O Día de Rosalía arraiga a súa presenza na axenda

A data celébrase por ver primeira no 23 de febreiro, logo da mudanza no ano oficial de nacemento da poeta

A data celébrase por ver primeira no 23 de febreiro, logo da mudanza no ano oficial de nacemento da poeta
A conmemoración do aniversario de Rosalía de Castro está a coller, logo da pausa motivada pola pandemia de Covid-19, un novo pulo no noso país. Capitaneada pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega e mais pola Fundación Rosalía de Castro, a celebración, que este ano se trasladou ao 23 de febreiro, concita multitude de actividades de propostas culturais ao longo de todo o mes cando cumpre dez anos da súa posta en marcha.

Unha década despois da súa primeira edición, o Día de Rosalía celébrase neste 2022 firmemente asentado na axenda cultural do país. E iso malia sufrir, a partir desta xeira, un cambio na data. E é que este é o primeiro ano no que a xornada se celebra un 23 de febreiro. O recente achado de documentación que fixa nesta data o nacemento efectivo da poeta, adiantou unha xornada esta efeméride. Precisamente o Consello da Xunta do 17 de febreiro aprobaba oficialmente a modificación, que se decidira xusto un mes antes nun encontro da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, a AS-PG, Nova Escola Galega, a Asociación de Gaiteiros, a Xunta de Galicia, os concellos de Padrón e Compostela e mais a Deputación da Coruña.

O paquete básico
Desde a primeira edición da celebración hai dez anos, coa a AELG a chamar á poboación a agasallar un libro e unha flor por esta data, a proposta medrou ata abranguer importantes programas da man de concellos, institucións públicas e privadas e, en particular, no ámbito educativo. As alboradas por Rosalía como a promovida pola Fundación e a Asociación de Gaiteiros Galegos levan anos incorporadas á conmemoración, canda a recitais de poemas, ofrendas florais e, desde 2018, o Caldo de Gloria, que reúne gastronomía e literatura na data. Estes eventos conforman xa un paquete básico que se pode atopar nas celebracións de todo o país.

Homenaxe central e pensamentos
O acto central de homenaxe desenvolverase da man da AELG no Panteón de Galegos Ilustres, desta volta programado para o sábado 19 de febreiro, coa lectura dun manifesto que nesta ocasión elaborou de Beatriz Maceda Abeleira. Desta volta, o texto recolle mencións a diferentes poetas do país e chama a continuar o exemplo da autora e o legado das "mestras da República, as cigarreiras, as misteiras, as costureiras e todas as que, coma ti, loitaron contra as inxustizas e polos dereitos". No ámbito escolar, a AELG chama a conmemorar coa plantación de pensamentos, flor favorita da autora, baixo o cancelo #SementadePensamentos. De xeito paralelo anímase a encher os centros de pétalos con versos inscritos da autora.

Figueiras, flores e caldo
Da man da Fundación Rosalía, no propio día 23 realizarase unha ofrenda floral nas proximidades da casa onde naceu a autora, na compostelá Praza de Vigo, e a plantación de dúas figueiras, en homenaxe ao verso "figueiriñas que plantei", en Teo e Dodro. Da man desta mesma entidade, o Caldo de Gloria conseguiu a adhesión confirmada de 130 locais hosteleiros -que serán máis nos vindeiros días- e máis de 60 comedores escolares, que incluirán este prazo nos seus menús. Canda a eles, empresas e concellos de todo o país incorporaron a proposta ás súas actividades.

Cosplay de Rosalía
A innovación está presente de xeito continuo na data, e cada volta incorpóranse novas disciplinas ás celebracións. Entre as propostas máis orixinais, destaca a dos concellos de Ferrolterra, (Cabanas, Ares, Mugardos, Neda e Valdoviño) que chaman á cidadanía a se caracterizar como a poeta baixo o lema "Somos Rosalías. Coa forza da lingua!" e a enviar fotografías a recitar poemas da autora.

Murais e imaxe
A Deputación de Lugo, pola súa banda achega o muralismo á poeta coa encarga de nove intervencións deste tipo arredor da autora a cargo de Rubén Paz, Ana Santiso e Pablo Lage Van Kraft. Tamén en Carballo Mon Lendoiro elaborará un mural coa efixie de Rosalía, unha imaxe que se distribuirá en diferentes soportes e pasará a ser empregada oficialmente polo concello. Na Deputación de Pontevedra convocan o certame A Nosa Rosalía a chamar o alumnado da provincia a gravar vídeos con poemas musicados da autora.

Longa duración e incorporacións
No caso do Concello de Brión, o seu compromiso coa data levouno a declarar todo febreiro como Mes de Rosalía. A declaración vai acompañada dun intenso programa de actividades. En Vilalba, pola súa banda, as Xornadas Rosalianas enchen a axenda desde o día 11 ata o 25. Nas incorporacións á conmemoracion deste ano destaca o Concello de Santiago. Logo de verias xeiras a acoller o Festival Rosalía da Deputación da Coruña, polo momento sen data, o concello anuncou un programa propio que inclúe un roteiro rosaliano, unha actuación musical, alboradas e agasallos de flores, entre outras propostas. No Carballiño a empresa de deseño Ozocogz corre coa súa propia celebración cunha alborada, lectura de poemas e música ao vivo.

Produtos para a data
O asentamento desta efeméride na axenda cultural do país está a facilitar tamén o desenvolvemento de novos produtos culturais vencellados á poeta. A obra de teatro Libre coma os paxaros de Talía Teatro, os títeres de A viaxe de Rosalía de Larraitz Urruzola, os contacontos de Pedro Brandariz (O poder de Rosalía ou Trémola Teatro (A miña historia) ou concertos temáticos coma os que desenvolve Xoán Eiriz (Amada Rosalía), teñen nestas datas o seu punto álxido de contratacións. Tamén o grupo belga de pandeireteiras Ialma desenvolve nestas datas unha xira polo país a interpretar diferentes poemas da autora ao son da música tradicional.

Estes proxectos súmanse ás múltiples propostas de mercadotecnia arredor de Rosalía. Ilustracións, gravados, camisetas e todo tipo de contidos coa efixie da autora ou inspirados por ela estarán presentes nas diferentes homenaxes por todo o país.
Ligazóns