O proxecto dun polígono industrial onda o Camiño Primitivo xera polémica

O ICOMOS emitiu un informe a cuestionar a obra prevista no PXOM da Fonsagrada

13/1/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

Plano a indicar a afección do polígono industrial ao Camiño Primitivo. Fonte: Ecoloxistas en Acción.

A aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Fonsagrada pode pór en perigo a integridade dun ben declarado Patrimonio da Humanidade como é o Camiño Primitivo ao seu paso polo concello. Así o asegura o informe do ICOMOS, organismo asesor da UNESCO en materia de patrimonio, que acaba de facer público a asociación Ecoloxistas en Acción. O texto advirte do perigo que implica o proxecto dun polígono industrial e dunha rotonda adxacente ao mesmos nas proximidades da traza do Camiño Primitivo ao seu paso pola Fonsagrada.

O organismo advirte nas conclusións deste documento que "non se xustifica de xeito conveniente a elección da ubicación" para o polígono industrial e que "existen outras localizacións posibles de menor afectación para o camiño e para a paisaxe". Segundo sinala "é posible que a obra proposta afecte gravemente á traza do Camiño Primitivo: a rotonda afectará o núcleo da nominación" ao estar situado na propia vía, "mentres que o polígono industrial o fará á zona de amortecemento" da ruta.

Ademais, ICOMOS lembra que "as intervencións de calquera índole nos bens Patrimonio Mundial e a súa zona buffer deben rexerse, ademais de polo sinalado na normativa patrimonial, territorial e urbana de referencia, polos criterios e compromisos asumidos ao ratificarse a Convención sobre a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural".

O PXOM, recorrido por un particular ante o Tribunal Supremo, foi aprobado pola Xunta e o Concello con todos os informes favorables e conta cunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que considerou legal o proceso. O Concello, pola súa banda, e segundo recolle La Voz de Galicia defende que a ubicación do polígono é a única xuridicamente posible e que cumpre coa legalidade vixente.

Que che parece esta nova?
48 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Primitivo, Fonsagrada, Patrimonio da Humanidade, UNESCO...