
No estudo, elaborado polos arqueólogos Xulio Rodríguez e Carmelo Fernández, destacan o feito de que "non se rexistren por agora fitos intermedios que xustifiquen a expansión deste artefacto desde o seu lugar de orixe ao NW peninsular". Pero non só iso a distancia, senón a súa perdurabilidade. Porque o puñal foi atopado na zona máis profunda do foxo do castro de Santomé, asociado a material castrexo que o sitúan no século I d.C. "Durante un longo periodo de tempo, de máis de douscentos anos, o puñal foi adquirindo un novo significado para converterse nun obxecto de forte carácter simbólico, que permitiría ao seu novo posuidor enlazar cos seus devanceiros".
Ata o momento, as relacións durante a Idade do Ferro das xentes que habitan a Gallaecia actual coa Meseta eran moi descoñecidas, e non se ten detectado un fluxo comercial estable. "O achado só se podería explicar pola presenza no noso xacemento dalgún individuo procedente da Meseta, que o gardou como unha reliquia dos seus devanceiros". Os investigadores poñen o exemplo dos mercenarios das tribos celtíberas ou íberas que combatían noutro lugar levando as súas armas orixinais.
O puñal conta cunha suntuosa decoración de fíos de plata, só distinguible a través das radiografías debido ao estado de corrosión do metal.
A peza foi presentada dentro da programación de "pezas do mes" coas que o Museo dá a coñecer os seus fondos ao longo de todo o ano.