
Segundo destaca a RAG, "algúns dos topónimos analizados son únicos en toda Galicia" como é o caso de Neipín, O Puiteiro ou Brandiz. Esta última, de orixe xermánica, vincúlase ao nome de orixe Brandaricus, mentres Neipín podería derivar do hipotético nome persoal de procedencia latina Naepinus ou estar relacionado co verbo aneipar. Segundo esta última posibilidade, o topónimo podería referirse "a un lugar que acolle e, seguindo esta liña argumentativa, a un sitio protexido, abrigado", segundo suxire a investigadora.
Tamén a orixe de Puiteiro é descoñecida, aínda que a autora vencéllao ao substantivo outeiro e sinala que "posiblemente estea emparentado co apelativo piouteiro que figura entre o léxico do galego de Asturias co significado lugar máis alto con respecto aos terreos que están arredor".



