"Esta publicación desafía a idea do declive de Galicia desde o século XIII", anunciou desde Nova York Simon Doubleday, profesor da universidade de Hoftsra (Nova York), un dos dous editores de Galicia no tempo de Afonso X, a publicación coa que o Consello da Cultura Galega recompila a visión que diferentes especialistas do ámbito da historia e da filoloxía ofrecen sobre o século XIII galego e a relación entre o país e o monarca Afonso X, a coincidir co aniversario dos 800 anos de nacemento do monarca. O libro, do que tamén foi editor o profesor da USC José Miguel Andrade Cernadas, presenta entre outras novidades un Diplomatario galego de Afonso X elaborado por Francisco Javier Pérez Rodríguez que permite coñecer todos os documentos saídos da cancillería real en relación ao reino de Galicia, así como diferentes artigos que exploran a relación das mulleres da monarquía e a recepción da obra alfonsí en Galicia durante a Idade Media. Por outra banda, a Xunta presentou onte a publicación Afonso X e Galicia, publicado no marco dos actos promovidos polo goberno galego para o 800 aniversario, e que inclúe a edición facsimilar da escolma das Cantigas de Santa María feita en 1980 por Álvaro Cunqueiro e editada por Galaxia. Hoxe e mañá o pazo de San Roque, en Santiago, acolle unha serie de conferencias e mesas redondas sobre o monarca.