A XVª edición dos premios que outorga a Asociación Cultural Barbantia xa ten destinatarios dos seus galardóns, os Sereos, que ademais este ano renovaranse como esculturas da artista Soledad Penalta, na contra das habituais figuras de Sargadelos. Estes premios que recoñecen desde a comarca do Barbanza a achega á cultura tanto local como galega de diferentes persoas ou entidades atopou este ano no profesor e escritor Manuel Caamaño (Noia , 1936) o merecedor do seu premio no eido da Cultura Galega. Caamaño, ademais de escritor foi presidente da asociación O facho e membro do padroado do Museo do Pobo Galego, entre as súas obras está o libro 'As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia', editado en 2003. O recoñecemento da asociación pola Iniciativa Cultural no Barbanza, será este ano para a Real e Ilustre CofradÃa da Dorna, de Ribeira, polo seu traballo a prol da cultura tradicional e a organización da festa do mesmo nome que obtén gran proxección. Ademais destes, o músico Enrique Paisal, natural de Palmeira (1938), será quen recolla o premio na modalidade de Traxectoria Cultural en Barbanza. Paisal foi membro fundador de Los Tamara e de diversas agrupacións corais, entre elas, a municipal de Ribeira , onde foi director do conservatorio municipal. A Casa de Cultura de Outes acollerá a entrega dos galardóns o vindeiros sábado 18 de decembro.