A Virxe achada no río Sar xa está exposta no Museo das Peregrinacións e de Santiago

A peza do século XIV pasou por un proceso de restauración para a súa aclimatación fóra da auga dun xeito controlado

A peza do século XIV pasou por un proceso de restauración para a súa aclimatación fóra da auga dun xeito controlado
A Virxe de Conxo trala súa restauración
A escultura atopada no leito do río Sar ao seu paso pola parroquia compostelá de Conxo en xuño de 2020 xa pode verse no Museo das Peregrinacións e de Santiago onde ficará exposta ao público. A escultura denominada como 'Virxe do Leite de Santa María de Conxo' pola súa iconografía está tallada en catro das súas cinco faces e representa a unha Virxe entronizada co Neno. A ambas bandas da Virxe, sobre os seus ombreiros, descansan dous anxos suxeitando un botafumeiro ou incensario. Trátase dunha peza de case un metro de alto e os especialistas sinalan que responde ao modelo de Virxe da leite. En canto a súa autoría, o equipo de expertos implicado no proceso atribúe esta escultura a un taller ourensán de influencia burgalesa, responsable tamén da Virxe de Santa María de Salomé e do tímpano de San Fiz de Solovio, ambos en Santiago. Ademais, sitúan a súa cronoloxía a principios do século XIV.

Tras a súa retirada do río, a peza artística foi trasladada ás dependencias do museo, onde un grupo de expertos investigou a importancia patrimonial deste achado ao tempo que se poñía en marcha un delicado proceso para garantir a súa conservación. Para iso, os especialistas decidiron que a figura permanecese somerxida en auga co fin de controlar os niveis fisicoquímicos que tiña no medio no que foi atopada mentres se levaba a cabo a limpeza da totalidade da superficie de vexetación e axentes biolóxicos aproveitando a súa humidade, intentando sempre a maior eficacia posible ao tempo que se minimizaba o risco de danar a figura. O proxecto completouse coa creación dunha cápsula transparente que permitiu aclimatar a talla da Virxe de xeito controlado e gradual mediante o calendario establecido polos expertos para que a progresión na desecación fora o máis suave posible para non prexudicar á peza. A Virxe formará parte da exposición permanente do museo.