José Miguel Andrade: "Afonso X vía a Galicia como un reflexo das políticas que el quería combater"

É coeditor do libro Galicia no tempo de Afonso X

É coeditor do libro <i>Galicia no tempo de Afonso X</i>
O profesor da USC José Miguel Andrade. Foto: culturagalega.gal
Xunto con Simon Doubleday, o profesor da USC José Miguel Andrade é editor da última publicación do Consello da Cultura Galega, Galicia no tempo de Afonso X, que onte presentou a institución. Este libro colectivo recolle o traballo dunha manchea de especialistas que amosan a vitalidade da Galicia do século XIII en contraposición coa imaxe de decadencia transmitida pola historiografía. Pero o volume tamén reflicte a realidade contraditoria do proxecto do famoso monarca con respecto ao reino galego. Entrevistamos a Andrade para coñecer as novidades da publicación.

O libro ofrece unha nova lectura da relación de AXG con Galicia.
Si, pero é unha relación moi complexa. O mesmo rei que non pisou nunca Galicia e mantivo unha relación distante co país é o home que emprega o galego como lingua de primeiro nivel para as súas Cantigas. É moi controvertido. Parece evidente é que esa imaxe de que nos debuxaron de que co reinado de Afonso X Galicia entrou en decadencia e marxinalidade, se non é falso, cando menos hai que matizalo moitísimo.

É moi chamativo no que comentades de que os elementos que se asocian á decadencia de Al-Andalus son os mesmos que se asocian á decadencia do reino de Galicia.
Si, iso é unha proposta de Simon Doubleday. Hai unha realidade que é evidente: Afonso ten unha aposta persoal polo sur, por Córdoba, por Sevilla, por Murcia, pero ten un pouco esquecido non só a Galicia senón ao norte da coroa de Castela. Aínda así, é moi curioso ver a colaboración de boa parte da aristocracia galega na conquista de Sevilla. Por outra banda, a achega fiscal do reino de Galicia no orzamento xeral da Coroa de Castela era moi importante e substancioso. Pensar que Galicia era un territorio esquecido e abandonado... e logo a presenza do reguengo, a presenxa non física pero si institucional da monarquía no reino de Galicia.

A figura do rei téndese sempre a representar como moi ausente de Galicia.
Nós os historiadores académicos somos os principais responsables de debuxar unha Galicia de monxes e de cregos. Non é falso, pero é unha realidade matizable. Estamos tan condicionados polas fontes que as interpretamos como a realidade, cando esta é máis poliédrica. Non só o papel da aristocracia laica, que é moito máis importante do que tendemos a pensar, senón o propio papel da monarquía, que interviña no reino de Galicia moito máis alá que coa presenza do propio rei. Temos a Terra de Trastámara, as tenzas, sempre renovables polo rei. Ou a Terra Cha, entendida non só como espazo xeográfico, senón como unha terra do rei. Non sei se reparaches na cantidade de topónimos reais que hai na Terra Cha. Castro de Rei, Outeiro de Rei, ou mesmo Palas de Rei na Ulloa... Ademais, hoxe en día as novas tendencias historiográficas fannos considerar que reducir a monarquía ao rei é absurdo, porque canda o rei tamén hai unha raíña, unhas infantas e infantes, unha curia rexia e unhas institucións que contribúen a facer presente o proxecto real nos diferentes territorios da coroa. Galicia non foi allea neste sentido.

Precisamente o artigo de Rosa Rodríguez do libro estuda a diferente relación que tiñan con Galicia tanto Afonso X como a súa esposa a raíña Violante.
Realmente a relación entre eles dous non era marabillosa, como sucedeu tantas veces. Na documentación vemos que fronte a unha actitude un tanto pasiva de Afonso, observamos outra idea máis intervencionista e de presenza física en Galicia, por parte da raíña Violante ou de Sancho IV, construído a partir do convento de Santa Clara de Allariz. Se ti miras unha foto aérea de Allariz de hoxe en día, podes quedar sorprendido pola extensión dese convento. Esa fundación nace dun proxecto moi ambicioso que é sorprendente. Hai un acto devocional, si, pero tamén unha explicación que responde a claves políticas. Fálase dun triángulo A Porqueira, Celanova e Allariz, vinculado á monarquía pola póla feminina.

No libro chama a atención ese cambio de óptica historiográfica que se plasma na idea dun monarquía máis ampla.
Porque cada época ten as súas propias inquedanzas e se reflicten no traballo do historiador. Cando eu estudaba a presenza era masculina, pero co movemento feminista todo comezou a preocupación polo papel das mulleres, por exemplo. Pero iso esténdese a minorías sexuais, relixiosas... Cada época ten preguntas distintas para realidades vellas. Por iso é moi importante que xunto a xente consagrada, que xa ten unha visión de moitos anos, os editores destas publicacións deamos voz á xente nova. A realidade histórica conta coas mesmas fontes, a documentación e a arqueoloxía, pero o que temos son novas preguntas por parte de novas xeracións.

Ti de feito participaches nunha relectura actual do reino de Galicia, xunto con Anselmo López Carreira.
Si, pero aí somos os dous vellos (risas). Aí o máis interesante e novidoso foi a colaboración entre a Historia feita desde as marxes da academia, aínda que Anselmo é académico, coa historiografía académica. Coido que é unha das primeiras veces que hai unha certa colaboración entre eses dous ámbitos.

Pero as conclusións son moi chamativas.
O relato historiográfico sobre o esquecemento do reino de Galicia, que traballou máis López Carreira no libro, é abraiante. Como desde finais da Idade Media comeza a ocultarse a importancia que tivo o reino de Galicia no conxunto da política dos reinos peninsulares ata facelo esquecible. E non é así.

Que é Galicia para Afonso X?
O país onde nacera a lingua na que el se sentía máis cómodo literariamente, aínda que el logo empregara o castelán para a produción histórica e científica. É probable que vira tamén a Galicia como unha importante fonte de rendas, que contribuíu moitas veces aos seus proxectos. E rematando, podería ser vista como unha especie de reflexo de parte das políticas que el quería combater. Unha igrexa hipertrofiada, como a de Santiago de Compostela, ancorada en modelos que el podía considerar obsoletos. El identifica Galicia coma o dominio do mundo eclesial e aristocrático que el pretendía moderar, un reflexo das políticas que el quería combater.

Pode ser que este interese polo sur tivera que ver con que era unha terra na que el tiña máis marxe de actuación?
Exacto. El estaba fascinado tamén coa realidade cultural tan distinta que atopa en Sevilla, Córdoba e Murcia. Maribel Fierro refírese a Afonso X como o último califa almohade. El é un home rompedor e rupturista, e as novas conquista dábanlle prestixio.