A emigración máis atípica

Un museo en Quintela de Leirado recupera a memoria da emigración a Guinea Ecuatorial que rematou coa evacuación do país

Un museo en Quintela de Leirado recupera a memoria da emigración a Guinea Ecuatorial que rematou coa evacuación do país
Verzas galegas e bananas nesta foto en Guinea Ecuatorial
Mentres nos anos 50 e 60 do século XX os galegos cambiaban América por Europa para traballar como obreiros, cociñeiros ou empregados domésticos, moitos dos veciños do concello ourensá de Quintela de Leirado e outros municipios da Terra de Celanova vivían unha emigración ben distinta en África, na Guinea Ecuatorial. Emigraban como capataces para comandar brigadas de centos de persoas, con casas, varios criados e salarios elevados. Un novo museo municipal lembra esta historia tan atípica da emigración galega vinculada á colonización africana e que rematou de xeito abrupto.

Desde esta semana, o concello de Quintela de Leirado conta cun pequeno museo que lembra a singular experiencia migratoria dos seus veciños a Guinea Ecuatorial. "Practicamente todos as familias tiveron a alguén na Guinea Ecuatorial", sinala Manuel Rial, coordinador do proxecto desde a empresa Trivium Estratexias de Cultura e Turismo e encargado do baleirado documental preciso para este museo que conta, a través de diferentes recursos panelísticos, audiovisuais e obxectos, unha experiencia moi breve no tempo pero que ficou gravada na memoria de Quintela de Leirado. O Museo foi promovido polo concello co apoio económico da Deputación de Ourense de 48.000 euros.

"Foi o típico caso do efecto chamada", sinala Manuel Rial, "no que uns parentes foron chamando a outros e a xente próxima da Terra de Celanova". O historiador documentou o primeiro veciño de Quintela, chamado Eloy Estrada, que chegou a Guinea Ecuatorial en 1896. "En realidade el tiña que ir ao Brasil pero polo camiño coñeceu das oportunidades que había na Guinea e quixo experimentar. Converteuse nun dos máis destacados propietarios de plantacións na illa de Bioko, coñecida durante a colonia como illa de Fernando Póo. A súa familia aínda reside alí".


Montaxe da exposición

Xefes de cuadrilla
Aínda que España tivera intereses en Guinea desde o século XVIII, non foi ata finais do XIX que se constituíu primeiro como protectorado español, a partir do ano 1900 como colonia e en 1926 xa como unha colonia que unifica o territorio continental co insular da illa de Fernando Póo. Foi precisamente no contexto colonial no que se sucedeu o fenómeno da emigración dos quinteláns. O goberno español apostou por favorecer as plantacións de cacao e café e eran precisos capataces e persoal que xestionase a gran cantidade de man de obra necesaria para os traballos.

O groso da emigración viaxou ata Guinea nos anos 50 e 60. "Ían directamente para alí cun contrato de traballo e xa entraban como xefes de cuadrilla. Con 18 ou 19 anos podían dirixir a uns 200 traballadores", sinala Rial. Co tempo, algúns comezaron a montar outros negocios como a exportación de madeiras tropicais ou panadarías, pero moi poucos ficaron alí, ou chegaron a pasar máis de dez anos na colonia. "Un deles é Óliver Senra, que é descendente de veciños de Quintela. Os seus familiares tiveron alí unha plantación, un aserradoiro e unha fábrica, e hoxe el conta cunha empresa de xestión comercial, andando entre Galicia e Guinea", apunta Manuel Rial.


Montaxe da exposición

A situación era notablemente paradóxica, porque as empresas coloniais ofrecían numerosos beneficios para quen fora traballar alá. "Chegouse a dar o caso dun emigrante que en Galicia traballaba facendo contrabando con Portugal e pasar a ter canguro, criados e non terte que ocupar de ningunha cuestión doméstica". O goberno tamén tentaba favorecer a chegada de inmigración facilitando o servizo militar. "Era un reclamo para xente nova. A mili en Guinea era moito máis lixeira, non tiñas que facer practicamente nada, un par de horas ao día, e logo podías ir traballar". Imposible non comparalo co rol inverso que xogaban os emigrantes galegos no resto dos seus destinos de emigración.

A musealización
A partir do traballo de campo, no que se gravaron entrevistas que foron editadas para diferentes vídeos ao longo do museo, a exposición tamén incorpora fotografías cedidas polos veciños e algúns obxectos traídos como souvenirs. Deuses da cultura fang, a etnia que habitaba na parte continental de Guinea, sacos orixinais de tabaco, machetes, un salacot ou unha bandeira de Guinea ecuatorial. E canda isto, documentación como contratos de traballo. "Temos tamén un vídeo moi especial en super8 da familia Estrada, que amosa como era a plantación nos anos 60 e nos permite ver a cidade, as relacións familiares ou a praia". De feito, boa parte do acopio gráfico da exposición ten que ver con celebracións familiares e xuntanzas de amigos.


Montaxe da exposición

Unha historia breve
A emigración quintelán a Guinea Ecuatorial rematou en 1968. "Cando España entrou na ONU tivo que activar os procesos de descolonización. A evacuación realízase de maneira precipitada, e nun clima de violencia e risco animado polas Juventurdes de Francisco Macías. O 27 de febreiro de 1969 moitos dos quinteláns son repatriados no buque Ciudad de Pamplona, cargado moi por riba da súa capacidade e coas existencias de auga potable limitadas. Foi o final abrupto dun proceso migratorio que, na súa fase máis álxida, apenas durou dúas décadas.


Montaxe da exposición

"A maioría dos testemuños que entrevistamos estiveron moi pouco tempo", explica Manuel Rial, "os que quedaron alá era porque tiñan propiedades alá, que perderon e en moitos casos tiveron que reclamar indemnizacións e que se lles recoñecera a propiedade. Todo o proceso foi traumático e mesmo tiveron problemas para que a dictadura lles recoñecera os anos traballados e cotizados aló. Non o conseguirían ata despois da Transición. A ditadura fixo un abandono silenciado de Guinea".
Hoxe a súa historia consérvase en 100 metros cadrados que xa se poden visitar no local multiusos da capital municipal.