Coristanco únese ao Parque do Megalitismo da Costa da Morte

O concello engade o dolmen do Chan das Embarradas ao patrimonio do proxecto

O concello engade o dolmen do Chan das Embarradas ao patrimonio do proxecto
Dolmen do Chan de Embarradas. Fonte: Megaliticia / megaliticia.blogspot.com/
O Concello de Coristanco ven de incorporarse ao proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte co seu dolmen do Chan das Embarradas. A inclusión deste patrimonio engádese así ao de outros dez concellos da provincia da Coruña que ata este momento conformaban o proxecto liderado desde a deputación provincial: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

O Consello de Dirección do Parque no que están representadas todas as entidades aprobou a inclusión de Coristanco na súa recente xuntanza. Ademais da inclusión de Coristanco, tamén se aprobaron dúas medidas máis. Dunha banda, aprobouse o estudo de sinalización para o conxunto de todos os bens patrimoniais, cun orzamento de 58.000 euros máis IVE e seguindo os criterios estéticos e de cores do manual autonómico de identidade corporativa para este tipo de elementos. O obxectivo neste punto é contar con todos os elementos arqueolóxicos sinalizados ao longo do vindeiro ano.

Estimar o prezo de compra dos xacementos privados
Doutra banda, tamén se abordou a planificación da compra dos 16 xacementos arqueolóxicos situados neste territorio. O Consello de Dirección acordou aprobar o estudo definitivo do prezo de compra destes bens coa mirada posta no horizonte do exercicio 2022. Neste sentido, acordouse urxir a valoración económica por parte dos servizos provinciais de cara a facer efectiva a compra unitaria de todos os bens antes do remate do vindeiro ano. Trátase dos 14 xacementos incluídos no proxecto inicial, que son Pedra Moura de Aldemunde en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas; aos que se lle suman o dolmen de Chan das Embarradas en Coristanco, e o menhir de Erboedo na Laracha.

Tras moitas subidas e baixadas durante anos, o proxecto actual do Parque Arqueolóxico do Megalitismo esténdese no territorio da Costa da Morte fundamentalmente nos once concellos que se inclúen no convenio de colaboración asinado coa Deputación da Coruña. Máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias compoñen unha das mostras en mellor estado e máis representativas da Idade de Pedra na Galiza que son a trabe deste proxecto que busca conservar o patrimonio e contribuír á súa difusión. Ademais dos bens patrimoniais sinalados no plan director do parque, o Dolmen de Dombate coñecido como a "catedral do megalitismo" tamén é un recurso clave no proxecto.