Agadic pon en Valladolid un posto para promover a escena galega

O sector acude á novena edición do mercado das artes escénicas Mercartes

Posto de Escena de Galicia   Fonte: AGADIC
Posto de Escena de Galicia Fonte: AGADIC
O sector do teatro, circo e danza de Galicia está presente na novena edición do mercado das artes escénicas Mercartes en Valladolid, onde máis de corenta axentes da nosa terra está acreditados para asistir representando a compañías, promotoras e recintos. O mercado ten como país invitado a Portugal A Xunta de Galicia encabeza coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) unha delegación empresarial e institucional da que forman parte outra decena de entidades e empresas de produción e distribución de espectáculos. A súa actividade centralizarase no expositor Galicia en escena, que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon en Mercartes á disposición das compañías galegas para a difusión dos seus novos traballos. Tras unha anterior edición virtual en 2020, este ano Mercartes recupera o seu formato presencial con 1.792 metros cadrados de exposición e 120 postos.

Ata o recinto feiral de Valladolid desprazouse unha representación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da asociación empresarial Escena Galega, así como de Ainé Producións, Cía. Elvi Balboa, De Ste Xeito Producións, Culturactiva, Ibuprofeno, Nova Galega de Danza, Producións Dispersas, Redrum Teatro e Teatro Ensalle, entre outras acreditadas para o encontro profesional. O expositor da Xunta de Galicia sírvelles de epicentro para a difusión das súas últimas producións, ademais de como espazo para a celebración de xuntanzas cos responsables de festivais, circuítos e teatros de toda España que se dan cita ata o vindeiro xoves no que é o principal mercado a nivel estatal para o intercambio comercial no ámbito das artes escénicas. Pola súa banda, Escena Galega presentará no mercado o seu novo catálogo, a través do que difunde o traballo de todas as súas empresas asociadas.
Ligazóns