Camilo Franco presenta unha app literaria

Piso Franco achega textos ao público mediante unha subscrición anual

<i>Piso Franco</i> achega textos ao público mediante unha subscrición anual
Camilo Franco. Fotografía de Moncho Fuentes.
Unha aplicación para teléfono móbil que achega contidos literarios novos cada semana cun pago por subscrición anual. Esta é a proposta que o xornalista, crítico e escritor Camilo Franco realiza en Piso Franco, o seu último proxecto no campo das letras.

A aplicación recolle de partida unha selección de relatos equivalente a un libro, e coa subscrición cada persoa usuaria recibirá dous textos novos cada semana que se incorporarán aos dispoñibles. Segundo adianta o autor, "o contido maioritariamente será literario, aínda que tamén haberá crítica, reporteirismo teórico e opinión máis ou menos decorada con realidades ou viceversa, realidade máis ou menos decorada con opinión".

O proxecto é accesible nas tendas de aplicacións de Apple e Android, cun prezo de lanzamento de 9,99 euros por ano ata o 15 de xaneiro. A partir de entón o prezo da subscrición será de 14,99 euros anuais. Todos os contidos están dispoñibles en galego, portugués, inglés e castelán. Unha cuarta parte dos contidos estará dispoñible en aberto a través da aplicación.

Camilo Franco presenta a iniciativa como " a nova versión do libro de peto" e sostén que é "a maneira na que hoxe un autor pode ter unha relación directa e máis ou menos simple cos lectores ao mesmo tempo que establecer unha relación comercial de tipo livián ". O autor desenvolverá a través da rede un intenso contacto co seu público lector. "Cada semana vai haber unha especie de convocatoria sobre que espera o lector que suceda", asegura.