A Casa Vella convoca a súa primeira residencia escénica en Allariz

O novo programa convida artistas de Portugal e Iberoamérica

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
A Casa Vella convoca a súa primeira residencia escénica en Allariz

Unha nova proposta de residencias escénicas chega a Galicia da man co espazo A Casa Vella, de Amiadoso, Allariz. Esta entidade convoca a compañías e artistas que desenvolvan proxectos arredor do movemento e do corpo con localización en Portugal ou nos países que participan do programa Iberescena (Arxentina, Bolivia, Brasil, Colombia, Costa Rica, Chile, Cuba, Ecuador, O Salvador, México, Panamá, Paraguai, Perú e Uruguai), que colabora na proposta.

As residencias, para un máximo de tres persoas, desenvolveranse ao longo de quince días tanto nas instalacións da Casa Vella como en centros educativos e locais do Concello e da reserva da Biosfera de Allariz. A organización cubrirá desprazamentos, aloxamento e manutención dos grupos participantes, e porá a disposición dos proxectos o rexistro documental, fotográfico e videográfico dos seus proxectos.

Para seleccionar os proxectos, que se poden enviar ata o vindeiro 15 de marzo, valoraranse en particular "aqueles que experimenten con fórmulas de arte comunitaria e interxeracional, abrindo portas a novas formas de habitar e convivir".

A Casa Vella é unha iniciativa de Nuria Sotelo e Rubén Vilanova que se presentou en 2018 e desde entón desenvolve actividades formativas, residencias e actuacións escénicas. O local acolle tamén a compañía residente A Furia Sotelo, con Nuria Sotelo e Cris Vilariño como núcleo. Desde a iniciativa desenvolven tamén de xeito continúo a liña de traballo formativa O tempo do corpo, con clases de artes do movemento para a veciñanza da localidade.

Que che parece esta nova?
98 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Allariz, Portugal, Uruguai, Chile...