de Galicia. Así aparecen como entidades de apoio algunhas das máis destacadas que teñen que ver co cine e o teatro como a Academia Galega do Audiovisual, a Asociacion de Actores e Actrices de Galicia, Crea Galicia, a Asociación Sindical Galega de Guionistas e a Asociación Galega de Produtoras Independentes; pero tamén outras moitas como a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega Músicas ao Vivo, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Inclúense neste obxectivo importantes pezas do tecido asociativo cultural e histórico da cidade, como a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a sociación Cultural O Facho, o Ateneo Republicano ou a Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña entre outros moitos colectivos, asociacións e fundacións.